Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 224 Xoves, 5 de novembro de 2020 Páx. 44135

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

RESOLUCIÓN do 28 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do edificio da rúa Moncho Reboiras número 8, no concello de Culleredo (A Coruña).

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. En exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG), que, primeiramente, no seu artigo 8.1, inclúe a clasificación dos bens do patrimonio cultural de Galicia e establece que eses bens poderán ser declarados de interese cultural ou catalogados e, a seguir, no parágrafo 3, define os bens catalogados como aqueles bens e manifestacións inmateriais non declarados de interese cultural e que, polo seu notable valor, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.

Ademais, o artigo 87.1 considera que integran o patrimonio arquitectónico, entre outros, os inmobles aos cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica. Así mesmo, o parágrafo 2 indica que o patrimonio arquitectónico se caracteriza polas técnicas construtivas, os volumes, os espazos e os usos, as linguaxes formais e a expresividade das estruturas, e as cores e as texturas dos materiais.

Por outra parte, o artigo 88.d) da LPCG refire que se presume que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, nos edificios destinados ao uso privado, construídos con anterioridade a 1803, que constitúan testemuño relevante da arquitectura tradicional rural ou urbana ou que configuren o carácter arquitectónico, a fisionomía e o ambiente dos centros históricos das cidades, vilas e aldeas e dos núcleos tradicionais. O devandito artigo tamén establece, no parágrafo 2, que poderá recoñecérselles un significativo valor arquitectónico aos bens construídos con posterioridade ás datas sinaladas sempre que así se determine despois dun estudo pormenorizado.

O día 15.1.2020, a propiedade do inmoble solicita a incoación do procedemento de catalogación da edificación localizada na rúa Moncho Reboiras número 8 do termo municipal de Culleredo, xustificada pola súa singularidade como obra de mediados do século XX e atribuída a un arquitecto representativo do racionalismo e do movemento moderno en Galicia, Antonio Tenreiro.

En vista dos informes técnicos e do ditame do Consello Territorial do Patrimonio Cultural da Coruña do 6.5.2020, o edificio de Moncho Reboiras número 8 do concello de Culleredo é un notable exemplo do patrimonio arquitectónico da época da autarquía, na metade do século XX, que mantén os principios racionalistas do movemento moderno nun contexto pouco favorable, máis orientado cara ao historicismo, condicionado pola escaseza de recursos e de medios para a construción, e do que resulta singular pola escaseza de exemplos das súas características formais e tipolóxicas.

Unha vez vista a información que se xunta ao expediente, na cal se acredita a concreción da presunción dos valores culturais legalmente recoñecidos, en especial o seu valor histórico e arquitectónico, cómpre proceder á incoación do procedemento de catalogación deste inmoble no exercicio da competencia que lle atribúe á persoa titular da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e, en virtude, do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Incoación do procedemento

Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o edificio da rúa Moncho Reboiras número 8, no concello de Culleredo (A Coruña), consonte a descrición que figura no anexo I.

Segundo. Prazo de resolución e caducidade

O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito (18) meses a partir da data desta resolución e, de transcorrer ese prazo sen que se emitise resolución expresa, produciríase a caducidade dos seus efectos.

Terceiro. Anotación preventiva e réxime de protección

Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados, coa categoría de monumento e nivel de protección estrutural.

Cuarto. Publicación

Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. Notificación

Notificar esta resolución ás persoas interesadas no procedemento e ao Concello de Culleredo.

Sexto. Información pública

Abrir un período de información pública polo prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e informacións que considere oportunas. A solicitude de consulta dirixirase ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cal poderá empregarse o procedemento PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia en www.sede.xunta.gal.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2020

Mª Carmen Martínez Insua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Descrición e delimitación do inmoble

1. Denominación: edificio da rúa Moncho Reboiras número 8.

2. Localización:

• Provincia: A Coruña.

• Concello: Culleredo.

• Parroquia: O Burgo (Santiago).

• Lugar: Acea de Ama.

• Enderezo postal: Moncho Reboiras 8, Acea de Ama, 15670 Culleredo (A Coruña).

• Coordenadas UTM ETRS89 fuso 29: X: 551.125; Y: 4.796.150.

3. Descrición:

A parcela en que se sitúa o edificio ten unha superficie de 397 m2 e, actualmente, está ocupada por tres volumes acaroados:

• O edificio orixinal, de 2 andares (baixo de 160 m2, alta de 168 m2 e baixo cuberta), que acolle 4 vivendas (2 na planta baixa e outras 2 na alta).

• Un anexo apegado polo lado noroeste, dunha planta dedicada a garaxe de 129 m2.

• Un soportal arrimado polo lado suroeste de 46 m2.

O edificio de vivendas sitúase na esquina leste da parcela, delimitada pola rúa Alcalde José María Louzán ao nordés –onde se atopa a fachada principal do edificio– e pola rúa Moncho Reboiras ao sueste. No lado noroeste sitúase o garaxe anexo e o resto da parcela está libre de edificación e acolle dous patios vinculados a cadansúa vivenda de planta baixa, pechados con muros.

O volume do edificio é sinxelo, formado a partir dunha planta rectangular, con cuberta a dúas augas. A fachada principal ocupa un dos lados longos, o nordés, e nela sobresaen dous corpos voados na planta alta que teñen as esquinas achafranadas e que se prolongan en dous balcóns (con antepeito rematado por un tubo metálico) que se interrompen no centro da fachada, onde se localiza a porta de entrada na planta baixa do edificio. Na fachada posterior hai un balcón con antepeito que sobresae do centro da planta alta.

A composición das fachadas garda a simetría. Os ocos da fachada principal teñen tamaños distintos, combinando a proporción horizontal dos maiores situados nos extremos coa vertical dos menores situados no centro. Os ocos do resto das fachadas teñen proporción vertical.

A distribución interior das dúas plantas é similar. A escaleira de tres tramos e oco central sitúase nunha posición central da planta, con iluminación cenital. As dúas vivendas de cada planta son simétricas, con escasas diferenzas entre a planta baixa, que conta con 4 estancias, unha cociña e dous aseos; e as da alta, que teñen unha estancia máis e un pequeno balcón na fachada.

A estrutura portante do edificio resólvese cun sistema moi empregado durante os anos da autarquía pola escaseza de materiais: muros de formigón en masa, construídos con árido groso, dispostos na envolvente do edificio e pechando a escaleira interior que separa as vivendas; vigas de formigón armado e forxado de viguetas de cemento armadas e entrevigas cerámicas.

A cuberta de tella cerámica plana é soportada por unha estrutura de madeira e o espazo baixo a cuberta ilumínase por ocos nos testeiros. O garaxe anexo ten unha cuberta de pranchas onduladas de fibrocemento.

Os muros son revestidos cunha revocadura continua que tamén se emprega nos elementos ornamentais da fachada. O elemento decorativo máis preeminente é a cornixa que voa considerablemente respecto do plano da fachada e dos volumes achafranados e sobre a cal se ergue un acroterio con molduras e dous elementos decorativos sobre cadanseu corpo voado. Unha imposta recorre a parte alta da planta baixa e tamén son resaltadas as soleiras dos ocos desa planta.

As carpintarías son de madeira, combinando o sistema de guillotina nas ventás e as portaventás de dobre folla nos ocos de acceso aos balcóns, similares á porta de entrada. Todas as carpintarías teñen unhas particións decorativas, marcando tres franxas que remarcan a composición horizontal da fachada.

Actualmente, os grandes panos da fachada están pintados cun ton claro de amarelo, cos elementos decorativos resaltados en branco. O zócalo e as carpintarías están pintados de cor vermella. Os pavimentos da entrada e da escaleira son de terrazo executado in situ e as paredes están recubertas ata media altura con terrazo na entrada e estuco decorativo na escaleira. A escaleira conta cun antepeito rematado por unha varanda de madeira.

4. Natureza e categoría: ben inmoble, patrimonio arquitectónico. Nivel estrutural.

5. Réxime de protección específico:

A edificación debe ser conservada e permitirse a restauración do seu uso característico e propio, que é o residencial.

As distribucións e os espazos interiores poderán ser adaptados ás condicións de habitabilidade necesarias, aínda que baixo o criterio da menor intervención ou modificación posible.

Manteranse os elementos constitutivos da estrutura e a posición e dimensión de ocos; os elementos ornamentais de fachada: liñas de imposta, cercos e cornixas e, na medida do posible, o proxecto de restauración integrará o sistema ou o tipo de acabamentos orixinais, coa prioridade da conservación dos que sexa factible incorporar ao seu uso.

Manterase o volume da edificación, ben que se consideran compatibles axustes nas dimensións da cuberta no caso de reestruturación. No caso de seren necesarios acondicionamentos de carácter térmico, a solución manterá as características compositivas e os elementos configuradores das fachadas.

Manterase a carpintaría de fachada ou, de ser o caso, reproducirase mantendo o material, a composición e o sistema de apertura.

As actuacións autorizables serán as de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación, así como as de reestruturación para o caso dos reforzos dos forxados ou a substitución da estrutura da cuberta, que poderán ser substituídos por elementos análogos ou coherentes cos orixinais e que permitan un semellante funcionamento estrutural.

As edificacións anexas poderán ser obxecto de modificacións de meirande alcance, ben que a súa modificación non deberá impedir a apreciación do inmoble protexido.

O plan especial de reforma interior da APR-D2.4 previsto no planeamento aprobado inicialmente deberá incorporar as previsións para respectar a conservación da edificación, sen prexuízo do desenvolvemento previsto e tomando en consideración a necesaria integración e valoración da edificación de valor cultural.

En calquera caso, o planeamento vixente deberá tamén respectar a obriga legal de conservar os elementos clasificados e, de ser preciso, poderán realizarse as modificacións necesarias para garantir a conservación do inmoble.

6. Delimitación e contorno de protección:

O ben está composto pola edificación orixinal identificada en planta de forma coherente polo sistema de muros e que conforma as vivendas e a escaleira que as comunica. As edificacións anexas non se clasifican con ningún nivel de protección.

No referido ao contorno de protección que se propón, dada a actual transformación e evolución do ambiente máis próximo, no cal existen instalacións de residencia plurifamiliar de recente construción xa consolidadas, proponse a delimitación dun contorno de protección do inmoble limitado exclusivamente á parcela en que se localiza.

missing image file

ANEXO II

Valoración cultural

A documentación que se achega na solicitude é completa e suficiente para acreditar un notable valor cultural do ben en relación co patrimonio arquitectónico, en concreto, o testemuño da arquitectura periurbana de mediados do século XX, na cal se desenvolve unha linguaxe propia do movemento moderno condicionada pola escaseza de materiais e que integra os principios da arquitectura racionalista nas edificacións domésticas dun carácter modesto, o que adoita denominarse como arquitectura da autarquía.

A súa construción pode acreditarse entre os anos 1945 e 1957 e atribúese a Antonio Tenreiro Rodríguez, autor dunha numerosa obra na bisbarra que, en varios exemplos, contan coa súa clasificación como bens do patrimonio cultural de Galicia e da que este tipo construtivo sería un exemplo singular tanto pola súa tipoloxía e uso, pola conservación dos seus elementos orixinais e auténticos e a conservación dun estilo depurado sen apenas contribucións historicistas.

Antonio Tenreiro Rodríguez foi un dos arquitectos galegos máis significativos do século XX en Galicia, cunha dilatada traxectoria desenvolvida fundamentalmente na Coruña, que inclúe o Banco Pastor (1922), o Arquivo do Reino de Galicia (1955), a Cidade Xardín (1930), o Mercado Municipal de San Agostiño (1932) ou o edificio Atalaia nos Xardíns de Méndez Núñez (1933). Destacou pola difusión da linguaxe do movemento moderno na arquitectura residencial da Coruña, proxectando xunto con Peregrín Estellés numerosos edificios de vivenda neste estilo. Os edificios de vivenda máis significativos desta época abandonan a linguaxe moderna e adoptan composicións historicistas como moitos dos seus coetáneos. Porén, o edificio número 8 da rúa Moncho Reboiras de Culleredo mantén as características da súa primeira obra e é, ademais, testemuño da época da autarquía en Galicia, momento en que a arquitectura se debate entre diversas correntes estilísticas, entre elas un movemento moderno serodio caracterizado polas penurias económicas.

Ben que o edificio se atopa deshabitado e sen uso (o que contribúe ao empeoramento do seu estado de conservación), mantense o volume e os seus elementos característicos e a súa estabilidade non está comprometida. A súa rehabilitación considérase viable e recomendable a súa integración no futuro desenvolvemento urbanístico da zona.