Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Mércores, 4 de novembro de 2020 Páx. 43798

III. Outras disposicións

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2020, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se deixa sen efecto a Resolución do 17 de xullo de 2012 pola que se aproba o procedemento para a solicitude de dilixenciamento do libro-rexistro dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático.

A Orde do 27 de abril de 1999 regulaba o control metrolóxico do Estado sobre os instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático, nas súas fases de verificación logo da reparación ou modificación e de verificación periódica. No seu artigo 5 indicaba que os posuidores de instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático tiñan que dispoñer dun libro-rexistro de reparacións, debidamente, foliado, selado e habilitado pola Administración pública competente, para anotar nel todas as actuacións realizadas polos reparadores na reparación ou modificación do instrumento.

A Resolución do 17 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, aprobou o procedemento para solicitar o dilixenciado do libro-rexistro dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático, e estableceu tamén o seu formato e os órganos encargados da dita dilixencia.

A Orde ICT/155/2020, do 7 de febreiro, pola que se regula o control metrolóxico do Estado de determinados instrumentos de medida, derroga a Orde do 27 de abril de 1999 con efectos do 25 de outubro de 2020. Co fin de reducir cargas administrativas e económicas aos administrados, a dita orde elimina o libro rexistro. En termos xerais para todos os instrumentos, a Orde ICT/155/2020 establece no seu artigo 6 que os reparadores elaborarán un informe sobre as actuacións realizadas que conterá, en todo caso, a natureza da reparación ou modificación detallada suficientemente para poder avaliar o seu alcance, os elementos substituídos, a data da actuación, a identificación do reparador, se o instrumento de medida foi axustado reflectirase o erro de indicación tras o axuste, a identificación dos precintos colocados e existentes, así como a súa colocación.

Os datos recollidos no libro-rexistro coinciden cos establecidos para o informe de actuación dos reparadores, polo que pode considerarse que os libros-rexistro cumpren coas especificacións establecidas para os informes de actuación.

Só nos últimos 10 anos dilixenciáronse máis de 20.000 libros rexistro aos cales lles quedan moitos rexistros baleiros; prescindir deles non acadaría o obxectivo da redución de cargas administrativas e económicas, senón todo o contrario.

De acordo coas competencias que veñen atribuídas no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria,

RESOLVO:

1. Deixar sen efecto a Resolución do 17 de xullo de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento para a solicitude de dilixenciamento do libro-rexistro dos instrumentos de pesaxe de funcionamento non automático, con data do 24 de outubro de 2020. A partir do dito momento non se dilixenciarán nin se venderán máis libros-rexistro de aparellos de pesaxe de funcionamento non automático.

2. Os libros que xa estean dilixenciados poderán ser usados polos reparadores para reflectir as súas actuacións ao cumprir o indicado no artigo 6 da Orde ICT/155/2020.

3. Os organismos autorizados de verificación metrolóxica, sen prexuízo da emisión do correspondente certificado de verificación, poderán reflectir a súa actuación no libro-rexistro como medida adicional de información ao titular.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais