O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe conciliarse co respecto ao resto de dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.
No sector do transporte, os servizos que se prestan representan un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), a educación (artigo 27), o traballo (artigo 35) e a protección da saúde. Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante as xornadas de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.
A Organización Sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), con data do 11 de outubro de 2020, comunicou á Dirección Xeral de Mobilidade a convocatoria de folga indefinida na UTE Vehículos Costa, S.L.; Autocares Pedro Pombo, S.L.; Autocares J. Pombo, S.L.; Autocares López e Hijo, S.L.; Autos Fondo e Hijos, S.L.; Autocares González Rodríguez, S.L.; Autocares Ferrín-Costa, S.L.; Autocares Facal, S.L.; Facal Bus, S.L.; Autocares Rey Varela, S.L.; Autocares Meijide, S.L. e Transportes Cotelo, S.L. (abreviadamente, UTE Galicia XG-811) e as empresas que a compoñen.
Coa mesma data, a devandita organización sindical comunicou a convocatoria de folga indefinida na UTE Vehículos Costa, S.L.; Autos Rico, S.L.; Empresa Gilsanz, S.A.; Autobuses Santiso, S.L.; Hermanos Gabeiras, S.L.; Autocares Barbantia, S.L.U.; Empresa Sánchez, S.L.; Autocares J. Pombo, S.L. e Autos Morán, S.L. (abreviadamente, UTE Hércules) e as empresas que a compoñen.
As indicadas convocatorias afectan, por tanto, as referidas unións temporais de empresas e as diferentes empresas que as compoñen, a todos os traballadores que prestan servizos para as indicadas UTE e empresas e a todos os seus lugares de traballo, no ámbito dos contratos de concesión XG811 e XG846.
Esta folga comezará ás 00.00 horas do día 26 de outubro de 2020 e terá carácter indefinido.
Así pois, a concreción dos servizos mínimos que deben observarse durante as xornadas de folga debe efectuarse, e así se fai nesta orde, tomando en consideración a posible afección que a tipoloxía da convocatoria representa naqueles outros dereitos afectados.
Cómpre ter en conta as circunstancias extraordinarias e graves en que nos atopamos actualmente, derivadas da emerxencia sanitaria como consecuencia da pandemia internacional provocada polo coronavirus SARS-CoV-2 que causa a COVID-19.
O punto 43.1 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, mentres que o número 2 deste artigo sinala que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas. Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas fixadas polos diferentes instrumentos regulatorios aprobados polas autoridades, pois con eles non soamente se protexe a saúde dos usuarios do servizo de transporte público senón toda a poboación en xeral, como medidas destinadas a evitar a propagación da pandemia, evitar a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 e, con iso, a infección pola COVID-19.
Neste contexto, para o establecemento dos servizos mínimos, cómpre ter en conta, respecto dos servizos públicos de transporte regular de viaxeiros/as de uso xeral por estrada prestados a través dos contratos de concesión XG811 e XG846, que a este tipo de servizos resulta de aplicación a Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación, a cal previu a integración de diferentes tipos de servizos da competencia da Xunta de Galicia.
No marco desta previsión legal, a Xunta de Galicia procedeu, nunha primeira fase da planificación do sistema de transporte público, a un primeiro paso na integración da prestación do servizo de transporte de escolares no sistema de transporte público de uso xeral. Xa que logo, este último sistema dá servizo actualmente a un elevado número de escolares nos seus desprazamentos habituais para acceder aos seus centros educativos e, por tanto, ao dereito á educación.
Por tal motivo, establécese unha regulación dos servizos mínimos dos servizos públicos de transporte regular de uso xeral de viaxeiros por estrada que diferencia, por unha parte, os servizos correspondentes a expedicións «integradas», nas cales existe unha reserva de prazas a favor de escolares e, consonte coa citada Lei 2/2017, do 8 de febreiro, a súa prestación considérase prioritaria, polo que se manteñen o 100 % destes servizos.
Por outra parte, respecto do resto de expedicións, cómpre incidir especialmente na mobilidade que se produce cara aos principais centros urbanos, nos cales se localizan servizos esenciais aos cales cómpre garantir o dereito a acceder por parte das persoas usuarias, e cara aos que se presentan pautas de mobilidade cotiá recorrente en transporte público, vinculada co desenvolvemento ordinario das persoas. Neste sentido, diferenciarase a mobilidade que ten como orixe e/ou destino algunha das sete principais cidades galegas, tanto en servizos de curto percorrido, normalmente vinculados coa mobilidade máis recorrente, como en servizos de máis longo percorrido, vinculados cunha mobilidade dirixida fundamentalmente a acceder a servizos xerais radicados nas devanditas entidades de poboación, tanto se se dirixen directamente desde ou cara ás principais cidades como se facilitan o acceso aos servizos que se prestan nestas ou en cabeceiras de referencia, mediante a combinación de servizos.
Deste xeito, nas expedicións de curto percorrido, de ata 25 km, manterase ata un 50 % do servizo nas franxas horarias da primeira e última hora do día (das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas), co que se garante a posibilidade de acceder e retornar aos centros de traballo ou de educación, entre outros, aínda que as persoas usuarias poderían ter que adaptar as súas pautas habituais de mobilidade.
En canto ás expedicións de máis longo percorrido, garantirase con elas o acceso aos principais núcleos de poboación, ben na xornada de mañá ou ben na de tarde, mais limitando a súa prestación a un servizo de ida e volta antes das 14.00 horas e outro despois das 18.00 horas, o que fai un total de dous servizos diarios de ida e outros tantos de volta.
As circunstancias apuntadas son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, intentando deste xeito compatibilizar o contido esencial dos dereitos en conflito.
Na súa virtude, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e oído o Comité de Folga,
DISPOÑO:
Artigo único. Servizos mínimos
Durante a folga indefinida convocada polo sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) nas UTE Galicia XG-811, Hércules e as empresas que as compoñen, desde as 00.00 horas do día 26 de outubro de 2020, nos servizos que conforman os contratos de concesión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada de uso xeral XG811 e XG846, terán a condición de servizos mínimos os indicados nos respectivos anexos I e II desta orde.
Aos servizos concretos que resulten afectados por esta orde daráselles a máxima difusión ás persoas usuarias por parte das empresas concesionarias a través daqueles medios que permitan ter coñecemento deles e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade