Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 208 Xoves, 15 de outubro de 2020 Páx. 40015

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro

EDICTO de notificación de sentenza (PO 111/2019).

ORD. Procedemento ordinario 111/2019

Procedemento de orixe: 111/2019 sobre reclamación de cantidade

Demandante: Cafento, S.L.

Procurador: Justo Alfonso Fernández Expósito

Avogado: Luis Sánchez del Rosal

Demandada: Zona Cantarrana Cervecería, S.L.

Eu, María Isabel Díez López, letrada da Administración de xustiza de Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro (Lugo), fago saber que en virtude do acordado nos autos de referencia, e de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da Lei de axuizamento civil (LAC), por este edicto se notifica a Zona Cantarrana Cervecería, S.L. a Sentenza nº 167/2019, ditada con data do 12 de decembro de 2019 neste procedemento e que ten o teor literal seguinte:

«Vanessa María Formoso Castro, maxistrada titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Viveiro, logo de examinadas as actuacións, ditou a seguinte sentenza.

Foron vistos estes autos de xuízo ordinario nº 111/2019, seguidos ante este xulgado por instancia de Cafento, S.L., representada polo procurador Sr. Fernández Expósito e defendida pola letrada Sra. Hermida Cupeiro, en substitución do Sr. Sánchez del Rosal, contra Zona Cantarrana Cervecería, S.L., que non compareceu e foi declarada en rebeldía, sobre responsabilidade contractual.

Antecedentes de feito:

Primeiro. A parte demandante, na representación que exerce, formulou demanda de xuízo ordinario sobre reclamación de cantidade por responsabilidade contractual, rexistrada o 15 de febreiro de 2019, que por quenda de repartición correspondeu a este xulgado ao derivar de procedemento monitorio, baseada nos feitos que articula no corpo do escrito que, a prol da brevidade, se dan por reproducidos. Tras citar os fundamentos de dereito que considerou de aplicación, suplicaba ao xulgado que ditase sentenza en que se condene a demandada a pagar á demandante a cantidade de 6.404,11 euros, así como os xuros legais e as custas.

Segundo. Admitida a trámite a demanda mediante o Decreto do 15 de marzo de 2019, emprazouse a parte demandada para que contestase no prazo de vinte (20) días. A parte demandada non compareceu nas actuacións e foi declarada en situación procesual de rebeldía.

Terceiro. A audiencia previa tivo lugar o 10 de decembro de 2019. Nela constatouse a imposibilidade de acadar ningún acordo para poñer fin ao proceso. En defensa das súas alegacións, a demandante propuxo proba, documental por reproducida. Concedida a palabra á demandante para conclusións, quedaron os autos vistos para sentenza.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A parte demandante exerce acción de resolución de contrato e indemnización dos prexuízos causados e reclama a cantidade de 6.404,11 euros máis xuros e custas. Como feitos fundamento da súa pretensión, sinala que a demandada se subrogou nun contrato de subministración en exclusiva que subscribira coa empresa Cervecería Forum, S.L., en cuxa virtude lle subministraba café e outros produtos relacionados. No referido contrato a demandante realizaba un préstamo en concepto de anticipo, por importe de 4.000 euros, en atención ao carácter exclusivo da subministración e a cambio dun consumo mínimo semanal; refire que a demandada deixou de cumprir coa obrigación pactada de realizar o consumo mínimo e deixou de aboar dúas facturas, polo que solicita a resolución do contrato coas consecuencias que este sinala.

A parte demandada non compareceu nas actuacións e foi declarada en situación procesual de rebeldía. Dado que, conforme o artigo 496 da LAC, a rebeldía non supón achantamento nin admisión de feitos, corresponde á demandante a proba dos feitos constitutivos da súa pretensión.

Segundo. O Tribunal Supremo, en sentenzas do 27 de decembro de 2006 e do 3 de abril de 2003, entre outras, establece que “o denominado contrato de subministración é un contrato atípico, pero afín á compravenda, e vén caracterizado, en sintonía co artigo 1559 do Código civil italiano de 1942, pola obrigación dunha das partes, a cambio dun prezo, de realizar en favor da outra prestacións periódicas, cuxa función é a satisfacción de necesidades continuas para atender o interese duradeiro do acredor. A subministración comprende un conxunto de determinadas mercadorías ou xéneros, que se servirán en períodos de tempo determinados ou por determinar con posterioridade, e por un prezo preestablecido polas partes (ben fixo, ben por referencias certas). Como tal contrato atípico, o seu réxime xurídico «non se pode identificar co de compravenda, aínda que é afín a ela. Regúlase polo previsto polas partes, a prol do principio de autonomía da vontade (artigo 1255 do Código civil) e, na súa falta, pola normativa da compravenda (artigo 1445 e seguintes do Código civil e, de ser o caso, se é mercantil, 325 e seguintes do Código de comercio) e, en último lugar, polas normas xerais das obrigacións e contratos». En definitiva, a semellanza coa compravenda non implica que se identifique con ela e as normas que regulan o primeiro contrato só se poden aplicar á subministración cando se dea a razón de analoxía que o permita (Sentenza da Audiencia Provincial da Coruña (S. 3ª) do 22 de xullo de 2011).

A principal característica deste contrato de subministración, e que a diferencia do seu afín, o contrato de compravenda, é a de ter tracto sucesivo, na execución e cumprimento por ambas as partes, sen que iso obste para a permanencia e continuidade do vínculo, que se mantén único.

Exerce a parte demandante respecto a este contrato a acción de resolución e indemnización de prexuízos. A acción resolutoria do contrato, prevista no artigo 1124 do Código civil, para os sinalagmáticos, require para prosperar, segundo reiterada xurisprudencia:

1º. A existencia dun vínculo contractual recíproco e exixible.

2º. Que a outra parte cumprise o que lle incumbe e non provocase o incumprimento da contraria (Sentenza do Tribunal Supremo 294/1997, do 10 de abril). O relevante é, para os efectos resolutorios, para estimar a concorrencia dun verdadeiro incumprimento, por causa do atraso no cumprimento das prestacións, que tal atraso produza frustración nas lexítimas expectativas da parte cumpridora, en relación co fin do contrato (sentenzas do Tribunal Supremo do 20 de xuño de 1981 e do 31 de marzo de 1986).

3º. Incumprimento grave por unha das partes. Este requisito débese interpretar “en sentido racional, lóxico e moral” (Sentenza do Tribunal Supremo 360/1997, do 5 de maio), e non entra en xogo cando se trate de incumprimento de obrigacións que, estando incorporadas a un contrato, teñen un puro carácter accesorio ou complementario. O determinante do incumprimento é que frustre as lexítimas expectativas da parte, ao non poder lograrse o fin económico do contrato. Non é preciso que concorra unha persistente e tenaz resistencia ao cumprimento por parte do debedor, e a mera obstaculización ao cumprimento manifestado en actos realizados polo debedor é causa suficiente para a resolución. Pero o mero atraso non constitúe incumprimento grave, salvo que se trate dun termo esencial ou que o cumprimento extemporáneo non satisfaga o interese lexítimo do acredor.

Terceiro. Nestas actuacións, a parte demandante acredita, a través de documental, os feitos constitutivos da súa pretensión.

Como documento número 2, que consta no folio 41 das actuacións, presenta o acordo de cesión do contrato de subministración en exclusiva, no cal son partes tanto a demandante como a demandada e Cervecería Forum, S.L.; como anexo 1 consta o contrato inicialmente subscrito por Cervecería Forum, no cal se subrogou a agora demandada. Nel indícase que a demandada se compromete a consumir no establecemento a cantidade de 1.067 quilos de café da clase Montecelio Samba 1 kg, e que a demandante concedeu un anticipo do que quedaban pendentes de aboar, no momento da subrogación, a cantidade de 3.414,40 euros dos 4.000 euros que recibiu o cedente en concepto de anticipo. Xustifica a entrega co propio contrato, onde se deixa constancia da recepción da nota promisoria e que non foi impugnada en canto a autenticidade ou eficacia probatoria. A cláusula sétima do contrato en que se subrogou a demandada indica que este se resolverá, entre outras causas, polo incumprimento de calquera das obrigacións asumidas polas partes e, en particular, polo incumprimento da obrigación asumida de compra en exclusiva dos produtos. Sinálase no contrato que o cliente –a agora demandada– está obrigada a realizar pedidos semanais de 5,67 quilos de café.

A demandante achega xustificación documental dos consumos de café pola demandada e con iso xustifica que non cumpriu co pactado. A demandante achega listaxe de consumos ata decembro de 2017, dos cales se desprende que non cumpriu coa obrigación asumida no contrato e, ademais, deixou de aboar dúas facturas por importes de 82,51 euros e 123,43 euros. Non consta nas actuacións que con posterioridade se adquirisen outras cantidades, polo que se acreditou o incumprimento da demandada das condicións establecidas no contrato e procede acordar a súa resolución por incumprimento contractual.

O artigo 1124 do Código civil sinala que a facultade de resolver as obrigacións se entende implícita nas recíprocas, para o caso de que un dos obrigados non cumpra o que lle incumbe.

O prexudicado poderá escoller entre exixir o cumprimento ou a resolución da obrigación, co resarcimento de danos e o aboamento de xuros en ambos os casos. Tamén poderá pedir a resolución, mesmo despois de ter optado polo cumprimento, cando este resulte imposible.

Nas presentes reclámase o aboamento dos danos causados, que se liquidan conforme o pactado; na cláusula sétima indícase que, en caso de incumprimento por parte do cliente, Cafento ten dereito ao reintegro da parte proporcional do desconto anticipado, neste caso de 3.321,60 euros, e tamén do importe reclamado polo pagamento do café pendente de adquirir, que ascendía a 5.190 euros –a razón de 5 euros por quilo pendente de adquirir– pero que a demandada limita a 3.000 euros.

En canto aos xuros, estes devindicaranse conforme a Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, cuxo artigo cinco sinala que o obrigado ao pagamento da débeda en diñeiro xurdida como contraprestación en operacións comerciais incorrerá en mora e deberá pagar o xuro pactado no contrato ou o fixado por esta lei automaticamente polo mero incumprimento do pagamento no prazo pactado ou legalmente establecido, sen necesidade de aviso de vencemento nin ningunha intimación por parte do acredor.

Cuarto. O artigo 394.1º da Lei de axuizamento civil (LAC) sinala que “nos procesos declarativos, as custas da primeira instancia impoñeranse á parte que vise rexeitadas todas as súas pretensións”. Conforme tal precepto, e en atención ao exposto, procede a condena en custas da parte demandada.

En atención ao exposto,

Resolvo:

Estimo a demanda interposta por Cafento, S.L., representada polo procurador Sr. Fernández Expósito e defendida pola letrada Sra. Hermida Cupeiro, en substitución do Sr. Sánchez del Rosal, contra Zona Cantarrana Cervecería, S.L., que non compareceu e foi declarada en rebeldía, e condeno a demanda a satisfacerlle á demandante a cantidade de 6.404,11 euros máis os xuros legais.

Procede a condena en custas da parte demandada.

Notifíqueselles esta resolución ás partes.

Expídase testemuño da presente, o cal se levará aos autos da súa razón, e quede o orixinal neste libro.

Contra esta sentenza cabe interpoñer recurso de apelación, ante a Audiencia Provincial, que se debe interpoñer ante este xulgado no prazo de vinte días desde a súa notificación. Advírteselle á parte que desexe interpor recurso que debe constituír un depósito de 50 euros na conta do xulgado baixo apercibimento de que, en caso de non o verificar, non se lle dará trámite ao recurso.

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza.

Publicación. Dada, lida e publicada foi a anterior sentenza pola xuíza que a subscribe, que se encontraba no día da data, coa miña asistencia, celebrando audiencia pública. Dou fe».

Como consecuencia do ignorado paradoiro de Zona Cantarrana Cervecería, S.L., expídese este edicto para que sirva de cédula de notificación.

Viveiro, 31 de agosto de 2020

A letrada da Administración de xustiza