Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 9 de outubro de 2020 Páx. 39345

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 23 de setembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 7 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento TR332A), como consecuencia da situación e da evolución da epidemia COVID-19.

Mediante a Orde do 7 de xuño de 2019 establecéronse as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e procedeuse á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG núm. 116, do 20 de xuño). A Orde da Consellería de Economía, Emprego e Industria do 2 de decembro de 2019 (DOG núm. 230, do 3 de decembro) ampliou a dotación orzamentaria inicial establecida na orde da convocatoria na aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583).

Durante a execución das accións financiadas con cargo á antedita convocatoria 2019-2020, entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptaron medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Asemade, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo) e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

O artigo 54 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, polo que se adoptaron medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, establece que se poderán modificar os prazos de execución da actividade subvencionada, así como da súa xustificación e comprobación, baixo determinadas pautas relacionadas coa imposibilidade de realizar as ditas actividades durante a vixencia do estado de alarma, así como a insuficiencia do prazo que reste tras a súa finalización para a súa realización, xustificación ou comprobación.

As medidas adoptadas tanto no ámbito nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra a expansión do COVID-19 comportaron serias restricións da mobilidade e do exercicio de actividades. Esas medidas, necesarias para a protección da saúde pública, resultaron incompatibles co normal desenvolvemento dos programas integrados de emprego e implicaron a suspensión das súas actividades na modalidade presencial (información e orientación laboral, asesoramento, formación para o emprego, prácticas profesionais non laborais en empresas, prospección empresarial, inserción laboral,...). Neste sentido, a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral emitiu instrucións respecto da suspensión das actividades dos programas integrados de emprego desde o día 13 de marzo ata o momento en que finalizasen as medidas restritivas. Para os efectos do cálculo do incremento do custo dos programas integrados de emprego que implica a súa suspensión tívose en conta que o reinicio de actividades se produciu o 1 de xullo de 2020.

En consecuencia, a duración dos programas integrados de emprego que tiveron que ser suspendidos e, polo tanto, non poden rematar as súas actividades na data prevista ten que prorrogarse polo tempo necesario para rematar os proxectos, sen que a prórroga poida exceder o tempo que durou a suspensión das actividades. Tendo en conta que a suspensión temporal implica un incremento dos custos de salarios e seguridade social dos técnicos e formadores, así como dos medios precisos para o desenvolvemento do programa (amortización, gastos xerais de subministracións, arrendamentos, telefonía, limpeza, seguros, publicidade,...) e co obxecto de facer fronte a ese incremento de custo xustificable, procede incrementar a dotación de crédito inicial da orde de convocatoria.

Por outra banda, á vista da situación excepcional creada pola epidemia COVID-19 e das ditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e polo Goberno de España que implicaron a paralización do tecido empresarial, produciuse un cambio radical no mercado laboral coa destrución de emprego, aumento do desemprego e persistencia neste, incremento exponencial dos expedientes de regulación temporal de emprego e unha situación de incerteza de cara ao futuro que impide unha planificación a curto ou medio prazo. Estas circunstancias, que non son de maneira ningunha atribuíbles ás entidades promotoras dos programas integrados de emprego, dan lugar a unha imposibilidade sobrevida para cumprir co nivel de inserción comprometido con anterioridade á súa aparición. A exixencia do cumprimento dos citados compromisos de inserción na situación actual implicaría unha minoración importante nos importes subvencionables que produciría un prexuízo inxusto para os intereses das entidades beneficiarias.

Por todo o anterior e considerando a difícil situación do mercado laboral e a consecuente recesión económica, cómpre modificar determinados aspectos das bases reguladoras e da convocatoria ampliando prazos e importes subvencionables, adaptando o réxime de pagamentos e flexibilizando o cumprimento dos obxectivos inicialmente previstos.

Consecuentemente con todo o anterior, en exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia e unha vez autorizado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 10 de setembro de 2020,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 1

O punto 1 do artigo 1 da Orde do 7 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se convocan para o ano 2019, queda redactado do seguinte xeito:

«1. As subvencións reguladas na presente orde terán por obxecto o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses. Non obstante, por mor da situación derivada da epidemia COVID-19, e dado que os programas integrados de emprego en funcionamento tiveron que suspender as súas actividades e, polo tanto, non poden rematar na data prevista, este prazo verase ampliado polo tempo necesario para rematar os programas sen exceder o mesmo tempo que durou a dita suspensión».

Engádese un punto 3 ao artigo 1 coa seguinte redacción:

«3. A ampliación regulada no presente artigo establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na convocatoria e nas bases reguladoras».

Artigo 2. Modificación do artigo 2

Engádese o punto 3 ao artigo 2 coa seguinte redacción:

«3. Para facer fronte ao incremento de custos de salarios e seguridade social dos técnicos e formadores, así como dos medios precisos para o desenvolvemento dos programas producido pola ampliación do tempo da súa duración, dótase un crédito adicional para a anualidade de 2021 por importe de 766.769,45 euros na aplicación orzamentaria 09.41.322A.460.3 e por importe de 782.979,62 euros na aplicación orzamentaria 09.41.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583), ou as aplicacións e proxecto equivalente dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, financiada con fondos finalistas do Estado. Esta ampliación de crédito está calculada tendo en conta o reinicio de actividades a partir do día 1 de xullo de 2020».

Artigo 3. Modificación do artigo 13

O punto 1 do artigo 13 queda redactado do seguinte xeito:

«1. A contía máxima da subvención que se concederá será de 2.500 euros por cada persoa desempregada participante e para 12 meses de duración, máis o 70 % da parte proporcional que corresponda á prórroga da duración derivada da suspensión das actividades como consecuencia da epidemia COVID-19. Para os cálculos individuais terase en conta o importe efectivamente concedido e o incremento de duración de cada programa. Tendo en conta a modificación sobrevida das circunstancias do mercado laboral producida como consecuencia da epidemia COVID-19, non se aplicarán recálculos das cantidades que deberían percibir as entidades promotoras como consecuencia de posibles incumprimentos dos compromisos de inserción, sen prexuízo do recálculo que corresponda en función do número de persoas atendidas. Para estes efectos e co único obxecto de calcular o importe que se debe descontar polas persoas non atendidas, aplicarase a seguinte fórmula, en que o número de inseridos será o comprometido inicialmente para cada programa:

– Factor inseridos: 0,70 (70 % do total da subvención).

– Factor atendidos: 0,30 (30 % do total da subvención).

Importe total da subvención = (custo persoa inserida * nº persoas inseridas) + (custo persoa atendida * nº de persoas atendidas)».

Artigo 4. Modificación do artigo 14

O último parágrafo da letra b) do punto 1 do artigo 14 queda redactado do seguinte xeito:

«A contía da subvención que percibirán as entidades beneficiarias será, para efectos salariais, a equivalente á necesaria para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social de 35.000 euros por persoa traballadora, para unha dedicación laboral ao programa a xornada completa e correspondente a 14 pagas máis a parte proporcional que corresponda á prórroga da duración do programa. No caso das persoas traballadoras por conta propia contratadas polo beneficiario como formadores/as, o importe imputado corresponderase co da factura emitida pola formación prestada».

A letra h) do punto 1 do artigo 14 queda redactada do seguinte xeito:

«h) Gastos derivados do informe da persoa auditora da conta xustificativa a que se refire o artigo 16. O custo máximo subvencionable por este concepto non poderá superar o importe de 4.000 euros, sempre que se cumpran os requisitos establecidos nos artigos 28, 29 e 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo de acreditación da realización dos traballos mediante presentación dos informes que cumpran os requisitos establecidos nesta orde, presentación de factura e acreditación do seu pagamento efectivo».

Engádese un punto 2 ao artigo 14 coa seguinte redacción:

«2. Computaranse como custos dos programas integrados de emprego os correspondentes tanto ao período de suspensión como ao período de ampliación, sempre que se achegue a documentación xustificativa correspondente e se acredite a súa necesidade ou a súa vinculación con algunha das actividades do programa».

Artigo 5. Modificación do artigo 15

Engádese un punto 1 bis ao artigo 15 coa seguinte redacción:

«1 bis. Non obstante, por mor da suspensión derivada da epidemia COVID-19, a duración dos programas integrados ampliarase polo tempo necesario para rematar os programas sen exceder o mesmo tempo que durou dita suspensión. A data límite resultante para o remate dos programas será o 23 de marzo de 2021, sen prexuízo das datas de finalización particulares de cada programa que, en función da súa data de inicio e da reprogramación de actividades que a entidade promotora propoña, resulten anteriores a aquela. A nova data resultante determinará o período computable para os efectos do cálculo das persoas demandantes atendidas e inseridas no programa integrado de emprego».

Artigo 6. Modificación do artigo 16

Engádese un punto 3 bis ao artigo 16 coa seguinte redacción:

«3 bis. Pagamento parcial: antes do 15 de decembro de 2020 a entidade beneficiaria presentará a xustificación comprensiva dos gastos realizados no período que se corresponda coa duración inicialmente prevista dos programas a través dunha certificación do órgano competente da entidade beneficiaria que conteña a relación clasificada por tipo de gasto das facturas e dos demais documentos xustificativos, tendo en conta os requisitos e tipos de gasto previstos no artigo 14 “Gastos imputables”. Nesta relación deberá constar un número de orde correlativo, o número de factura ou referencia identificativa do documento, o importe e o concepto de gasto a que se refire, empregando o modelo que se publica como anexo VI e indicando que se trata da solicitude de pagamento parcial. Este pagamento pasará a ter a consideración de pagamento parcial, que se efectuará contra a presentación da citada certificación coa documentación establecida nas letras c) e e) do punto 5 deste artigo xunto coa declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo o establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o importe conxunto dos pagamentos á conta e dos pagamentos anticipados non poderá superar o 80 % da porcentaxe subvencionada correspondente aos pagamentos xustificados, nin excederá a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario».

O punto 4 do artigo 16 queda redactado do seguinte xeito:

«4. Liquidación final. As entidades beneficiarias terán un prazo máximo de dous (2) meses desde a finalización do programa para a presentación da liquidación final, conforme o establecido neste artigo no modelo que se publica como anexo VI, sen que este prazo poida exceder o 23 de maio de 2021. Os gastos que se xustifiquen deben estar pagados antes da finalización do prazo de xustificación».

As letras a) e b) do punto 5 do artigo 16 quedan redactadas do seguinte xeito:

«a) Memoria final, segundo o modelo que se publicará na páxina web institucional da Xunta de Galicia (http//ceei.xunta.gal/programas-integrados), onde se faga constar unha descrición do desenvolvemento do programa, a relación de persoas atendidas, especificando as accións realizadas con cada unha delas e a identificación das persoas inseridas no mercado de traballo.

O Servizo de Programas Mixtos verificará o nivel de inserción efectivo que a entidade beneficiaria certifica de acordo cos termos establecidos na resolución de concesión e nesta orde, para os efectos da súa valoración en convocatorias posteriores.

b) Certificación do órgano competente da entidade beneficiaria que conteña a relación global clasificada por tipo de gasto das facturas e demais documentos xustificativos dos gastos realizados, tendo en conta os requisitos e tipos de gasto previstos no artigo 14 “Gastos imputables”. Nesta relación deberá constar un número de orde correlativo, o número de factura ou referencia identificativa do documento, o importe e o concepto de gasto a que se refire e incluirá todos os gastos realizados desde o principio do programa, engadindo os gastos realizados desde a data inicialmente prevista para a súa finalización ata a data de remate efectivo como continuación dos que figuran na relación prevista nos puntos anteriores, no modelo que se publica como anexo VI. No caso dos gastos de persoal, a relación incluirá o nome da persoa traballadora e a porcentaxe de imputación ao programa.

As certificacións presentadas polas entidades beneficiarias deberán axustarse, en todo caso, ao disposto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia».

O punto 7 do artigo 16 queda redactado do seguinte xeito:

«7. Unha vez presentadas as liquidacións finais a que fai referencia o punto 4 deste artigo, a Consellería de Emprego e Igualdade comprobará, a través de técnicas de mostraxe aleatoria cun alcance do 10 % das entidades beneficiarias de cada tipoloxía, todos os xustificantes que considere oportunos e que permitan ter evidencia razoable sobre a adecuada aplicación da subvención, e requiriralle á entidade beneficiaria resultante desa mostraxe a remisión dos xustificantes de gasto para o efecto. A mostraxe resultante sairá de elixir de entre cada tipoloxía de entidades a metade da mostra de entre o 10 % das entidades beneficiarias que xustificaron un maior importe e a outra metade de entre o 90 % restante de entidades».

Artigo 7. Modificación do artigo 18

O punto 2 do artigo 18 queda redactado do seguinte xeito:

«2. Transcorridos nove meses desde a finalización do prazo previsto para a execución dos programas, comprobarase a inserción laboral para os efectos da súa valoración en convocatorias posteriores. Realizada a citada comprobación, a Consellería de Emprego e Igualdade fará públicos na súa páxina web oficial os datos de inserción das persoas beneficiarias destas subvencións».

Artigo 8. Modificación do artigo 19

Elimínase a letra a) do punto 3 do artigo 19.

Disposición adicional primeira. Suspensión de prazos

A ampliación de prazos a que se refire a presente orde establécese sen prexuízo da suspensión do cómputo de prazos que resulte aplicable, polo mesmo período e circunstancias, a outros aspectos regulados na orde orixinal que sexan susceptibles de ampliación. En concreto, e sen carácter exclusivo: verificación da axeitada realización do proxecto; conservación dos documentos xustificativos; actuacións de comprobación, etc.

Disposición adicional segunda. Alternativas na realización das prácticas

Para os únicos efectos de poder completar as horas de práctica mínimas obrigatorias para a obtención dos certificados derivados da formación impartida no programa integrado de emprego, no suposto de que aquelas sexan de imposible realización debido ás consecuencias da crise sanitaria provocada polo COVID-19 e así se acredite documentalmente de xeito suficiente, as entidades beneficiarias poderán solicitar á xefatura territorial correspondente a autorización para adoptar algunha das seguintes alternativas que se indican a continuación ou solicitar a validación se xa foron realizadas:

– Realizar as prácticas nas instalacións das entidades beneficiarias ou do centro/entidade de formación, logo do cal deberá presentarse un proxecto final elaborado pola persoa alumna, xunto cunha memoria cos resultados de avaliación obtida por cada participante, en termos de apto ou non apto. A duración das prácticas complementarias que se realicen nunca poderá superar a estritamente necesaria para completar o módulo de prácticas en centros de traballo a que substitúen nin a propia duración do programa.

– Validar as prácticas polo desenvolvemento dun posto de traballo vinculado co certificado de profesionalidade ou coa formación con posterioridade á finalización da formación teórica e por unha duración equivalente, como mínimo, ao número de horas necesario para completar o referido módulo de prácticas/prácticas non laborais.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2020

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade