Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Venres, 25 de setembro de 2020 Páx. 37342

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dunha instalación eléctrica no concello da Estrada (expediente IN407A 2019/088-4).

Feitos:

Primeiro. O 3 de maio de 2019, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS CT Couso II. Examinado o proxecto de execución, a instalación localizada no concello da Estrada consiste:

• Na instalación dunha liña eléctrica de media tensión subterránea a 20 kV e un centro de transformación de 100 kVA.

Segundo. O 9 de maio de 2019, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou á súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. O 28 de outubro de 2019, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación IN407A 2019/088-4. Está resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 18 de novembro de 2019 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO) do 18 de novembro de 2019.

Cuarto. O 31 de xaneiro de 2020, UFD Distribución Electricidad solicita a declaración de utilidade pública do expediente IN407A 2019/088-4 por problemas de permisos.

Quinto. Notificouse aos descoñecidos que figuran na relación de bens e dereitos afectados mediante un anuncio polo que se notifica a afección de dous predios no DOG do 15 de xuño de 2020 e no Boletín Oficial del Estado (BOE) do 18 de xuño de 2020.

Sexto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante resolución do 2 de xuño de 2020 publicada nos seguintes medios:

– DOG: 22 de xuño de 2020.

– BOPPO: 16 de xuño de 2020.

– Xornal Faro de Vigo: 16 de xuño de 2020.

– Taboleiro de anuncios do Concello da Estrada: desde o 3.6.2020 ata o 17.7.2020 conforme certificado do Concello da Estrada.

Durante o mencionado trámite non se recibiron alegacións.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables da LMTS CT Couso II, para a cal UFD Distribución Electricidad solicita a declaración de utilidade pública, son:

• LMT subterránea a 20 kV con condutor tipo RHZ de 608 metros de lonxitude, con orixe no apoio existente A7TOMVLU//35-62 do tramo LES8096752 de LA-56 e final no CT proxectado.

• CT con relación 20.000/400 V a 100 kVA.

As instalacións están situadas na parroquia de Couso, no concello da Estrada (Pontevedra).

Conforme todo o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 4 de setembro de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra