Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 23 de setembro de 2020 Páx. 37088

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Poio

ANUNCIO de aprobación definitiva do Plan especial de infraestruturas e dotacións para a implantación de hotel da natureza en Camiño da Serpe, s/n, Raxó, promovido por Pepe Vieira, S.L.

Faise público o Acordo núm. 4788 adoptado polo Concello de Poio en sesión extraordinaria realizada con data do 25 de agosto de 2020, en que presta aprobación definitiva ao Plan especial de infraestruturas e dotacións para a implantación de hotel da natureza en Camiño da Serpe, s/n, Raxó, promovido por Pepe Vieira, S.L. e redactado polos arquitectos Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo.

O contido íntegro do plan quedará á disposición pública de calquera persoa interesada no enderezo electrónico https://www.concellopoio.gal/, portal de transparencia.

De conformidade co establecido no artigo 84 de la Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e o artigo 10 de la Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra o presente acordo de aprobación de disposición administrativa de carácter xeral poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación do anuncio de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Anexo I Procedemento de avaliación ambiental (artigo 25 normas técnicas de planeamento urbanístico de Galicia).

I. Xustificación da integración no documento de plan dos aspectos ambientais.

O Plan especial de infraestruturas e dotacións Pepe Vieira establece a ordenación da parcela, a composición volumétrica da nova edificación e as características arquitectónicas e estéticas da intervención. Esta foi realizada atendendo a criterios da súa correcta integración na contorna natural e o respecto e a integración no ambiente.

Destácanse as seguintes consideracións xerais:

– Natureza: a contorna debe ser o principal elemento sobre o que vire o concepto global e o respecto por ela o que determine a estadía de traballadores e clientes.

– Arquitectura: busca a integración na paisaxe e a adaptación á topografía existente. Utilízase unha linguaxe sinxela e actual en consonancia coa actividade levaba a cabo.

– Aloxamentos: deseñados baixo a premisa de proporcionar unha estancia na natureza, interactuando co xardín e convertendo a estancia nunha experiencia de vida, na cal tomarán importancia as sensacións, as texturas, os aromas, a luz, os sons, as estacións, a choiva ou o vento.

II. Xustificación de como se tomaron en consideración no documento de plan o estudo ambiental estratéxico, os resultados da información pública e das consultas e a declaración ambiental estratéxica, así como, se é o caso, as discrepancias xurdidas no proceso.

Tendo en conta as consideracións expostas, a proposta adáptase á topografía accidentada existente e incorpora o espazo natural ás edificacións. Incorpóranse especies vexetais en máis da metade da superficie da parcela, pasando a ocupar aqueles espazos libres entre as edificacións previstas. A actuación inclúe zonas de hortos para o cultivo propio.

A composición en bloques illados repartidos no ámbito permite mellorar a experiencia de aloxamento en contacto coa natureza e reduce o impacto visual e no relevo natural do terreo. Deste xeito, os socalcos existentes aprovéitanse para a ordenación de bungalós co menor impacto sobre a contorna inmediata, evitando, na medida do posible os movementos de terras. Para a integración e redución do impacto dos socalcos, tanto os existentes como o único que se executará, proxéctase unha cubrición mediante a plantación de especies vexetais e plantas rubideiras de folla perenne.

No referente á materialidade e os acabados, serán similares aos existentes na edificación autorizada, co fin de harmonizar con ela e coa contorna.

III. Razóns da elección da alternativa seleccionada en relación coas alternativas consideradas.

III.1. Análise das alternativas.

Alternativa 1: non modificar o plan.

Vantaxes – Inactividade.

Inconvenientes

– Perpetúa a situación anómala dalgunha das instalacións do complexo.

– Falta de desenvolvemento dun equipamento existente, potenciador do medio en que se sitúa, atractivo turístico e de recoñecido prestixio.

Alternativa 2: legalización das instalacións existentes e implantación dos bungalós coa licenza de campamento de turismo.

Vantaxes – Aproveitamento da licenza existente de campamento de turismo.

Inconvenientes – Non permite a oportunidade de evolución e adaptación do equipamento ás súas necesidades reais.

III.2. Xustificación da elección.

A alternativa que se formula é a única que posibilita o fin que pretende o Plan de infraestruturas e dotacións Pepe Vieira. As dúas alternativas mencionadas non supoñen unha alternativa real ao plan presentado.

O Plan especial de infraestruturas e dotacións ten como obxectivo a implantación, en solo rústico apto (equiparado ao solo rústico de protección ordinaria), do Hotel da Natureza Pepe Vieira, aproveitando e completando as instalacións existentes (con licenza de campamento de turismo), co fin de crear unha área global de uso hoteleiro. A través do plan consegue adaptar a parcela a un dos usos previstos na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia; corrixe a situación irregular dalgunhas edificacións existentes e consolida e implanta un uso potenciador do medio e que pode contribuír ao enriquecemento da actividade económica da súa contorna máis inmediata.

A proposta defínese como un hotel formado por edificacións independentes, interconectadas entre si por espazos exteriores de espallamento, que conforman plataformas a distintas cotas, adaptándose ao terreo natural. O acceso prodúcese desde dous puntos nos extremos norte e sur, situados a distinta cota. Créanse circulacións internas que permitan o paso ocasional de vehículos. Na primeira plataforma atópase o edificio de servizos existente con soportal-terraza anexo. Nun nivel inferior, localízase o estacionamento con árbores e especies vexetais intercaladas. Na terceira plataforma atópanse 5 bungalós en planta baixa; na cuarta planta situaranse áreas de cultivo. Cara ao sur, dispóñense outras tres plataformas para a implantación de 6 bungalós, 3 bungalós e unha piscina e zona estacionamento respectivamente. Prevese a execución dun muro de pedra de 3 metros de altura, similar aos existentes. Para a redución do impacto visual dos socalcos, proxéctase a plantación de especies vexetais e plantas rubideiras.

Poio, 28 de agosto de 2020

Luciano Sobral Fernández
Alcalde