Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 18 de setembro de 2020 Páx. 36555

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2020 sobre ampliación do prazo establecido no artigo 23 da Resolución do 28 de abril de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a renovación de electrodomésticos e a implantación de domótica enerxética, en réxime de concorrencia non competitiva, así como a selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á convocatoria para a anualidade 2020 (Diario Oficial de Galicia número 99, de 25 de maio).

A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte á presentación da solicitude, coa data límite do 30 de setembro de 2020 (artigo 23 das bases reguladoras).

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Por outra banda, remítese ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación poderá acordarse de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellasen.

No presente procedemento de concesión destas axudas, neste momento hai solicitudes en listaxe de espera, as cales se lle están a asignando os fondos liberados, procedentes de inadmisións, desistencias, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados.

Estas solicitudes que integran a listaxe de espera, segundo o disposto no artigo 23 das bases reguladoras, dispoñen dun prazo de 60 días naturais contados desde a día seguinte ao da presentación da solicitude para presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa do investimento, coa data límite do 30 de setembro.

Por todo o anterior, sobre a base dos requisitos e condicións previstos na normativa anteriormente citada,

DISPOÑO:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 23 das bases reguladoras para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos, quedando a redacción do artigo do seguinte xeito: «A data límite para executar o proxecto e presentar a solicitude de pagamento coa documentación xustificativa dos investimentos é de 60 días naturais contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude coa data límite do 31 de outubro de 2020».

Segundo. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na página web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal), para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Terceiro. De acordo co disposto no artigo 32.3 de la LPACAP, contra o presente acordo non cabe recurso de ningún tipo.

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia