Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 11 de setembro de 2020 Páx. 35843

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 2 de setembro de 2020, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, pola que se amplía a prórroga da vixencia dos títulos e carnés de familia numerosa expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou a pandemia do brote do virus COVID-19. A facilidade de contaxio e a rápida propagación deste virus xerou un grave problema de saúde pública global. En resposta a esta situación de emerxencia sanitaria, os poderes públicos centrais e autonómicos adoptaron medidas excepcionais de carácter sanitario e social en aras de protexer á poboación e, en particular, aos colectivos máis vulnerables.

O 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Esta norma regula medidas restritivas como o confinamento, a limitación da circulación, a suspensión de prazos de procedementos administrativos ou o peche de servizos administrativos non esenciais.

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece no seu artigo 6 que «cada administración conservará as competencias que lle outorga a lexislación vixente na xestión ordinaria dos seus servizos para adoptar as medidas que estime necesarias no marco das ordes directas da autoridade competente para os efectos do estado de alarma e sen prexuízo do establecido nos artigos 4 e 5».

Na materia de familias numerosas, o procedemento de expedición e renovación de títulos de familias numerosas considérase un servizo público non esencial e, en consecuencia, está afectado polas medidas excepcionais da dita norma estatal.

As limitacións e obstáculos que esta norma supuxo para a cidadanía na realización de trámites administrativos, tales como a obriga de permanecer nos seus domicilios ou a falta de acceso de moitas familias á tramitación electrónica, aconsellaron á Administración a establecer mecanismos que minimizasen o impacto negativo destas medidas nas unidades familiares e a perda de dereitos e beneficios que a estas corresponden en virtude do seu título de familia numerosa.

Para estes efectos, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica acordou, mediante Resolución do 3 de abril de 2020, prorrogar a vixencia dos títulos de familia numerosa e os carnés familiares expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia con caducidade dende o 1 de xaneiro de 2020 ata o transcurso de 3 meses dende o levantamento das medidas derivadas da declaración do estado de alarma.

O 15 de xuño de 2020 levantáronse en Galicia as medidas restritivas contidas no Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que a vixencia da da prórroga automática dos títulos de familia numerosa esténdese ata o 15 de setembro de 2020.

Con todo, resulta imprescindible manter a cobertura de todas as familias que cumpren os requisitos para conservar o seu título de familia numerosa máis alá do 15 de setembro no caso de que nesa data non teñan a renovación realizada, para garantir o acceso a todas as prestacións e beneficios que lles son propios.

O artigo 5.2 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas atribúe á comunidade autónoma de residencia do solicitante a competencia para o recoñecemento da condición de familia numerosa, así como para a expedición e renovación do título que acredita a dita condición e categoría. Esta competencia asúmea a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica de acordo co disposto no artigo 13.1 letra a) do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

Polo exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Ampliar o prazo de prórroga automática de títulos e carnés de familia numerosa expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia, acordado mediante resolución do 3 de abril de 2020 da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, dende o 16 de setembro de 2020 ata o 31 de decembro do 2020. Non obstante, durante este período do prazo de vixencia automática, os titulares dos títulos de familia numerosa veñen obrigados a solicitar a renovación dos títulos e carnés de familia numerosa.

Segundo. Non será de aplicación a prórroga da vixencia automática prevista nesta resolución, respecto dos fillos que deixen de cumprir os requisitos previstos na Lei 40/2003, do 18 de novembro, por cumprir os 26 anos e non ter un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

Esta resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Política Social (www.xunta.gal) de conformidade co disposto no artigo 45.1 letra a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2020

María Amparo González Méndez
Directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica