Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 4 de setembro de 2020 Páx. 35140

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

CORRECCIÓN DE ERROS. Resolución do 6 de agosto de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa previa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica nos concellos de Vigo e Gondomar (expediente IN407A 2019/14-4).

Advertido erro na devandita resolución, publicada no Diario Oficial de Galicia número 174, do 28 de agosto de 2020, cómpre facer a seguinte corrección:

– Onde di:

«Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTS e CTP no Vilardo Mato-Cesante do circuíto RED-709.

Situación: Redondela.

Características técnicas: LMTA a 20 kV: elimínase un total de 18 apoios (13 apoios tipo raíl e 5 de tipo formigón). Desmontaxe do condutor existente, 706 m, de condutor CU-10. LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 AI de 934 metros de lonxitude, con orixe no apoio A4L2T600 para desmontar e final no CT proxectado. LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×240 mm2 AI de 88 metros de lonxitude, con orixe no CT proxectado e final na rede subterránea existente. Instalación do centro de transformación prefabricado de superficie compacto (TC) con relación 15.000/400 V a 250 kVA e desmontaxe do CTI con matrícula 36AC79. As instalacións están situadas en parcelas dos polígonos 16 e 17, no concello de Redondela (Pontevedra).

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e no capítulo II, título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Resolución da Consellería de Economía e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG núm. 54, do 19 de marzo), así como na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), esta xefatura territorial

RESOLVE:

Conceder autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, conforme o establecido no artigo 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de agosto de 2020

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra»

– Debe dicir:

«Feitos:

Primeiro. O 22 de xaneiro de 2019, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica denominada recuamento LMT VAA-705 derivada CT SMA embalse.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que a instalación consiste nunha liña área de media tensión a 15 kV e nunha liña área de media tensión subterránea a 15 kV que discorre entre os concellos de Vigo e Gondomar, ademais da instalación dun centro de transformación de 250 kVA.

Segundo. Mediante escritos do 17 de xuño de 2019, esta xefatura territorial notificoulles ás persoas contidas na relación de bens e dereitos afectados a solicitude da autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida.

Terceiro. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 17 de xuño de 2019 publicada nos seguintes medios:

– DOG: 8 de xullo de 2019.

– BOP: 4 de xullo de 2019.

– Xornal Faro de Vigo: 28 de xuño de 2019.

– Taboleiro de anuncios dos concellos de Vigo e Gondomar.

Durante o mencionado trámite recibiuse unicamente as alegacións presentadas por Remedios Fernández Costas o 24 de xullo de 2019. A seguir resúmese o contido das alegacións:

• Imposibilidade de continuar co aproveitamento forestal, único uso economicamente rendible, o que supón ademais unha diminución no valor da parcela afectada.

• Afección xa existente da parcela por liña da empresa distribuidora de electricidade.

• Información insuficiente.

• Indica que se pode levar a liña dun punto a outro sen invadir a parcela afectada.

Cuarto. Esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou á súa conformidade cos condicionados establecidos.

Quinto. Para aqueles casos nos que non foi posible efectuar notificacións, o 2 de xullo de 2019 e o 18 de xullo de 2019 publicouse o correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado, respectivamente, co fin de realizar a notificación por comparecencia. Transcorrido o prazo establecido no dito anuncio non compareceu ningunha persoa interesada.

Sexto. Os servizos técnicos da xefatura territorial á vista das alegacións presentadas e da documentación contida no expediente, emitiron informe favorable sobre a solicitude de autorización.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG núm. 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables do recuamento LMT VAA-705 derivada CT SMA embalse, para a que UFD distribución electricidad solicita a autorización administrativa de construción, son:

• LMT aérea a 15 kV con condutor tipo LA-56 en dúas actuacións:

• 594 metros; orixe no apoio existente 6-9 da LMT VAA-705 e final no apoio existente 6-21 da LMT VAA-705.

• 50 metros; orixe no apoio proxectado 6-10 na LMT VAA-705, onde se fai a derivada ao CT Fraga e final no apoio existente 6-10-1 da LMT VAA-705.

• LMT subterránea a 15 kV con condutor tipo RHZ en dúas actuacións:

• 146 metros; orixe no paso aéreo subterráneo (PAS) no apoio proxectado 6-10 e final no novo CT Fraga proxectado.

• 638 metros; orixe no PAS no apoio 6-21 e final no CT SMA embalse.

• Novo centro de transformación prefabricado (en substitución do existente intemperie de 160 kVA) a 250 kVA con RT 15 kV/400 V.

A instalación discorre polo lugar da Fraga entre os concellos de Vigo e Gondomar (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas e as respostas do promotor, exponse o seguinte:

1. No referente á falta de rendemento económico da parcela, cabe indicar que segundo o artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, cando a servidume de paso de enerxía eléctrica faga antieconómica a explotación do predio servente, o propietario poderá solicitar á Administración que sexa expropiado dito predio, adquirindo o titular da servidume o seu pleno dominio. Na solicitude deberán xustificarse as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da explotación do predio. Remedios Fernández non xustifica as causas concretas determinantes dos prexuízos económicos como consecuencia da alteración das condicións fundamentais da explotación do predio, de acordo co artigo 152 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

2. En relación coa afección xa existente, cabe indicar que esta non é obxecto deste proxecto de execución.

3. Con relación a insuficiencia de información, cabe destacar que a declaración de utilidade pública do recuamento estivo exposta nos taboleiros de anuncios dos concellos de Vigo e Gondomar durante o prazo regulamentario, ademais de estar publicada a resolución no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, no Diario Oficial de Galicia e no xornal Faro de Vigo. Así mesmo, esta xefatura territorial enviou un escrito a todas as persoas contidas na relación de bens e dereitos afectados informando da solicitude de declaración de utilidade pública solicitada pola empresa promotora, tendo o expediente administrativo a súa disposición para consulta, expediente que inclúe o proyecto técnico da instalación.

4. Nas alegacións que solicitan o cambio de trazado da liña non se concretan alternativas ao proxecto, polo que non se cumpren os requisitos para que esta xefatura territorial poida valorar diferentes alternativas á tramitada.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada recuamento LMT VAA-705 derivada CT SMA embalse, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e ás condicións establecidas nos condicionados dos organismos que constan no expediente.

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren.

Pontevedra, 6 de agosto de 2020

O xefe territorial de Pontevedra
P.A. (Decreto 175/2015, do 3 de decembro)
Ana María Rodríguez Senra
Xefa de Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica»