Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 174 Venres, 28 de agosto de 2020 Páx. 34435

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2020, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de declaración de utilidade pública e necesidade de urxente ocupación dunha instalación eléctrica no concello da Cañiza (expediente IN407A 2018/477-4).

Feitos.

Primeiro. O 19 de decembro de 2018, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT FRI804 ao CT Pintelos. Examinado o proxecto de execución, a instalación consiste nunha liña área de media tensión a 20 kV no concello da Cañiza.

Segundo. O 2 de xaneiro de 2019, esta xefatura territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

Terceiro. O 1 de abril de 2019, esta xefatura territorial ditou unha resolución de autorización administrativa e autorización administrativa de construción para a instalación IN407A 2018/477-4. Está resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 6 de maio de 2019 e no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra (BOPPO) do 2 de maio de 2019.

Cuarto. O 20 de agosto de 2019, UFD Distribución Electricidad solicita a declaración de utilidade pública do expediente IN407A 2018/477-4 por problemas de permisos.

Quinto. Mediante escritos do 24 de novembro de 2019, esta xefatura territorial notificou ás persoas contidas na relación de bens e dereitos afectados a solicitude de declaración de utilidade pública da instalación eléctrica referida.

Sexto. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante Resolución do 24 de novembro de 2019 publicada nos seguintes medios:

– DOG: 16 de decembro de 2019.

– BOPPO: 8 de xaneiro de 2020.

– Xornal Faro de Vigo: 23 de decembro de 2019.

– Taboleiro de anuncios do Concello da Cañiza.

Durante o mencionado trámite recibíronse unicamente as alegacións presentadas por Carlos Alberto Fernández Rodríguez nas cales solicita a modificación do trazado, negándose a que se cambien os apoios de madeira que se encontran na súa propiedade por uns de formigón.

Como resposta ás alegacións de Carlos Alberto Fernández Rodríguez, UFD Distribución Electricidad, S.A. indica que o proxecto se trata dunha reforma dunha liña existente dándolle maior altura a esta, desmontando catro apoios existentes e deixando únicamente dous novos apoios e mantendo a mesma traza existente para non afectar novas fincas, non sendo posible a modificación proposta.

Sétimo. Os servizos técnicos da xefatura territorial, á vista das alegacións presentadas e da documentación contida no expediente, emitiron informe sobre a solicitude de declaración de utilidade pública indicando que non se xustifica o cambio de trazado proposto por Carlos Alberto Fernández segundo o indicado no artigo 161 (Limitacións á constitución de servidume de paso) do Real decreto 1955/2000), do 1 de decembro.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segundo. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

Terceiro. As características técnicas máis salientables da LMT FRI804 ao CT Pintelos, para a cal UFD Distribución Electricidad solicita a autorización administrativa de construción, son:

– LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-56, de 189 metros de lonxitude, con orixe no apoio metálico existente nº 1 (CH-1600-11P) na saída FRI804 e final no centro de transformación existente Pintelos (36AJ86). A instalación está situada na Chairiña, no concello da Cañiza (Pontevedra).

Cuarto. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o contido destas, as respostas do promotor, así como o informe dos servizos técnicos desta xefatura, exponse o seguinte:

– Nas alegacións que solicitan o cambio de trazado da liña non se concretan alternativas ao proxecto, polo que non se cumpren os requisitos para que esta xefatura territorial poida valorar diferentes alternativas á tramitada.

Conforme con todo o indicado,

RESOLVO:

Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 6 de agosto de 2020

O xefe territorial de Pontevedra
P.A. (Decreto 175/2015, do 3 de decembro)
Ana María Rodríguez Senra
Xefa do Servizo de Coordinación Administrativa e Xestión Económica