Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Martes, 18 de agosto de 2020 Páx. 32902

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2020, da Área de Planificación e Proxectos, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de modificación número 1: acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo (A Coruña), de clave AC/17/166.01.M1.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 26 de setembro de 2019 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de modificación número 1: acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo (A Coruña), de clave AC/17/166.01.M1.

Antecedentes:

Primeiro. No Diario Oficial de Galicia número 63, do 1 de abril de 2019, publicouse o anuncio do 21 de marzo de 2019 polo que se somete ao trámite de información pública a separata do proxecto de modificación número 1 do proxecto de construción acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo, de clave AC/17/166.01.M1, de acordo co establecido no artigo 21.1 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, para que as persoas que o considerasen oportuno formulasen por escrito, ante a Axencia Galega de Infraestruturas, as observacións que considerasen convenientes relativas á concepción global das actuacións contidas no proxecto.

Segundo. O acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo (A Coruña). Proxecto modificado número 1, de clave AC/17/166.01.M1, comprende as modificacións da configuración do enlace de conexión do parque empresarial de actividades económicas de Arteixo coas estradas autonómicas AC-551, AC-552 e a autoestrada de peaxe AG-55 e coa autovía A-6.

Terceiro. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes e no trámite de información pública foron formuladas alegacións polas persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lle foi notificado ás administracións a que se deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a mencionada modificación do proxecto de construción someteuse ao trámite de información pública, durante un período de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados así como para a traza da planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No número 6 do mesmo artigo 22 indícase que «logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente».

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Arteixo deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

De acordo con todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto modificado número 1 do proxecto de construción acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo, de clave AC/17/166.01.M1.

Segundo. Aprobar o proxecto modificado número 1 do proxecto de construción: acceso ao parque de actividades económicas de Arteixo, de clave AC/17/166.01.M1, mantendo o trazado proposto como definitivo.

Non obstante, atendeuse a petición de Xestur, S.A. de que sexa o proxecto sectorial do parque empresarial o que determine a aliñación da edificación nas parcelas limítrofes co enlace e coa vía de acceso ao polígono de Morás, e proponse que no catálogo da rede de estradas autonómico que se está a tramitar o ramal de acceso ao polígono estea catalogado como rede local.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Arteixo deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Planificación e Proxectos