Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Martes, 11 de agosto de 2020 Páx. 31920

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2020, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción a varias instalacións eléctricas no concello de Ourense (expediente IN408A 2020/3-3).

Visto o expediente para outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción das instalacións eléctricas que a seguir se describen, tal e como se recollen no proxecto asinado en Ourense polo enxeñeiro técnico industrial Jorge Ferreirós Lama, colexiado nº 125 do COITI de Ourense, en xuño de 2020, con visado número V200231, do 6.7.2020, do sinalado colexio profesional.

Solicitante: Cooperativas Ourensanas, Soc. Cooperativa Galega (Coren, S.C.G.); CIF: F-32001976.

Enderezo: Centro de Procesado Avícola (CPA), Sta. Cruz de Arrabaldo s/n 32990 Ourense.

Denominación: proxecto de substitución do transformador de potencia da planta de coxeración-I de Coren, asociada ao Centro de Procesado Avícola (CPA).

Situación: Sta. Cruz de Arrabaldo, concello de Ourense.

Orzamento: 39.042,34 €.

Características técnicas:

Substitución do transformador de potencia actual seco de 6.500 kVA da planta de coxeración-I, por avaría, por transformador con refrixeración en aceite que se situará na nova edificación exterior anexa, de 8.132 kVA de potencia, con r/t 20/6,3 kV, trasladado da planta de coxeración-II que estaba asociada ao Centro de Procesado de Subprodutos (CPS), planta que está na actualidade fóra de servizo e en fase de desmantelamento, sen variar as actuais celas blindadas de 20 e 6,3 kV con illamento en SF6. Instalación de dúas novas LMTS a 20 e 6,3 kV, respectivamente, en condutor tipo RHZ1 de 2x240 mm2 de sección, de 25 m de lonxitude, para enlace entre as celas actuais e o novo transformador, e instalacións complementarias asociadas.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios previstos no capítulo II, título VII, do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, esta xefatura territorial resolve:

Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto arriba sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten de aplicación e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de seis (6) meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 17 de julio de 2020

Santiago Álvarez González
Xefe territorial de Ourense