Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 10 de agosto de 2020 Páx. 31662

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 3 de agosto de 2020 pola que se modifica a Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D).

A Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D), determina no seu artigo 7.2 que «o prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia». A dita orde publicouse no Diario Oficial de Galicia número 114 bis, do 12 de xuño, polo que o prazo de presentación de instancias remataría o vindeiro 12 de agosto de 2020.

Con posterioridade á publicación desta convocatoria, por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020 (DOG núm. 115, do 13 de xuño), resolveuse a continuidade do peche dos servizos e centros de atención á infancia para protexer a saúde da cidadanía e frear a propagación da COVID-19, unha medida necesaria pero con consecuencias inevitables na actividade económica do sector de atención á infancia. Por este motivo, é do interese da Consellería de Política Social garantir que poida concorrer a estas axudas o maior número de entidades interesadas.

Consonte o artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, «A Administración, salvo precepto en contrario, poderá conceder de oficio ou por petición dos interesados unha ampliación dos prazos establecidos, que non exceda a metade destes, se as circunstancias o aconsellan e con isto non se prexudican dereitos de terceiro».

En prol de obter a máxima difusión e favorecer unha maior participación de todas as entidades potencialmente beneficiarias, redundando no obxectivo básico da convocatoria, que é o de contribuír ao sostemento das entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 como fórmula para garantir a súa dispoñibilidade para as familias unha vez que se levante a suspensión de actividade decretada, esta consellería considera conveniente a ampliación nun mes do prazo de presentación de solicitudes establecido no número 2 do artigo 7 da Orde do 11 de xuño de 2020.

En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo único. Modificación da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D)

O número 2 do artigo 7 da Orde do 11 de xuño de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas económicas para gastos de funcionamento a entidades privadas titulares de recursos de atención á infancia durante a situación de suspensión destes servizos como consecuencia do COVID-19 (código de procedemento BS900D), queda redactado da seguinte maneira:

«2. O prazo de presentación das solicitudes será de tres meses contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social