Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Luns, 10 de agosto de 2020 Páx. 31600

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 107/2020, do 23 de xullo, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, complementando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo estrutura establecida no Decreto 74/2018, do 5 de xullo).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón, no seu artigo 16, que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia acordou en Asemblea Xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante esta Administración para os efectos da súa aprobación definitiva mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia.

En virtude do exposto, verificada a adecuación á legalidade do texto dos estatutos, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e tras a deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do vinte e tres de xullo de dous mil vinte,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia que figuran como anexo.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autómona de Galicia.

Disposición derrogatoria. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos que foron aprobados polo Decreto 22/2008, do 31 de xaneiro, e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto no presente decreto.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil vinte

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias
da Actividade Física e do Deporte de Galicia

Título I. Da profesión da persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e os seus organismos reitores na Comunidade Autónoma de Galicia.

Título II. Da colexiación para o exercicio profesional das persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo I. Do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia.

Capítulo II. Do exercicio profesional.

Sección primeira. Disposicións xerais.

Sección segunda. Da colexiación.

Sección terceira. Das incorporacións e baixas.

Sección cuarta. Das incompatibilidades e da inxerencia profesional.

Sección quinta. Das sociedades profesionais.

Título III. Dos dereitos e deberes das persoas colexiadas.

Título IV. Dos órganos do colexio.

Capítulo I. Do órgano presidencial.

Capítulo II. Da Xunta de Goberno.

Sección primeira. Composición e funcións.

Sección segunda. Da elección e cesamento dos cargos.

Capítulo III. Das asembleas xerais ordinarias e extraordinarias.

Título V. Dos recursos económicos.

Título VI. Do réxime de distincións e premios do COLEF Galicia.

Título VII. Do réxime de responsabilidades.

Capítulo I. Das responsabilidades das persoas colexiadas.

Capítulo II. Do procedemento.

Título VIII. Do réxime xurídico dos acordos e da súa impugnación.

Título IX. Transparencia e información.

Título X. Disolución do colexio en réxime de liquidación.

Disposición adicional primeira.

Disposición adicional segunda.

TÍTULO I

Da profesión da persoa licenciada/graduada en Educación Física
e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e os seus organismos reitores
na Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 1

1. A profesión de persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte é unha profesión que lle presta un servizo á sociedade en interese público e que pode exercerse de forma independente en réxime de libre e leal competencia ou de forma dependente, por medio de técnicas e métodos cientificamente dirixidos á formación integral do individuo a través do movemento e da exercitación física ao mantemento da capacidade funcional e motora do corpo e á organización e desenvolvemento das actividades físicas, deportivas e recreativas, así como á dirección técnica dos medios e instalacións destinados a estes fins.

2. O exercicio libre da profesión de persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, no que se refire á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, estará suxeito á Lei sobre defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal, así como á lexislación xeral e específica sobre a ordenación substantiva desta. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo previsto nas leis.

3. Así mesmo, no exercicio profesional, a persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte queda sometida á normativa legal e estatutaria, ao fiel cumprimento das normas e usos da deontoloxía profesional e ao conseguinte réxime disciplinario colexial.

Artigo 2

1. O Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia, recoñecido nestes estatutos e regulado por eles, e o Consello Xeral dos Colexios de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de España, no cal se integra, son organismos reitores da profesión de persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte na demarcación territorial de Galicia.

2. O Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia está constituído pola segregación do Colexio Oficial Central de Profesores e Licenciados en Educación Física de España, conforme o Real decreto 1913/1983, do 25 de maio, do Ministerio de Cultura. Como colexio profesional é unha entidade sen ánimo de lucro, entendida como unha corporación de dereito público amparada pola lei e recoñecida polo Estado e pola Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e exerce as súas competencias no ámbito territorial de Galicia.

3. Todos os organismos colexiais se someterán na súa actuación e funcionamento aos principios democráticos e ao réxime de control orzamentario anual, coas competencias atribuídas nas disposicións legais e estatutarias. Os acordos, decisións e recomendacións do colexio observarán os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

4. Terá a súa sede e domicilio social na cidade de Santiago de Compostela (capital administrativa da Comunidade Autónoma de Galicia) ou noutra localidade da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o acordo da Asemblea Xeral por proposta da Xunta de Goberno. Na data de aprobación destes estatutos localízase a sede na cidade de Santiago de Compostela, con domicilio social na rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n, Edificio Feuga, despacho 20, código postal 15705.

TÍTULO II

Da colexiación para o exercicio profesional das persoas licenciadas/graduadas
en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte
na Comunidade Autónoma de Galicia

CAPÍTULO I

Do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias
da Actividade Física e do Deporte de Galicia

Artigo 3

1. Son fins esenciais do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia (no sucesivo COLEF Galicia, ou simplemente, colexio), segundo o artigo 8 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu respectivo ámbito, os seguintes:

a) A ordenación do exercicio da profesión, dentro do marco legal respectivo e no ámbito das súas competencias.

b) A representación exclusiva da profesión nos casos en que estea suxeita a colexiación obrigatoria.

c) A defensa dos dereitos e intereses profesionais dos/das seus/súas colexiados/as.

d) Velar pola satisfacción dos intereses xerais relacionados co exercicio da profesión, en especial, a protección dos intereses dos/das consumidores/as e usuarios/as dos servizos dos/das seus/súas colexiados/as.

e) O control deontolóxico.

f) Cooperar na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos que habiliten para o exercicio das correspondentes profesións.

g) Lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais das persoas colexiadas, promovendo a formación e o seu perfeccionamento. Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

h) A aplicación do réxime disciplinario dos/das profesionais colexiados/as, en garantía da sociedade e o cumprimento da función social de promoción, ensino e desenvolvemento da educación e cultura física na súa máis ampla concepción. Todo iso sen prexuízo da competencia das administracións públicas por razón da relación funcionarial.

2. O COLEF Galicia rexerase polas disposicións legais estatais ou autonómicas que o afecten; por estes estatutos; polos do Consello Xeral de Colexios de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e polas lexislacións e acordos aprobados polos diferentes órganos corporativos no ámbito das súas respectivas competencias.

Artigo 4

Para o cumprimento dos seus fins, o COLEF Galicia exercerá as funcións encomendadas polo artigo 9 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Exercer no seu ámbito a representación e defensa da profesión.

b) Ordenar no marco das súas competencias a actividade das súas persoas colexiadas, velando pola ética e dignidade profesional destas, así como conciliando os seus intereses co interese social e os dereitos dos cidadáns.

c) Exercer a potestade disciplinaria sobre as súas persoas colexiadas, nos termos previstos nesta lei e nos seus propios estatutos.

d) Exercer as accións legais e adoptar as medidas necesarias para evitar a intrusión profesional e a competencia desleal.

e) Cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses das persoas consumidoras e usuarias polos servizos das súas persoas colexiadas.

f) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais, cando a persoa colexiada o solicite libre e expresamente, nos casos en que o colexio profesional teña creados os servizos axeitados e nas condicións que se determinen nos estatutos.

g) Establecer e exixir as achegas económicas das persoas colexiadas.

h) Elaborar e aprobar os orzamentos anuais de ingresos e gastos, así como as contas e liquidacións orzamentarias.

i) Organizar actividades dirixidas á formación e perfeccionamento profesional das persoas colexiadas.

j) Participar de forma activa coas entidades de formación das futuras persoas tituladas na mellora dos plans de estudo e a súa preparación.

k) Organizar actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, asistencial, de previsión e análogos que sexan de interese para os/as colexiados/as, así como de cobertura de posibles responsabilidades civís contraídas por eles/as mesmos/as no exercicio da súa profesión.

l) Intervir como mediador nos conflitos profesionais que xurdan entre as persoas colexiadas.

m) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais, así como cos consellos galegos de colexios.

n) Informar daqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia que afecten as/os profesionais que agrupa ou se refiran aos fins ou funcións a elas e a eles encomendados.

o) Participar nos órganos consultivos da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente e designar representantes en calquera xulgado ou tribunal en que se exixan coñecementos relativos ás materias específicas, sempre que sexan requiridos para iso nos termos establecidos na Lei de axuizamento civil.

p) Emitir informes e ditames, de carácter non vinculante, en procedementos xudiciais ou administrativos en que se susciten cuestións que afecten materias da competencia profesional.

q) Colaborar coas administracións públicas en materia das súas competencias, de acordo coas disposicións vixentes.

r) Garantir a prestación da función polas persoas colexiadas.

s) Actuar como árbitro nos conflitos entre as persoas colexiadas e terceiros, cando así o soliciten ambas as partes.

t) Cantas outras funcións repercutan en beneficio dos intereses profesionais das persoas colexiadas e se encamiñen ao cumprimento dos fins colexiais.

u) Atender as solicitudes de información sobre as súas persoas colexiadas e sobre as sancións firmes a elas impostas, así como as peticións de inspección ou investigación que lle formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

Artigo 5

Así mesmo, o COLEF Galicia exercerá tamén as funcións encomendadas polo artigo 5 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro, de colexios profesionais, e pola demais lexislación aplicable.

Artigo 6

1. De conformidade coa normativa aplicable, o COLEF Galicia elaborará os seus estatutos particulares para regular o seu funcionamento, que deberán ser aprobados na súa asemblea xeral extraordinaria e polo Consello Xeral, sen prexuízo dos demais trámites administrativos que procedan.

2. Para a modificación destes estatutos observaranse os mesmos requisitos que para a súa aprobación.

Artigo 7

1. As persoas colexiadas integradas no colexio deben ter como guía da súa actuación o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

2. Constituirá conduta sancionable o incumprimento das normas deontolóxicas da profesión. As persoas colexiadas poderán ser sancionadas por accións ou omisións que estean tipificadas como faltas nos estatutos e no Código deontolóxico. A imposición de sancións requirirá a instrución previa dun procedemento disciplinario, rexéndose a súa tramitación polo disposto nos estatutos.

3. O Código deontolóxico deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral e será de obrigado cumprimento para as persoas colexiadas que exerzan a súa profesión na Comunidade Autónoma de Galicia. Deberá estar accesible na páxina web oficial do colexio.

CAPÍTULO II

Do exercicio profesional

Sección primeira. Disposicións xerais

Artigo 8

1. As competencias que, no exercicio da profesión, lles corresponden ás persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte son aquelas que veñan determinadas por lei.

2. O COLEF Galicia exercerá as accións que sexan procedentes por presuntos delitos ou faltas de intrusión, sen prexuízo de propiciar a adopción de calquera outra medida legal, gobernativa ou corporativa, que tenda a combater a intrusión profesional, que será reprimida en todas as súas formas, xa se faga directamente ou por intermedio dunha persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, ben proceda dunha persoa natural ou xurídica.

Artigo 9

Non poderá limitarse o número dos compoñentes do COLEF Galicia nin pecharse temporal ou definitivamente a admisión de novos aspirantes.

Artigo 10

A intervención profesional das persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte doutros países membros da Unión Europea acomodarase ás normas vixentes para o ámbito comunitario.

Sección segunda. Da colexiación

Artigo 11

1. Será requisito indispensable para o exercicio da profesión estar incorporado como exercente ao Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia para aqueles/as profesionais que teñan o seu domicilio único ou principal na Comunidade Autónoma de Galicia, en aplicación do disposto na disposición transitoria cuarta da Lei 25/2009, do 22 de decembro, sobre a vixencia das obrigas de colexiación precedentes, cando así estea establecido na lei estatal.

2. Poderán igualmente incorporarse ou permanecer como persoas colexiadas aqueles/as profesionais que non se manteñan en activo no exercicio da profesión.

3. A colexiación será única para todo o Estado, polo que poderán exercer a profesión, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, as persoas colexiadas noutros ámbitos territoriais, de conformidade coa normativa vixente nesta materia.

4. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que corresponden ao COLEF Galicia, en beneficio das persoas consumidoras e usuarias, o colexio utilizará os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes previstos na lexislación vixente sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio. As sancións impostas, se é o caso, polo COLEF Galicia producirán efectos en todo o territorio español.

5. No caso de desprazamento temporal dun profesional doutro Estado membro da Unión Europea, observarase disposto na normativa vixente en aplicación do dereito comunitario relativa ao recoñecemento de cualificacións.

Artigo 12

1. As persoas colexiadas poderán ser exercentes ou non exercentes, e deben figurar inscritas no rexistro que se levará para tales efectos, en que se fará constar a súa titulación académica e a súa condición de exercentes ou de non exercentes.

a) Serán persoas colexiadas exercentes as que exerzan a profesión en calquera das súas diversas modalidades, ou desempeñen funcións en relación coa súa titulación.

b) Serán persoas colexiadas non exercentes aquelas que desexen pertencer á organización colexial e non exerzan a profesión.

2. Con carácter honorífico poderán pertencer ao COLEF Galicia aquelas personalidades españolas ou estranxeiras de gran relevancia no campo da educación física e das ciencias da actividade física e o deporte, ou en calquera outro vinculado a el, que a Asemblea Xeral do colexio acorde por proposta da Xunta de Goberno. Estas persoas colexiadas de honra disporán de voz, pero non de voto, nas asembleas xerais e en ningún caso poderán pertencer á Xunta de Goberno.

3. Os requisitos de ingreso para as persoas colexiadas exercentes e non exercentes serán idénticos.

Artigo 13

Son requisitos necesarios que cómpre acreditar, como condicións xerais de aptitude para a incorporación ao COLEF Galicia, os seguintes:

1. Ser de nacionalidade española, da dalgúns dos Estados membros da Unión Europea ou doutros estados partes no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, salvo o disposto en tratados ou en convenios internacionais ou dispensa legal.

2. Ser maior de idade e non estar inmerso en causa de incapacidade.

3. Estar en posesión do título de licenciado/a en Educación Física, licenciado/a en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, graduado/a en Ciencias da Actividade Física e Deporte, ou das titulacións equivalentes de países membros da Unión Europea, de conformidade coa normativa comunitaria ou dos títulos estranxeiros que que conforme a normativa vixente, sexan homologados a aqueles.

4. Non estar inhabilitado/a para o exercicio profesional.

5. Satisfacer a cota de ingreso e as demais que teña establecidas o colexio.

6. Non estar inmerso/a en causa de incompatibilidade ou prohibición.

Artigo 14

Constitúen circunstancias de incapacidade para o exercicio profesional da persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte:

1. A inhabilitación ou suspensión expresa desta, en virtude de resolución xudicial ou corporativa firme.

2. As sancións disciplinarias firmes que leven consigo a expulsión do colexio.

3. Todo impedimento físico ou mental que imposibilite a realización das funcións profesionais.

A incapacidade desaparecerá cando cese a causa que a motivase ou se extinguise a responsabilidade disciplinaria conforme o previsto nestes estatutos.

Sección terceira. Das incorporacións e baixas

Artigo 15

O COLEF Galicia non poderá denegarlles o ingreso na corporación ás persoas que, reunindo as condicións de aptitude exixidas, non estean inmersas nalgunha das causas de incapacidade enumeradas nestes estatutos ou na lei.

A incorporación ao COLEF Galicia non será firme mentres non se satisfaga a cota de ingreso e as demais achegas que este teña establecidas.

Artigo 16

A Xunta de Goberno do COLEF Galicia resolverá sobre as solicitudes de incorporación a este.

A denegación de incorporación ao COLEF Galicia require resolución fundamentada da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno practicará cantas dilixencias e informacións considere oportunas, debéndose ditar a resolución nun prazo máximo de tres meses, desde o momento da solicitude; pasado este momento sen ditarse aquela, considerarase admitida. Se a resolución fose de denegación ou suspensión da incorporación, notificaráselle á interesada, que poderá interpoñer, ante o Consello Xeral, o recurso de alzada que se regula nestes estatutos.

Artigo 17

As persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que pertencesen ou pertenzan a outro ou a outros colexios de persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e soliciten a súa incorporación ao COLEF Galicia, deberán xuntarlle á solicitude unha certificación acreditativa de que non figuran como dadas de baixa por falta de pagamento nestes colexios e de que non foron obxecto de corrección disciplinaria ou de inhabilitación para o exercicio profesional, expulsión doutro colexio ou, de ser o caso, de que se atopan rehabilitadas, que será expedido polo Consello Xeral.

Artigo 18

1. A condición de persoa colexiada perderase:

a) Por condena firme que leve consigo a consecuencia de inhabilitación para o exercicio da profesión.

b) Por expulsión do colexio, acordada en expediente disciplinario.

c) Por deixar de satisfacer a cota ou cotas ordinarias correspondentes a un exercicio económico completo ou dúas extraordinarias, ou incumprir, de forma reiterada, as demais cargas colexiais establecidas nos estatutos ou nos regulamentos do colexio.

d) Por baixa voluntaria.

e) Por falecemento.

2. A perda da condición de persoa colexiada polas causas expresadas na epígrafe anterior deberá ser comunicada por escrito á persoa interesada, momento en que producirá efecto.

3. As baixas serán comunicadas ao Consello Xeral.

4. Nos casos do número 1.c) as persoas colexiadas poderán rehabilitar os seus dereitos pagando o debido, os seus xuros ao tipo legal e a cantidade que corresponda como nova incorporación.

Sección cuarta. Das incompatibilidades e da inxerencia profesional

Artigo 19

En materia de incompatibilidades, serán de aplicación ás/aos profesionais as normas reguladoras correspondentes.

Artigo 20

As persoas colexiadas afectadas por algunha das causas de incompatibilidade establecidas no artigo anterior deberán comunicarllo sen escusa á Xunta de Goberno do colexio e cesarán automaticamente no exercicio da profesión.

A Xunta de Goberno do colexio acordará o pase á situación de non exercente daquelas persoas colexiadas nas cales concorra algunha das circunstancias determinantes de incapacidade ou incompatibilidade para o exercicio profesional, mentres aquelas subsistan.

Artigo 21

No exercicio profesional, as persoas colexiadas absteranse de intervir en actividades competencia doutra persoa colexiada.

Sección quinta. Das sociedades profesionais

Artigo 22

1. De conformidade co disposto na Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais, deben inscribirse no Rexistro de Sociedades Profesionais do colexio aquelas sociedades profesionais en que participen como socio ou socios profesionais un ou máis profesionais pertencentes ao ámbito profesional do colexio e que dispoñan de sede ou centro principal de actividades en Galicia.

2. Para ese efecto, as sociedades inscritas deberán pagar as cotas de entrada e periódicas que determine a Asemblea Xeral.

3. As sociedades profesionais inscritas estarán sometidas ao réxime de dereitos, deberes e prohibicións que se establecen nos presentes estatutos respecto das persoas colexiadas, salvo no relativo ao dereito de sufraxio, pois as sociedades profesionais non terán dereito de sufraxio activo nin pasivo. Os dereitos e deberes serán extensibles ás sociedades profesionais, a menos que non lles poida ser de aplicación pola súa condición de persoas xurídicas, ou ben por imperativo legal.

4. As sociedades profesionais estarán sometidas ao réxime disciplinario establecido no título VII destes estatutos e ao réxime disciplinario que determine o Consello Xeral de Colexios.

5. O colexio comunicará ao Rexistrador Mercantil calquera incidencia que se produza despois da constitución da sociedade profesional e que impida o exercicio profesional a calquera das súas persoas socias colexiadas.

Artigo 23

1. Na sede do colexio existirá un Rexistro de Sociedades Profesionais en que se integrarán aquelas sociedades profesionais sinaladas no artigo precedente.

2. Os datos que deben incorporarse ao rexistro, segundo o artigo 8.2 da citada Lei 2/2007, son os seguintes:

a) Denominación ou razón social e domicilio da sociedade.

b) Data e datos identificativos da escritura pública de constitución e notario autorizante; e duración da sociedade se se constituíu por tempo determinado.

c) A actividade ou actividades profesionais que constitúan o obxecto social.

d) Identificación das persoas socias profesionais e non profesionais e, en relación con aqueles, número de colexiación e colexio profesional de pertenza.

e) Identificación das persoas que se encarguen da Administración e representación, expresando a condición de socio profesional ou non de cada unha delas.

6. As sociedades profesionais quedan sometidas ao réxime de responsabilidade disciplinaria e dos procedementos que establecen estes estatutos, e, en concreto, aos tipos de faltas e sancións previstos, en todo aquilo que lles sexa aplicable.

7. A Xunta de Goberno aprobará un regulamento que regule a constitución, o funcionamento, a inscrición e a publicidade do Rexistro de Sociedades Profesionais do colexio, no cal se preverán os requisitos e o procedemento de inscrición, e calquera outra cuestión que se crea necesaria para o cumprimento adecuado das as súas funcións.

TÍTULO III

Dos dereitos e deberes das persoas colexiadas

Artigo 24

Son dereitos das persoas colexiadas:

1. Actuar profesionalmente en todo o territorio nacional, ben de modo particular ou ao servizo de entidades públicas ou privadas, cando reúnan a condición de exercentes.

2. Participar do uso e desfrute dos bens do seu colexio e dos servizos que este teña establecidos, así como dos que determine o Consello Xeral.

3. Participar na xestión corporativa e, polo tanto, exercer os dereitos de petición, de voto e de acceso aos cargos directivos, na forma que establezan os estatutos. O voto das persoas colexiadas exercentes terá dobre valoración que o das non exercentes.

4. Realizar o exercicio profesional con toda liberdade e independencia, sen outras limitacións que as impostas pola lei e polas normas da ética e da deontoloxía profesional.

5. Solicitar e obter a protección da súa lícita liberdade de actuación profesional, tanto do propio colexio coma do Consello Xeral.

6. Levar a insignia colexial ou calquera outra distinción ou recoñecemento expedida por este colexio profesional.

7. Cantos outros dereitos lles confiran as leis, os presentes estatutos e o Estatuto xeral dos Colexios Oficiais de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Artigo 25

Son deberes das persoas colexiadas:

1. Cumprir as normas legais e estatutarias e, ademais, os acordos dos diferentes órganos corporativos.

2. Estar ao día no pagamento das cotas e demais cargas colexiais na forma e tempo que legalmente ou estatutariamente se fixe, calquera que sexa a súa natureza. Para estes efectos, considéranse cargas corporativas todas as impostas polo COLEF Galicia e polo Consello Xeral. Regulamentariamente estableceranse cotas diferenciadas para exercentes e non exercentes.

3. Informar de calquera modificación de datos persoais relativos a domicilio, datos bancarios e calquera outro considerado relevante para a xestión e administración do presente colexio profesional.

4. Denunciar ante o colexio todo acto de intrusión de que se teña coñecemento, exercicio da profesión sen a titulación exixida ou calquera outro suposto que contraveña a regulación estatutaria ou calquera outra norma que resulte de aplicación.

5. Desenvolver a súa profesión co máximo celo e dilixencia, e observar puntualmente as obrigas que deriven da relación contractual cos arrendatarios dos seus servizos podendo, para este efecto, axudarse de colaboradores/as e doutros compañeiros/as.

6. Gardarlles a cortesía e o respecto debido aos demais compañeiros/as, evitando calquera alusión a eles e elas que sexa obxecto de vexación ou de desprestixio.

TÍTULO IV

Dos órganos do colexio

Artigo 26

Son órganos esenciais da estrutura colexial:

a) O órgano presidencial ou presidente/a.

b) O órgano de goberno ou Xunta de Goberno.

c) O órgano plenario ou Asemblea Xeral.

CAPÍTULO I

Do órgano presidencial

Artigo 27

1. O órgano presidencial ou presidente/a exerce a representación do colexio, executa os acordos do órgano de goberno e exerce cantas facultades e funcións lle confiren estes estatutos e a normativa vixente.

2. O/a presidente/a do colexio será elixido/a polas persoas colexiadas como órgano diferenciado da Xunta de Goberno, con independencia de que lle corresponda a presidencia da Xunta de Goberno.

3. A remoción do/da presidente/a mediante moción de censura corresponderalle á asemblea xeral extraordinaria.

CAPÍTULO II

Da Xunta de Goberno

Sección primeira. Composición e funcións

Artigo 28

1. O goberno do COLEF Galicia establécese sobre os principios de democracia e autonomía, e será rexido pola Xunta de Goberno e pola Asemblea Xeral.

2. A Xunta de Goberno estará constituída por un/unha presidente/a, un/unha vicepresidente/a, un/unha secretario/a, un/unha vicesecretario/a, un/unha tesoureiro/a e catro vogais.

Artigo 29

Son atribucións da Xunta de Goberno:

1. Someter a referendo asuntos concretos de interese colexial, por sufraxio secreto e na forma que a propia xunta estableza.

2. Resolver sobre a admisión das persoas licenciadas/graduadas en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte que soliciten incorporarse ao colexio.

3. Velar por que as persoas colexiadas observen boa conduta con relación cos/coas seus/súas compañeiros/as de exercicio profesional e que no desempeño da súa función despreguen a necesaria dilixencia e competencia profesional.

4. Exercer accións e actuacións oportunas para impedir e perseguir a intrusión, así como o exercicio da profesión ás persoas que, colexiadas ou non, a exercesen en forma e baixo condicións contrarias ás legalmente establecidas, sen excluír as persoas, naturais ou xurídicas, que faciliten o exercicio profesional irregular.

5. Someter á aprobación da Asemblea Xeral as cotas de incorporación e as periódicas que deban satisfacer as persoas colexiadas para o mantemento das cargas e servizos colexiais.

6. Propoñerlle á Asemblea Xeral a imposición de cotas extraordinarias ás súas persoas colexiadas.

7. Recadar o importe das cotas para o mantemento das cargas do colexio.

8. Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno, dispoñendo o necesario para a súa elección, de acordo coas normas legais e estatutarias.

9. Convocar asembleas xerais ordinarias e extraordinarias, e sinalar a orde do día para cada unha.

10. Exercer as facultades disciplinarias respecto ás persoas colexiadas.

11. Propoñer á aprobación da Asemblea Xeral os regulamentos de réxime interior que coide axeitados.

12. Establecer, crear ou aprobar as agrupacións, comisións ou seccións de colexiados/as que poidan interesar aos fins da corporación, regular o seu funcionamento e fixar as facultades que, de ser o caso, lles deleguen.

13. Velar por que no exercicio profesional se observen as condicións de dignidade e prestixio que corresponden á persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como propiciar a harmonía e colaboración entre os colexiados/as, impedindo a competencia desleal, conforme a legalidade vixente.

14. Informar as persoas colexiadas con prontitude de cantas cuestións coñeza que poidan afectalas, xa sexa de índole corporativa, colexial, profesional ou cultural.

15. Defender as persoas colexiadas no desempeño das funcións da profesión ou con ocasión delas, cando o considere procedente e xusto.

16. Promover e xestionar ante o Goberno autónomo, autoridades do Estado na comunidade autónoma, das provincias e dos municipios de Galicia, canto se considere beneficioso para o interese común da profesión.

17. Exercer os dereitos e accións que correspondan ao colexio e, en particular, contra os que entorpezan a liberdade e independencia do exercicio profesional.

18. Propoñerlle á Asemblea Xeral a aprobación dos orzamentos anuais e o investimento ou disposición do patrimonio colexial se se trata de inmobles.

19. Emitir consultas e ditames, administrar arbitraxes e ditar laudos arbitrais.

20. Proceder á contratación dos empregados necesarios para a boa marcha da corporación.

21. Dirixir, coordinar, programar e controlar a actividade dos servizos colexiais.

22. Elixir os representantes do colexio ante o Consello Xeral, de acordo coa normativa establecida por este órgano.

23. Cantas outras establecen estes estatutos e o Estatuto xeral de colexios.

24. Designar as persoas colexiadas que deben formar parte dos tribunais de oposicións e concursos solicitados como vogais e asesores.

Artigo 30

1. A Xunta de Goberno reunirase, ordinariamente, unha vez ao trimestre ou cando o solicite unha cuarta parte dos seus membros. A convocatoria para as reunións faraa o/a secretario/a, despois do mandato do/da presidente/a, con tres días de antelación, polo menos. Remitirase por medios electrónicos e irá acompañada da orde do día correspondente. Fóra desta non poderán tratarse outros asuntos.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos dos asistentes. O/a presidente/a terá voto de calidade.

3. Ás sesións da Xunta de Goberno poderán asistir con voz pero sen voto cantas persoas, colexiadas ou non, fosen convocadas especialmente por ela para asuntos determinados.

4. A Xunta de Goberno poderá crear as comisións que considere convenientes que deberán, en todo caso, ser presididas polo/a presidente/a ou polo membro da xunta en quen delegue.

5. A Xunta de Goberno poderá acordar a delegación da sinatura do/da secretario/a en cuestións non substanciais, ben noutro compoñente da xunta ou nun funcionario do colexio.

Artigo 31

Non poderán formar parte da Xunta de Goberno:

1. As persoas colexiadas que fosen condenadas por sentenza firme que leve consigo a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

2. As persoas colexiadas ás cales se lles impuxese sanción disciplinaria, xa sexa no colexio onde pretendan acceder a cargos directivos, ou en calquera outro onde estivesen dados de alta, mentres non estean rehabilitadas.

3. As persoas colexiadas que sexan membros de órganos reitores doutro colexio profesional.

Artigo 32

Correspóndelle ao presidente ou presidenta a representación legal do colexio en todas as relacións deste cos poderes públicos, tribunais, entidades, corporacións e personalidades de calquera orde; exercerá as funcións de vixilancia e corrección que os estatutos reservan á súa autoridade; presidirá as xuntas de goberno e as asembleas xerais e todas as comisións especiais a que asista, e dirixirá as discusións con voto de calidade en caso de empate.

Ademais, expedirá as ordes de pagamento e os libramentos para o investimento dos fondos do colexio. Designará as quendas de intervención das persoas colexiadas para os ditames, consultas ou peritacións que se soliciten no colexio; poderá delegar esta función no secretario/a da Xunta de Goberno.

Artigo 33

O/a vicepresidente/a realizará todas aquelas funcións que lle confira o/a presidente/a, e asumirá as deste/a en caso de ausencia, enfermidade, abstención, recusación, renuncia ou vacante.

Artigo 34

Correspóndenlle ao/á secretario/a e, en caso da substitución deste/a por ausencia, enfermidade, renuncia ou falecemento, ao/á vicesecretario/a, as funcións seguintes:

a) Redactar e remitir os oficios e as comunicacións do colexio.

b) Redactar as actas das asembleas xerais e das xuntas de goberno.

c) Levar e custodiar os libros necesarios para o ordenado servizo do colexio, entre os que obrigatoriamente se atopará o libro de rexistro de persoas colexiadas, títulos, altas, baixas, sancións e os libros de actas da Asemblea Xeral e da Xunta de Goberno, que poderán realizarse mediante a incorporación dos medios técnicos que permitan as leis.

d) Recibir todas as solicitudes e comunicacións que se reciban no colexio, dando conta destas ao/á presidente/a.

e) Expedir as certificacións que procedan co visto e prace do/da presidente/a.

f) Organizar e dirixir administrativamente as oficinas do colexio, e exercer a xefatura do persoal.

g) Levar e custodiar un rexistro en que, por orde alfabética, se consigne a historia de cada persoa colexiada, así como, se é o caso, os rexistros de habilitados/as, visados e bolsa de traballo.

h) Ter ao seu cargo e custodia o arquivo e o selo do colexio.

i) Revisar anualmente as listas de persoas colexiadas, expresando a súa antigüidade e domicilio.

Artigo 35

Correspóndenlle ao/á tesoureiro/a as funcións seguintes:

a) Materializar a recadación e custodiar os fondos do colexio.

b) Pagar os libramentos que expida o/a presidente/a.

c) Informar periodicamente a Xunta de Goberno sobre a conta de ingresos e de gastos e a marcha do orzamento e formalizar anualmente as contas do exercicio económico vencido.

d) Redactar os orzamentos anuais que a Xunta de Goberno deba someter á aprobación da Asemblea Xeral.

e) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente co/coa presidente/a.

f) Administrar os fondos do colexio, levar inventario minucioso dos bens deste, dos cales será tamén administrador.

g) Levar e controlar a contabilidade e verificar a caixa.

h) Efectuar cobramentos de calquera natureza en nome do colexio.

Artigo 36

Os vogais desempeñarán as funcións que lles correspondan conforme as leis, estatutos e regulamentos, así como todas aquelas que lles sexan encomendadas pola Xunta de Goberno ou polo/a presidente/a.

Cando por calquera motivo ou circunstancia, definitiva ou temporalmente, estivese vacante algún dos cargos da Xunta de Goberno para os que especificamente non se prevexa a substitución nestes estatutos, serán substituídos nas súas funcións polos vogais, comezando polo que exerza a condición de persoa colexiada máis antiga.

Sección segunda. Da elección e cesamento dos cargos

Artigo 37

Os cargos da Xunta de Goberno proveranse por elección, en que poderán participar todas as persoas colexiadas, exercentes e non exercentes, agás as de carácter honorífico, seguindo o procedemento que nestes estatutos se establece.

Artigo 38

Todos os cargos da Xunta de Goberno se proverán entre as persoas colexiadas residentes na demarcación do colexio e que posúan a condición de elector/a. O período de mandato establécese en catro anos, e é posible a reelección.

Para os diferentes cargos da Xunta de Goberno establécense os seguintes requisitos de antigüidade no exercicio profesional:

Para o cargo de presidente/a, tres anos consecutivos, previos á elección, como persoa colexiada exercente.

Para os cargos de vicepresidente/a, secretaria/o e tesoureiro/a, dous anos consecutivos, previos á elección, como persoa colexiada exercente.

Artigo 39

A elección do/da presidente/a e dos membros da Xunta de Goberno efectuarase por sufraxio universal, libre, directo e secreto das persoas colexiadas, e computarase o valor dos votos de conformidade co previsto no artigo 24.3 destes estatutos.

O voto poderá exercerse persoalmente, por correo ou por medios electrónicos certificados que garantan a identificación da persoa votante e a seguridade da comunicación e/ou emisión do voto. Elaborarase un regulamento electoral onde se especifiquen as condicións para emitir o voto por medios electrónicos certificados.

A emisión do voto por correo está suxeita aos requisitos seguintes:

a) A persoa electora solicitará da secretaría do colexio, a partir da convocatoria e ata o décimo día anterior ao da votación, un certificado de inscrición no censo.

b) A solicitude deberá formularse persoalmente ou por medio dunha persoa debidamente autorizada para representalo.

c) O/a secretario/a do colexio comprobará a identidade da persoa solicitante e, de ser o caso, a da representante, así como a autenticidade da representación e, logo de comprobación da inscrición no censo, expedirá o certificado solicitado, realizando a anotación correspondente no censo, co fin de que o día das eleccións non se realice o voto persoalmente.

d) Tan pronto como estean dispoñibles, o/a secretario/a do colexio remitiralle á persoa electora ao domicilio por ela indicado ou, na súa falta, ao que figure no censo, as papeletas e os sobres electorais xunto co certificado mencionado no punto anterior.

e) A persoa electora, unha vez cuberta a papeleta do voto, introduciraa no sobre de votación e pecharao. Incluirá o sobre de votación e o certificado no sobre dirixido á mesa e remitirallo por correo certificado.

f) O/a secretario/a do colexio conservará ata o día da votación toda a correspondencia electoral e trasladaraa á mesa electoral á hora en que teña lugar o comezo das votacións. Así mesmo, seguirá dando traslado da que poida recibirse nese día ata a hora en que finalicen as votacións.

Artigo 40

A elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno poderá ter lugar en acto separado das sesións da Asemblea Xeral e poderá celebrarse en calquera período do ano.

Artigo 41

Terán dereito de sufraxio activo as persoas colexiadas, sexan exercentes ou non.

Artigo 42

Se máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno quedasen vacantes, o Consello Xeral adoptará as medidas que considere convenientes para completarse provisionalmente cos/coas colexiados/as máis antigos/as. A xunta provisional así constituída convocará, no prazo de quince días, eleccións para a provisión destes cargos e exercerá as súas funcións ata que tomen posesión as persoas designadas en virtude da elección.

A realización das devanditas eleccións efectuarase conforme o procedemento establecido nos artigos 43 a 47, agás o establecido no artigo 43.1.

Artigo 43

O procedemento electoral será o seguinte:

1. Cando a convocatoria de eleccións sexa por rematar o mandato de 4 anos da Xunta de Goberno, acordarase a convocatoria con trinta e cinco días de antelación, cando menos, á data de expiración do mandato. Cando a convocatoria de eleccións sexa para cargos que quedan vacantes antes de rematar o mandato de 4 anos, poderase convocar en calquera momento.

2. Dentro dos cinco días seguintes á data do acordo da convocatoria, inserirase na páxina web oficial do colexio e remitiráselles por medios electrónicos ás persoas colexiadas, facendo constar:

a) Cargos obxecto de elección, período de mandato e requisitos exixidos para poder aspirar a cada un deles.

b) Día e hora da celebración das eleccións, con expresión da hora en que se pecharán as urnas para o comezo do escrutinio.

c) Requisitos do voto por correo. A convocatoria entenderase publicada e producirá efecto desde a súa inserción na páxina web oficial do colexio.

3. Así mesmo, exporanse na páxina web oficial do colexio as listas separadas de persoas colexiadas exercentes e non exercentes con pleno dereito a voto.

As reclamacións que se formulen contra o censo electoral deberanse realizar nos cinco días seguintes á publicación das listas electorais e nos cinco días seguintes deberaas resolver a Xunta de Goberno.

4. As candidaturas deberán presentarse na Secretaría do colexio nos quince días seguintes á data de publicación da convocatoria na páxina web oficial. Estas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán estar subscritas exclusivamente polas propias persoas candidatas.

Ningunha persoa colexiada poderá presentarse como candidata a máis dun cargo.

5. Cando un membro da Xunta de Goberno presente a súa candidatura para un novo cargo e resulte elixido, cesará no cargo que viña ocupando.

6. As candidaturas presentadas, ao día seguinte de que remate o prazo de admisión destas, exporanse na páxina web oficial do colexio co fin de que as persoas colexiadas poidan formular reclamacións ou impugnacións contra elas, dentro do prazo dos cinco días seguintes á súa exposición.

7. Nos cinco días seguintes, a Xunta de Goberno resolverá sobre as reclamacións ou impugnacións presentadas e notificaralles a correspondente resolución ás persoas interesadas dentro dos dous días seguintes.

8. Finalizado o prazo de reclamacións, a Xunta de Goberno, ao día seguinte, proclamará persoas candidatas a quen reúna os requisitos exixidos e publicará esa proclamación na páxina web oficial do colexio, sen prexuízo de que o colexio poida remitir tamén comunicacións individuais ás súas persoas colexiadas.

9. A exclusión de calquera candidato/a deberá ser motivada e notificaráselle á persoa interesada o seguinte día hábil. Esta poderá presentar recurso conforme o previsto no artigo 101 destes estatutos.

10. Todos os prazos sinalados neste artigo e no anterior serán computados por días naturais.

Artigo 44

1. Para a celebración da elección, constituirase a mesa electoral con membros da Xunta de Goberno que non se presenten como candidatos. A súa composición será a seguinte:

– Presidente/a: presidente/a. Suplente 1: vicepresidenta/e. Suplente 2: vogal con máis antigüidade. Suplente 3: 3 vogal con máis antigüidade. Suplente 4: tesoureiro/a.

– Secretaria/o: secretaria/o. Suplente 1: vicesecretario/a. Suplente 2: 2 vogal con máis antigüidade. Suplente 3: vogal con menos antigüidade.

As persoas suplentes actuarán no caso de ausencia ou por ser persoa candidata o titular ou os suplentes anteriores. Se non é posible completar a mesa electoral con membros da Xunta de Goberno, completarase coas persoas colexiadas de maior antigüidade que non se presenten como candidatas.

Cada persoa candidata poderá, pola súa banda, designar entre as persoas colexiadas unha persoa interventora que a represente na elección.

2. No día e hora sinalados para a elección, constituirase a mesa electoral. O/a presidente/a indicará o comezo da votación e, á hora prevista para a súa finalización, anunciará que vai concluír esta, pecharanse as portas e só poderán votar as persoas colexiadas que xa estivesen no lugar onde se efectúe a votación. A continuación, o/a presidente/a introducirá na urna os sobres que conteñan as papeletas remitidas por correo, despois de verificar que a persoa electora está inscrita no censo e que non realizou o voto persoalmente.

Por último, votarán os membros da mesa e os/as interventores/as.

3. As papeletas de voto deberán ser iguais ao modelo que a Xunta de Goberno aprobe e que o colexio deberá editar e facilitarlles ás persoas candidatas e electoras.

4. Na sede en que se celebre a elección deberase poñer á disposición dos e das votantes un número suficiente de papeletas.

Artigo 45

As persoas votantes deberán identificarse ante a mesa electoral e entregar a papeleta de votación en sobre pechado. A mesa comprobará a súa inclusión no censo electoral, e o/a presidente/a, pronunciando en voz alta o nome e apelidos da persoa votante, indicará que vota, tras o cal o propio/a presidente/a introducirá o sobre coa papeleta na urna correspondente.

Artigo 46

1. Concluída a votación procederase ao escrutinio, en que se lerán en voz alta todas as papeletas.

2. Serán declaradas nulas aquelas papeletas que conteñan emendas ou riscadas, así como expresións alleas ao estrito contido da votación e, igualmente, aquelas que indiquen a máis dun/dunha candidato/a para un mesmo cargo ou nomes de persoas que non figuren na elección.

Aquelas papeletas que se atopen só parcialmente cubertas en canto ao número de candidatos/as, pero que reúnan os requisitos exixidos para a súa validez, serano para os cargos e persoas correctamente expresados.

3. Ao finalizar o escrutinio, o/a presidente/a da mesa electoral anunciará publicamente o seu resultado, e proclamaranse seguidamente electos/as aqueles/as candidatos/as que obtivesen, para cada cargo, o maior número de votos. En igualdade de votos entenderase elixida a persoa candidata con maior antigüidade como colexiada exercente no propio colexio.

4. O resultado electoral formalizarase nunha acta que asinarán os integrantes da mesa e que, necesariamente, terá que expresar as persoas que a compoñen, número de votantes, interventores/as designados polos/as candidatos/as, incidencias e candidatos/as proclamados/as.

5. O resultado da elección será impugnable ante o Consello Xeral, de acordo co establecido no título VIII destes estatutos.

6. No prazo de cinco días desde a constitución dos órganos de goberno, comunicaránselles estes ao Consello Xeral e á consellería competente en materia de colexios profesionais da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 47

As persoas candidatas proclamadas electas tomarán posesión do cargo na primeira Xunta de Goberno que se celebre, que deberá ter lugar nun prazo non superior a quince días desde a elección. A súa convocatoria será efectuada polo/a presidente/a da Xunta de Goberno cesante e deberán ser convocados os membros das xuntas de goberno cesante e electa.

Artigo 48

Os membros da Xunta de Goberno cesarán nos seus respectivos cargos polas seguintes causas:

1. Falta de concorrencia ou perda dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

2. Expiración do termo ou prazo polo que foron elixidos ou designados.

3. Renuncia do/da interesado/a.

4. Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas ou cinco alternas no período dun ano.

5. Aprobación de moción de censura segundo o regulado nestes estatutos.

CAPÍTULO III

Das asembleas xerais ordinarias e extraordinarias

Artigo 49

Todas as persoas colexiadas poderán asistir con voz e voto ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias que se celebren, agás as excepcións que nestes estatutos se determinan.

Artigo 50

A asemblea xeral ordinaria celebrarase, polo menos, unha vez ao ano, dentro do primeiro trimestre do ano natural.

Artigo 51

1. As asembleas xerais deberán convocarse, polo menos, con 30 días naturais de antelación.

Esta convocatoria inserirase na páxina web oficial do colexio, con expresión da orde do día, e non poderán ser tratados nestas máis asuntos que os expresados na convocatoria.

2. Sen prexuízo do anterior, citaranse tamén as persoas colexiadas por medios electrónicos en que, igualmente, constará a orde do día.

3. Na Secretaría do colexio, durante as horas de despacho, estarán á disposición das persoas colexiadas os antecedentes dos asuntos que se van deliberar na asemblea convocada.

Artigo 52

A asemblea xeral ordinaria do primeiro trimestre do ano natural celebrarase, polo menos, conforme a seguinte orde do día:

1. Informe do/da presidente/a sobre as actividades e acontecementos máis importantes que, durante o exercicio, se producisen con relación ao colexio.

2. Exame e votación da conta xeral de gastos e ingresos do exercicio anterior.

3. Exame e votación do orzamento aprobado pola Xunta de Goberno para o exercicio seguinte.

4. Elección para cargos vacantes da Xunta de Goberno, cando proceda.

5. Lectura, discusión e votación das proposicións que se presenten dentro do prazo establecido no artigo seguinte.

6. Rogos e preguntas.

Artigo 53

As persoas colexiadas, quince días antes da celebración da asemblea xeral ordinaria, poderán presentar as proposicións que desexen someter á deliberación e acordo daquela, e deberán ser incluídas estas, pola Xunta de Goberno, no punto da orde do día denominado proposicións.

Estas proposicións deberán aparecer subscritas por un mínimo de dez persoas colexiadas. Ao darse lectura destas proposicións, a Asemblea Xeral acordará se procede ou non abrir a discusión sobre elas.

Artigo 54

1. As asembleas xerais extraordinarias celebraranse por iniciativa do/da presidente/a, da Xunta de Goberno ou a petición, polo menos, do dez por cento das persoas colexiadas.

2. Cando a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria tivese como causa o voto de censura contra a Xunta de Goberno ou contra algún dos seus membros, esta petición deberá ser subscrita, como mínimo, polo vinte por cento das persoas colexiadas, e deberase fundamentar aquela.

3. Se a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria se fixese por acordo do/da presidente/a ou da Xunta de Goberno, celebrarase no prazo de trinta días naturais, contados desde a adopción do acordo, e, no mesmo prazo, se for por instancia das persoas colexiadas, contados a partir da presentación da petición.

A Xunta de Goberno, en caso de que a proposición sexa allea aos fins atribuídos ao colexio, por resolución motivada poderá denegar a celebración de asemblea xeral extraordinaria, sen prexuízo dos recursos que lles puidesen corresponder ás persoas solicitantes.

Artigo 55

1. As asembleas xerais celebraranse no día e hora sinalados, calquera que sexa o número de persoas colexiadas asistentes a elas, agás nos casos en que se exixa un quórum de asistencia determinado.

2. Os acordos serán adoptados por maioría de votos emitidos.

3. Os acordos adoptados na Asemblea Xeral serán obrigatorios para todas as persoas colexiadas, sen prexuízo dos recursos que se establecen nestes estatutos.

Artigo 56

A asemblea xeral extraordinaria será a única competente para autorizar a aprobación ou modificación dos estatutos, a fusión, a absorción e a disolución do colexio, así como para autorizar á Xunta de Goberno a adquisición, hipoteca ou alleamento dos bens inmobles da corporación; aprobar ou censurar a actuación da Xunta de Goberno ou dos seus membros e terá como competencia propia a remoción do presidente mediante moción de censura.

Artigo 57

As votacións serán secretas cando así o solicite o dez por cento das persoas colexiadas asistentes. En calquera caso, será secreto o voto cando afecte cuestións relativas ao decoro das persoas colexiadas

Artigo 58

1. A moción ou voto de censura só poderá presentarse en asemblea extraordinaria convocada para o efecto, de conformidade co establecido nestes estatutos.

2. Para este efecto, só quedará constituída a asemblea extraordinaria cando acuda a metade máis un do censo de persoas colexiadas exercentes.

3. Existindo o aludido quórum, para que prospere será necesario o voto favorable da metade máis un das persoas colexiadas asistentes.

Artigo 59

Para a modificación dos estatutos, hipoteca ou alleamento de inmobles exixirase un quórum de asistencia da metade máis un das persoas colexiadas censadas en primeira convocatoria e en segunda, sexa cal sexa a participación. En calquera caso, os acordos tomaranse co voto favorable da metade máis un das persoas colexiadas asistentes.

TÍTULO V

Dos recursos económicos

Artigo 60

O exercicio económico do colexio coincidirá co ano natural.

Artigo 61

O/a presidente/a do colexio exercerá as funcións de ordenamento de pagamentos, das execucións dos cales se encargará o/a tesoureiro/a, quen coidará da súa contabilización.

Artigo 62

O colexio non poderá delegar noutra persoa que non sexa o/a tesoureiro/a a administración dos seus recursos, sen prexuízo das colaboracións que para iso se precisen.

Artigo 63

O patrimonio do colexio será administrado pola Xunta de Goberno. En todo caso, esta facultade exercerase a través do tesoureiro/a.

Artigo 64

As persoas colexiadas poderán examinar as contas do colexio durante os quince días naturais anteriores á celebración da asemblea xeral que deba aprobalas.

Artigo 65

Constitúen recursos ordinarios do COLEF Galicia:

1. Os rendementos de calquera natureza que produzan as actividades, os bens ou os dereitos que integran o patrimonio do colexio, así como os rendementos dos fondos depositados nas súas contas.

2. As cotas de incorporación ao colexio e as de rexistro e certificación de habilitacións para o exercicio da docencia legalmente establecidas.

3. Os dereitos que fixe a Xunta de Goberno por emisión de ditames, resolucións, informes ou consultas que avalíe esta sobre calquera materia da súa competencia.

4. O importe das cotas ordinarias e extraordinarias, fixas ou variables, así como derramas e pólizas colexiais establecidas pola Asemblea Xeral.

5. Os dereitos que fixe a Asemblea Xeral por expedición de certificacións.

6. Calquera outro concepto que legalmente proceda.

Artigo 66

Constituirán recursos extraordinarios do colexio:

1. As subvencións ou donativos que concedan ao colexio os órganos de goberno da comunidade autónoma, corporacións oficiais, entidades ou particulares.

2. Os bens e dereitos de toda clase que, por herdanza ou por outro título, pasen a formar parte do patrimonio do colexio.

3. As cantidades que por calquera concepto lle corresponda percibir ao colexio cando administre, en cumprimento dalgún encargo temporal ou perpetuo, mesmo cultural ou benéfico, determinados bens ou rendas.

4. Calquera outro que legalmente proceda.

Artigo 67

As contas do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia serán auditadas, cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial dos seus órganos directivos. O informe de auditoría someterase á consideración da primeira asemblea xeral ordinaria que se realice.

TÍTULO VI

Do réxime de distincións e premios do COLEF Galicia

Artigo 68

1. O COLEF Galicia poderá conceder distincións que premien os méritos relevantes e outros servizos, así como as colaboracións prestadas á profesión e ao colexio profesional.

2. Estas distincións poderán ser outorgadas tanto a persoas colexiadas como a outras persoas físicas, xurídicas e institucións.

3. As distincións serán significativas e relevantes e poderán consistir en outorgamento de diplomas, certificacións, insignias, placas ou outra distinción ou recoñecemento expedido por este colexio profesional.

4. Este colexio profesional poderá elaborar unha normativa que estableza e regule os requisitos e méritos para ser digno destes recoñecementos.

TÍTULO VII

Do réxime de responsabilidades

CAPÍTULO I

Das responsabilidades das persoas colexiadas

Artigo 69

Sen prexuízo da responsabilidade civil ou penal en que poidan incorrer as persoas colexiadas, estas están suxeitas á responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes profesionais.

Artigo 70

A Xunta de Goberno é o órgano competente para o exercicio da facultade disciplinaria.

Artigo 71

As faltas que poidan comportar sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

Artigo 72

Son faltas moi graves:

1. O exercicio profesional, por si ou por persoa interposta, cando se estea inmerso en causa de incompatibilidade ou inhabilitación.

2. A comisión de delitos dolosos, en calquera grao de participación, establecida por sentenza firme, como consecuencia do exercicio da profesión, así como os actos e omisións que constitúan ofensa moi grave á dignidade da profesión, ás regras éticas e deontolóxicas que a gobernan e aos dereitos e deberes das persoas colexiadas establecidos nestes estatutos.

3. O atentado contra a dignidade, a honra e a propia imaxe das persoas que constitúen os órganos de goberno colexiais cando actúen no exercicio das súas funcións; e contra os compañeiros e as compañeiras con ocasión do exercicio profesional.

4. A embriaguez ou consumo de drogas cando afecten gravemente o exercicio da profesión.

5. A realización de actividades, constitución de asociacións ou pertenza a estas, cando teñan como fins ou realicen funcións que sexan propias e exclusivas do colexio.

6. A reiteración en falta grave.

7. A intrusión profesional e o seu encubrimento.

8. A comisión de infraccións que polo seu número ou gravidade resulten moralmente incompatibles co exercicio da profesión de persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

9. O incumprimento das normas deontolóxicas da profesión de persoa licenciada/graduada en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte.

Artigo 73

Son faltas graves:

1. Incumprimento dos deberes estatutarios ou dos acordos adoptados polos órganos colexiais no ámbito da súa competencia, que lles ocasionen danos ou perdas á corporación, aos demais compañeiros/as ou a terceiros.

2. A falta de respecto aos compoñentes da Xunta de Goberno no exercicio das súas funcións, cando exista intencionalidade de causarlles dano ou reiteración.

3. Os actos de desconsideración manifesta cara aos compañeiros e ás compañeiras no exercicio da actividade profesional, cando exista intencionalidade de causarlles dano ou reiteración.

4. A competencia desleal e a infracción do disposto no artigo 21.

5. Os actos e omisións descritos no número 2 do artigo anterior, cando a entidade destes non sexa moi grave.

6. O exercicio profesional en situación de embriaguez, ou baixo o influxo de drogas tóxicas, cando non afecte gravemente o exercicio profesional.

7. A reiteración en falta leve.

Artigo 74

Son faltas leves:

1. A falta de respecto aos membros dos órganos de goberno colexiais no exercicio das súas funcións cando non constitúa falta grave.

2. A neglixencia no cumprimento das normas estatutarias.

3. As infraccións menores dos deberes que a profesión impón.

Artigo 75

As sancións que poden impoñerse son:

Por faltas moi graves:

a) Para as do número 1 do artigo 72, expulsión do colexio; a persoa colexiada poderá solicitar novamente a alta unha vez cumprido un prazo de cinco anos desde a imposición da sanción.

b) Para as dos números 2, 3, 4, 5, 6, 7 e 8 do dito artigo, suspensión do exercicio da profesión por un prazo superior a tres meses sen superar os dous anos.

Por faltas graves:

Suspensión do exercicio da profesión por un prazo non superior a tres meses.

Por faltas leves:

a) Amoestación privada.

b) Apercibimento por escrito.

CAPÍTULO II

Do procedemento

Artigo 76

En ningún caso se poderá impoñer unha sanción sen que se tramitase o correspondente expediente disciplinario, de acordo co procedemento que se regula neste capítulo.

Artigo 77

O procedemento sancionador respectará en todo momento a presunción de inocencia da persoa expedientada.

Artigo 78

A potestade sancionadora respecto das persoas colexiadas correspóndelle á Xunta de Goberno do colexio.

Artigo 79

A instrución do procedemento, así como a proposta de resolución do expediente, correspóndelle ao/á presidente/a do colexio, que poderá delegar esa facultade nun órgano que poida crearse para tal fin ou en calquera dos membros da Xunta de Goberno.

Artigo 80

O procedemento comezará de oficio por acordo da Xunta de Goberno, ben por propia iniciativa, ben como consecuencia de petición razoada doutros órganos colexiais, ben por denuncia.

Artigo 81

Mediante acordo motivado poderanse adoptar medidas de carácter provisional que aseguren a eficacia da resolución final que puidese ditarse.

Artigo 82

Iniciado o procedemento, notificaránselle á persoa interesada os feitos que se lle imputan, as infraccións que tales feitos poidan constituír e as sancións que, se é o caso, se lle puidesen impoñer, así como a identidade da persoa instrutora, do órgano competente para impoñer a sanción e da norma que atribúa tal competencia.

Artigo 83

No prazo de quince días contados a partir da notificación, a persoa interesada poderá presentar alegacións e achegar os documentos e xustificacións que coide pertinentes.

Artigo 84

Cando a persoa interesada o solicite ou a persoa instrutora o considere necesario, acordarase a apertura dun período de probas, por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez, co fin de que poidan practicarse cantas se xulguen pertinentes.

Artigo 85

1. Os feitos relevantes para a decisión do procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

2. A persoa instrutora soamente poderá rexeitar as probas propostas pola persoa interesada cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada.

Artigo 86

A persoa instrutora comunicaralle á persoa interesada, con antelación suficiente, o lugar, a data e a hora en que se practicarán as probas, co fin de que poida asistir debidamente asesorada por técnicos da súa elección.

Artigo 87

A persoa instrutora poderá solicitar cantos informes xulgue necesarios para a resolución do procedemento.

Artigo 88

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de que o/a instrutor/a redacte a proposta de resolución, poralle de manifesto todo o realizado á persoa interesada para que, en trámite de audiencia, que non poderá ser inferior a dez días nin superior a quince, poida alegar e presentar os documentos e as xustificacións que considere pertinentes.

Artigo 89

A proposta de resolución, con todo o actuado, elevarase á Xunta de Goberno, que é o órgano colexial que ten conferida a potestade sancionadora.

Artigo 90

1. A resolución que lle poña fin ao procedemento deberá ser motivada e resolverá todas as cuestións presentadas no expediente sen que se poidan aceptar nela feitos distintos dos determinados no curso do procedemento.

2. O prazo máximo en que se debe ditar e notificar a resolución será de seis meses, contados desde a data do acordo da Xunta de Goberno de iniciación do procedemento.

3. O vencemento do prazo máximo establecido no punto anterior sen que se ditase e se notificase a resolución expresa dará lugar á caducidade do procedemento e ao arquivamento das actuacións, salvo que o procedemento se paralizase por causa imputable á persoa interesada; neste caso, interromperase o cómputo do prazo para resolver e notificar a resolución.

Artigo 91

A imposición de sancións disciplinarias soamente poderá ser adoptada mediante acordo da Xunta de Goberno, por medio de votación secreta e co consenso das dúas terceiras partes dos membros que a compoñen.

Artigo 92

Á sesión en que se deban tomar acordos sobre a imposición de sancións disciplinarias están obrigados a asistir todos os compoñentes da Xunta de Goberno. Quen sen causa xustificada non concorrese deixará de pertencer a esta, sen que poida ser de novo designado na elección mediante a que se cubra a vacante.

Artigo 93

A Xunta de Goberno remitiralle ao Consello Xeral testemuño dos acordos sancionadores adoptados nos expedientes sobre responsabilidade disciplinaria das persoas colexiadas.

Artigo 94

As resolucións sancionadoras da Xunta de Goberno serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Xeral, conforme o previsto nestes estatutos.

Artigo 95

1. A prescrición das faltas producirase aos seis meses para as leves, aos dous anos para as graves e aos tres anos para as moi graves, e computarase o prazo desde o momento en que a falta se cometese.

2. A prescrición interromperase polo inicio do procedemento, que deberá comunicarse á persoa interesada e volverá correr o prazo se o expediente disciplinario permanecese paralizado por máis dun mes por causa non imputable á persoa expedientada.

Artigo 96

As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos e as impostas por faltas leves ao ano, e computarase o prazo desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impón a sanción.

Artigo 97

1. As sancións disciplinarias que se lles impoñan ás persoas colexiadas anotaranse no seu expediente.

2. A cancelación destas anotacións, unha vez transcorrido o prazo de prescrición das correspondentes sancións, producirase de oficio ou por instancia da persoa interesada ante o órgano colexial que acordou a sanción.

3. As cancelacións que se produzan serán remitidas, mediante testemuño, ao Consello Xeral.

4. A cancelación non impedirá a apreciación de reincidencia se a persoa expedientada volve incorrer en falta.

TÍTULO VIII

Do réxime xurídico dos acordos e da súa impugnación

Artigo 98

Os acordos da Asemblea Xeral, da Xunta de Goberno do colexio e do/da seu/súa presidente/a serán inmediatamente executivos.

Artigo 99

1. No colexio levaranse, obrigatoriamente, dous libros de actas, onde se transcribirán, separadamente, as correspondentes á Asemblea Xeral e á Xunta de Goberno.

2. Estas actas deberanas asinar o/a presidente/a e o/a secretario/a ou as persoas que os substituísen no desempeño das súas funcións.

Artigo 100

Os acordos publicaranse na páxina web oficial do colexio dentro dos trinta días naturais seguintes á data da súa adopción, e deberánselles notificar ás persoas interesadas.

Artigo 101

1. Os acordos adoptados pola Asemblea Xeral, pola Xunta de Goberno do colexio e polo/a seu/súa presidente/a serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Xeral, dentro do prazo dun mes desde a súa publicación na páxina web oficial ou, se é o caso, notificación ás persoas colexiadas ou persoas a que afecten.

2. O recurso poderase interpoñer ante o órgano colexial que ditou o acto que se impugna ou ante o propio Consello Xeral.

Se se interpuxese ante o órgano colexial que ditou o acto impugnado, este deberá remitirllo ao Consello Xeral, no prazo de dez días, co seu informe e cunha copia completa e ordenada do expediente.

3. A interposición de calquera recurso, agás nos casos en que unha disposición estableza o contrario, non suspenderá a execución do acto impugnado.

Non obstante o disposto no punto anterior, o órgano colexial a que lle competa resolver o recurso, logo de ponderación suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ao interese público ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se lle causa á persoa recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto impugnado, poderá suspender de oficio ou por solicitude da persoa recorrente a execución do acto impugnado, cando concorra algunha das circunstancias seguintes:

a) Que a execución puidese causar prexuízos de imposible ou difícil reparación.

b) Que o recurso se fundamente nalgunha das causas de nulidade de pleno dereito previstas no artigo 103.1 destes estatutos.

4. O prazo máximo para resolver e notificar o recurso será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que recaia resolución poderase entender desestimado o recurso.

Artigo 102

1. Contra os acordos da Asemblea Xeral poderá interpor recurso a Xunta de Goberno ou calquera persoa colexiada con interese lexítimo, na forma e nos prazos previstos nestes estatutos.

2. A Xunta de Goberno ou, na súa falta, calquera dos seus membros, deberá, en todo caso, formular recurso contra os actos nulos de pleno dereito.

Artigo 103

1. Son nulos de pleno dereito os actos dos órganos colexiais que incorran nalgún dos supostos que establece o artigo 47 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Son anulables os actos dos órganos colexiais que incorran nos supostos establecidos no artigo 48 da citada lei.

Artigo 104

Nos supostos non previstos nestes estatutos, aplicarase a Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas, nos actos dos órganos colexiais que supoñan o exercicio de potestades administrativas.

TÍTULO IX

Transparencia e información

Artigo 105

O COLEF Galicia dispón dunha páxina web oficial onde figura a información básica sobre as funcións, estrutura, funcionamento e actividades do colexio, así como as persoas que forman parte dos órganos colexiados.

Artigo 106

1. A páxina web oficial do colexio disporá dun portelo único para que as persoas colexiadas poidan realizar os seguintes trámites, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia:

a) Obter toda a información e os formularios necesarios para colexiarse e darse de baixa do colexio, así como para o acceso e o exercicio da súa actividade profesional.

b) Presentar toda a documentación e as solicitudes necesarias.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesada e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución deles polo colexio profesional, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

2. O portelo único tamén será utilizado para convocar as persoas colexiadas ás asembleas xerais ordinarias e extraordinarias e poñer no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio.

3. A través do referido portelo único o colexio ofreceralles ás persoas consumidoras e usuarias a seguinte información:

a) Os medios e as condicións de acceso aos rexistros públicos de persoas colexiadas.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre unha persoa colexiada e outra destinataria do servizo profesional.

c) O acceso ao Rexistro de Persoas Colexiadas, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: o nome e os apelidos dos profesionais colexiados/as, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o enderezo profesional e a situación de habilitación profesional.

Artigo 107

1. O colexio disporá dun servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e ás persoas colexiadas que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou das persoas colexiadas sexan presentadas por calquera persoa usuaria ou profesional colexiada, así como por organizacións de persoas consumidoras e usuarias na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O servizo de atención ás persoas consumidoras ou usuarias e ás persoas colexiadas poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento sancionador, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se é o caso, corresponda.

3. A regulación deste servizo permitirá a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

Artigo 108

1. O COLEF Galicia elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a seguinte información:

a) Informe anual de xestión económica, en que se inclúan os gastos de persoal suficientemente desagregados e se especifiquen as retribucións dos membros da Xunta de Goberno por razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables aos conceptos e servizos de todo tipo, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos sancionadores concluídos, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e, se é o caso, da sanción imposta, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa ás queixas e ás reclamacións presentadas polas persoas consumidores e usuarias, á súa tramitación e, se é o caso, aos motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Contido dos códigos de conduta, no caso de dispoñer deles.

f) As situacións de conflito de intereses en que se encontren os membros da Xunta de Goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado. Nos casos pertinentes, os datos presentaranse desagregados territorialmente por corporacións.

2. A memoria anual farase pública na páxina web oficial do colexio no primeiro trimestre de cada ano.

3. A información contida nesta memoria anual será facilitada ao Consello Xeral para a elaboración da memoria correspondente ao conxunto da organización colexial.

Artigo 109

Ao final de cada mandato da Xunta de Goberno realizarase unha auditoría do colexio, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

TÍTULO X

Disolución do colexio e réxime de liquidación

Artigo 110

1. A disolución do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia terá lugar cando así o impoña expresamente unha lei ou mediante acordo adoptado en asemblea xeral extraordinaria, expresamente convocada para tal efecto, a que deberá concorrer un número mínimo do 10 % das persoas colexiadas censadas. Os acordos deberán ser aprobados por unha maioría de dous terzos dos votos emitidos.

2. A certificación do acordo de disolución deberase remitir á consellería competente en materia de colexios profesionais.

Artigo 111

1. Tras a disolución do colexio por algunha das causas legalmente previstas, abrirase o período de liquidación. A Xunta de Goberno actuará como comisión liquidadora e levará a cabo as operacións de liquidación do activo colexial, de conformidade coas bases e cos prazos que fixe a Asemblea Xeral convocada para tal efecto.

2. O patrimonio social será destinado en primeiro lugar a cubrir o pasivo existente e o activo restante destinarase a asociacións ou entidades sen ánimo de lucro que teñan como fin a promoción do deporte en Galicia.

Disposición adicional primeira

As persoas instrutoras, mestras instrutoras e profesoras de educación física que no momento de aprobación destes estatutos se atopen colexiadas, poderán permanecer como tales conservando os seus dereitos conforme o previsto neles.

Disposición adicional segunda

O establecido nos anteriores preceptos enténdese sen prexuízo do que establezan a Constitución, as leis do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de colexios profesionais.