Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Xoves, 6 de agosto de 2020 Páx. 31369

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2020 pola que se amplían os prazos e se redistribúen os créditos orzamentarios por epígrafes recollidos na Resolución do 8 de agosto de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

O 13 de setembro de 2019 publicáronse as bases reguladoras para as subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. O 2 de outubro publicouse unha corrección de erros destas bases reguladoras.

De acordo co disposto no artigo 26.1 das ditas bases, a data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos realizados era o 15 de setembro de 2020.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), establece a posibilidade de que o órgano concédente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

Tamén se remite ao disposto con carácter xeral no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), en que se indica que a ampliación se poderá acordar de oficio o por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Feder Galicia 2014-2020 nun 80 %.

No presente procedemento, debido á situación orixinada pola crise do COVID-19 e, consecuentemente, á suspensión dos prazos administrativos, rexistráronse solicitudes de ampliación de prazo de xustificación e execución por parte de todos os beneficiarios destas axuda, motivadas nas dificultades existentes para executar e xustificar os investimentos subvencionados nas actuais datas límite.

Por outra banda, a pesar de que os fondos totais da convocatoria non variarán, é necesario facer unha redistribución entre as distintas anualidades para poder levar a cabo a execución dalgúns proxectos no ano 2021.

De acordo co disposto no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), cando a contía total máxima das subvencións convocadas se distribúa entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da dita distribución non precisará de nova convocatoria pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria.

Por todo o anterior, coa finalidade de incrementar a eficacia administrativa e a eficacia na asignación de recursos públicos, maximizando o impulso das enerxías renovables atendendo á totalidade das solicitudes en cada unha das epígrafes da convocatoria.

Polo anteriormente exposto, esta dirección

RESOLVE:

Primeiro. Modificar a data límite que figura no artigo 26.1 das bases reguladoras para executar os proxectos e presentar a documentación xustificativa, ampliándose o período de execución das actuacións que se subvencionan e o período para presentar a documentación xustificativa dos investimentos ata o 15 de marzo de 2021.

Segundo. Modificar a distribución entre as distintas anualidades do orzamento destinado ás subvencións para proxectos de enerxías renovables térmicas e proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética para as universidades públicas de Galicia, para os anos 2019 e 2020, que se redistribuirán da seguinte maneira:

Orzamento inicial

Tipoloxía de proxecto

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

2019

2020

Renovables térmicas

09.A2.733A.744.5

2016 00007

931.795 €

100.000,00 €

Aforro enerxético

09.A2.733A.744.1

2019 00009

817.096,44 €

4.500.000,00 €

Orzamento total: 6.348.891,44 €

1.748.891,44 €

4.600.000,00 €

Orzamento definitivo

Tipoloxía de proxecto

Aplicación orzamentaria

Código proxecto

Anualidades

Total

2020

2021

Proxectos de enerxías renovables térmicas

09.A2.733A.744.5

2016 00007

725.569,35 €

306.225,65 €

1.031.795,00 €

Proxectos integrais de aforro e eficiencia enerxética

09.A2.733A.744.1

2019 00009

5.308.543,35 €

8.553,09 €

5.317.096,44 €

Total

6.034.112,70 €

314.778,74 €

6.348.891,44 €

Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.gal) para os efectos previstos no artigo 44 e 45.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

Cuarto. A presente modificación, unha vez publicada do Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura de prazo para a presentación de novas solicitudes.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia