Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31176

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

EXTRACTO da Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no ano 2020, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento CT238A).

BDNS (Identif.): 518092.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas e entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de editoras e teñan o seu domicilio social en Galicia, de acordo co establecido na presente orde.

Segundo. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións a aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten a condición de editoras, con domicilio social en Galicia, de acordo co establecido na presente orde (código de procedemento CT238A).

As axudas van dirixidas a apoiar o sector editorial galego galego, no que se refire aos gastos derivados da edición (produción), distribución e comercialización das súas publicacións, nos idiomas cooficiais en Galicia ou noutros idiomas, editadas e/ou distribuídas entre o 1.9.2019 e o 31.10.2020.

Para os efectos da presente orde, considéranse gastos de edición os de autoría, tradución, corrección, revisión, maquetación, custos de preimpresión e de impresión, dixitalización...

Distribución: transporte.

Comercialización: campañas de márketing e/ou publicidade en diferentes medios ou canles.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 27 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o sector editorial galego, relativas a gastos de edición, distribución e comercialización das publicacións editoriais no 2020, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Cuarto. Importe

A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 €). As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 11.20.432A.770.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, por un importe de 200.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura e Turismo