Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 156 Mércores, 5 de agosto de 2020 Páx. 31198

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

RESOLUCIÓN do 24 de xullo de 2020 pola que se convoca a provisión, polo procedemento de avaliación colexiada, do posto de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas.

De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG núm. 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, así como no artigo 3 da Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 (DOG núm. 106, do 5 de xuño), pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, en virtude das competencias atribuídas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro (DOG núm. 208, do 31 de outubro) polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, a Orde do 5 de xullo de 2012 (DOG núm. 139, do 20 de xullo) sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e o Decreto 142/2015, do 17 de setembro, polo que se crea a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 197, do 15 de outubro),

RESOLVE:

Convocar, para a súa cobertura polo procedemento de avaliación colexiada, a provisión do posto de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, segundo as seguintes

BASES

Primeira. Obxecto, funcións e retribución do posto de traballo

A presente convocatoria ten por obxecto a provisión do posto de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, polo procedemento de avaliación colexiada.

As funcións do posto convocado serán as de organización e xestión da sección, e, de ser o caso, das unidades funcionais existentes nesta, á marxe das que lle puidesen ser especificamente encomendadas pola dirección.

As retribucións serán as que correspondan en aplicación das ordes anuais da Consellería de Facenda polas que se diten as instrucións sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Segunda. Requisitos para participar na convocatoria

Poderán participar na presente convocatoria os/as interesados/as que na data de finalización do prazo para a presentación de solicitudes reúnan os seguintes requisitos, que, para o caso de resultar adxudicatario/a do posto convocado, se deberán manter ata o momento de toma de posesión:

1. Ser persoal estatutario fixo da categoría de médico xeral do CTG.

2. Ter a condición de persoal estatutario fixo licenciado/a sanitario/a, en situación de servizo activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde.

3. Tres anos de experiencia profesional en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde ou desempeñando praza vinculada en propiedade como docente-asistencial no Sistema nacional de saúde.

Terceira. Solicitudes e documentación

Os/as interesados/as en participar na convocatoria deberán presentar solicitude, segundo modelo de instancia que se xunta como anexo II, que estará á súa disposición nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección de Recursos Humanos e na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Xunto coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación acreditativa dos requisitos e méritos do/a interesado/a:

1. Documento de identificación: fotocopia do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade, debidamente compulsados.

2. Certificación expedida polo servizo de saúde correspondente, de que ten a condición de persoal estatutario fixo licenciado/a sanitario/a en situación de servizo activo, en categoría e especialidade que habilite para o acceso ás prazas básicas da correspondente unidade. No suposto de desempeñar praza vinculada docente asistencial, certificación expedida polo órgano competente da correspondente universidade.

3. Certificación expedida polo/s servizo/s de saúde correspondente/s, acreditativa dos tres anos de experiencia profesional na categoría que posúe de licenciado/a sanitario/a, nas institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, ou no caso de praza vinculada docente-asistencial, certificación emitida polo órgano competente que acredite a mesma experiencia.

4. Currículo profesional. Atenderase á experiencia profesional e ás actividades, docentes e de investigación, indicativas da actualización de coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño das correspondentes funcións e, de ser o caso, a implicación dos/das aspirantes na xestión mediante a xefatura e coordinación de unidades e equipos, as titorías e organización de formación así como a participación en comités internos ou proxectos institucionais. A acreditación dos méritos alegados deberá facerse mediante a presentación de fotocopia compulsada.

Só se terán en conta os méritos que o/a interesado/a reúna ata o día inmediatamente anterior á data de publicación da convocatoria e que sexan acreditados dentro de prazo de presentación de solicitudes.

5. Proxecto técnico relacionado coa xestión da unidade de hemodoazón e aférese e a súa interrelación co conxunto das unidades da Axencia, que conterá un programa de obxectivos, cuantitativos e cualitativos en relación cos obxectivos fixados polo órgano convocante, prestando especial atención aos aspectos de xestión da calidade, e que se recollen como anexo I da presente resolución. O proxecto orixinal presentarase en sobre pechado e en soporte dixital non modificable para a súa remisión aos/as membros da Comisión de Avaliación.

6. No caso de que o/a aspirante queira facer constar na solicitude de participación o compromiso de desempeño da xefatura convocada en réxime de dedicación exclusiva coa institución deberá achegar solicitude de percepción de complemento específico formulada no modelo que figura como anexo III da presente resolución.

A documentación correspondente aos números 4) e 5) das presentes bases deberá ser achegada necesariamente xunto coa solicitude e non será, en ningún caso, susceptible de emenda nun momento posterior. No caso de insuficiente acreditación dos requisitos de admisibilidade exixidos na convocatoria, poderán ser emendados no prazo que estableza a lista provisoria de admitidos/as e excluídos/as, de conformidade co establecido na base sexta da convocatoria.

A documentación do punto 4), xunto coa documentación de posuír a titulación e especialidade requirida, deberán ser rexistrados previo acceso ao expediente-e (expediente electrónico profesional iniciado por Resolución do 15 de xullo de 2011, DOG núm. 139, do 20 de xullo), e todos eles deberán ser validados no sistema informático expediente-e.

Cuarta. Prazo e lugar de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de viente (20) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse, xunto coa documentación que se aporte, sinalada na base terceira, preferentemente no Rexistro da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na rúa Xoaquín Díaz de Rábago, 2, 6, 15705 Santiago de Compostela e demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Será causa de inadmisión no citado procedemento de provisión a presentación extemporánea da solicitude polo/a interesado/a.

Os/as aspirantes quedan vinculados aos datos que fixesen constar na súa solicitude. O domicilio que figure nela considerarase como o único válido a efectos de notificacións sendo responsabilidade exclusiva do/da candidato/a tanto os erros na consignación del como a falta de comunicación de calquera cambio de domicilio.

Quinta. Sistema de Selección

A selección do/da aspirante ao posto convocado levarase a cabo, segundo o disposto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatuario do Servizo Galego de Saúde, e da Orde do 24 de maio de 2006, pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, polo procedemento de avaliación colexiada, en que se tomará en conta, tanto o currículo profesional como o proxecto técnico.

Sexta. Admisión de aspirantes

Expirado o prazo de presentación de solicitudes, o órgano convocante ditará resolución, que se publicará no xeito definido na base décimo segunda da presente convocatoria, e na cal se declarará aprobada a lista provisoria de admitidos/as e excluídos/as, indicando, neste último caso, a causa de exclusión.

Os/as aspirantes excluídos/as disporán dun prazo de cinco (5) días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto ou defectos que motivasen a exclusión.

Para tal efecto, a estimación das ditas peticións de emenda entenderanse implícitas na resolución pola que se publique a listaxe definitiva de aspirantes admitidos/as e excluídos/as, contra a cal se poderá interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe definitiva.

Sétima. Comisión de Avaliación

Para a selección dos/das aspirantes, constituirase unha Comisión de Avaliación, que terá como finalidade avaliar a competencia dos/das candidatos/as e os méritos acreditados, e elevar a correspondente proposta de adxudicación do posto á Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos.

A Comisión de Avaliación estará integrada por cinco membros designados pola Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos. Terá a seguinte composición:

– Por proposta da directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, catro membros que terán a condición de persoal estatutario fixo, licenciado sanitario, en situación de activo en institucións sanitarias do Sistema nacional de saúde, titular de praza docente asistencial do mesmo nivel ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, polo menos dous terán a condición de xefe/a de servizo e dous, polo menos, pertenceran á categoría e/ou especialidade requirida aos/ás aspirantes.

– Por proposta da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, un membro, que terá a condición de persoal estatutario fixo ou funcionario das categorías sanitarias do grupo superior de clasificación, ou titular de praza docente-asistencial do mesmo nivel.

A Comisión será asistida por un/unha secretario/a de actas designado/a polo órgano convocante entre persoal funcionario do corpo superior ou estatuario fixo, de xestión e servizos, do grupo superior de clasificación.

O órgano convocante publicará, na forma establecida na base décimo segunda, a resolución pola que se nomean os membros da Comisión de Avaliación.

Os citados membros deberán absterse de intervir, notificándoo ao órgano que efectuou o seu nomeamento, cando concorran neles algunha das circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusar os membros da Comisión cando concorran as circunstancias previstas no citado artigo.

No seu funcionamento, esta comisión rexerase polo establecido no título preliminar, capítulo II da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Para efectos de comunicacións, a Comisión terá a súa sede na Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, sita na rúa Xoaquín Díaz de Rábago, 2, 6, 15705 Santiago de Compostela.

Corresponde á Comisión de Avaliación nos termos e cos límites establecidos no anexo IV da Resolución de convocatoria o seguinte:

– Concretar na valoración do currículo dos/das aspirantes a puntuación a outorgar polos méritos baremables, así como baremar os méritos achegados polos/as solicitantes.

– Convocar os/as aspirantes para a celebración do acto público de defensa do currículo profesional e proxecto técnico.

Entre a citación indicada e a súa celebración deberá mediar un prazo mínimo de cinco (5) días. A orde de actuación dos/das aspirantes perante a Comisión de Avaliación iniciarase alfabeticamente polo apelido a partir da letra que resultou dun sorteo, de conformidade co establecido na Resolución do 30 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro). Aqueles/as aspirantes que tendo sido convocados en tempo e forma non comparecesen serán excluídos do citado procedemento de provisión.

– Valorar o compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura.

Tras o acto público referido, a Comisión elaborará un informe razoado, axustado a criterios previamente establecidos, sobre a avaliación dos/das aspirantes, con asignación da puntuación desagregada nas epígrafes de currículo profesional, proxecto técnico e, de ser o caso, compromiso de dedicación exclusiva.

Unha vez finalizada a valoración, a Comisión de Avaliación publicará, na forma establecida na base duodécima, a listaxe provisional coas puntuacións, desagreagadas por epígrafes, asignadas aos/ás aspirantes, ou a proposta da Comisión de que se declare deserta a convocatoria, con apertura dun prazo de quince (15) días hábiles para a presentación, de ser o caso, de reclamacións.

Logo da valoración das reclamacións pola Comisión de Avaliación, publicarase a listaxe coas puntuacións definitivas ou ratificación da proposta de que se declare deserta a convocatoria. As reclamacións formuladas contra a resolución provisional serán rexeitadas ou admitidas por medio da resolución definitiva, que se publicará na forma establecida na base duodécima.

A convocatoria quedará deserta cando no concorran aspirantes que reúnan os requisitos exixidos ou logo da proposta da Comisión no suposto de que ningún dos aspirantes acade 15 puntos na avaliación do proxecto técnico de xestión da sección.

Oitava. Resolución

A resolución, co nomeamento do/da aspirante, de ser o caso, seleccionado/a, será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Novena. Toma de posesión

O/a aspirante seleccionado/a deberá cesar na praza que desempeñe dentro dos tres (3) días hábiles seguintes a aquel en que se publique a resolución no Diario Oficial de Galicia.

A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince (15) días hábiles, se son de distinta área de saúde. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional, ou comisión de servizos.

Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada do/da interesado/a, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.

O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo, percibíndose os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular, e será declarado nesa situación polo órgano competente, quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.

Décima. Avaliación do desempeño da xefatura de sección

Consonte o disposto no artigo 43 do Decreto 206/2005, de provisión de postos de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e o artigo 11 da Orde do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, o/a aspirante nomeado/a será avaliado antes de que transcorran catro anos desde o seu nomeamento para os efectos de prorrogar o desempeño da xefatura por idéntico período de tempo ou proceder á súa remoción do posto de traballo. Neste último caso, darase audiencia previamente ao/á interesado/a.

Décimo primeira. Cesamento

Sen prexuízo do disposto na base décima, os/as profesionais nomeados/as poderán ser cesados polo/a director/a por causas sobrevidas, derivadas tanto dunha reordenación da estrutura xerárquica da institución como da falta de capacidade para o desempeño do posto.

O incumprimento polo/a profesional nomeado/a do compromiso de dedicación exclusiva implicará a perda inmediata do posto de xefatura, acordada polo mesmo órgano que dispuxo o seu nomeamento.

Décimo segunda. Normas xerais

A publicación dos actos e resolución que se diten na tramitación deste procedemento realizarase no taboleiro de anuncios da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, nos puntos de atención ao traballador (PAT) da Dirección Xeral de Recursos Humanos, na intranet da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos, así como na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

No non previsto na presente convocatoria, aplicaranse, supletoriamente, as disposicións contidas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público.

Contra a presente resolución, poderá interpoñerse, nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, recurso de alzada perante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2020

María Luísa López García
Directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos

ANEXO I

Plan de obxectivos

Xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas

O proxecto debe, como mínimo, definir e desenvolver aspectos de coordinación estratéxica e operativa, nas áreas que se especifican a continuación:

1. Liderado, planificación e estratexia.

Obxectivo

Indicador

1. Coordinación dos equipos de hemodoazón para alcanzar os obxectivos estratéxicos determinados pola dirección.

– Establecer obxectivos específicos para alcanzar as liñas estratéxicas

– Taxa de doazón

2. Desenvolvemento das liñas estratéxicas na xestión da información na base de datos de doadores/as

– Revisión de fichas e informes de colecta

– Actualización de datos persoais das fichas de doador/a

– Xestión das exclusións

3. Participar na análise das necesidades e no deseño de accións de mellora nos sistemas de información.

– Informe sobre o grao de implantación e desenvolvemento das novas ferramentas telemáticas.

– Actas dos grupos de traballo

4. Establecer sinerxías e impulsar as liñas de traballo transversais entre as distintas unidades, internas e externas, co fin de mellorar a eficiencia e rendemento das propostas de actividade.

– Seguimento da programación de colectas

– Indicadores de eficiencia das colectas

– Seguimento da eficacia da convocatoria

5. Participación no desenvolvemento e seguimento da programación de colectas

– Seguimento da planificación de colectas (mensual/semestral/anual)

– Informe de seguimento de colectas

2. Planificación, xestión e mellora dos recursos humanos.

Obxectivo

Indicador

6. Elaborar as propostas organizativas que garantan a maior eficiencia dos equipos nas colectas de doazón.

– Revisión das carteleiras de persoal e da súa adecuación á programación de colectas

7. Colaborar na planificación de accións de formación, inicial e continua, adecuada ás tarefas específicas do persoal da unidade de hemodoazón.

– Programa de formación e acciones formativas desenvolvidas

8. Programas de formación e avaliación da competencia do persoal, segundos estándares de calidade da organización.

– Desenvolvemento e avaliación das fichas de capacitación do persoal fixo e en formación.

– Avaliación da competencia

3. Planificación e avaliación de alianzas internas e externas con:

Obxectivo

Indicador

9. Identificación de áreas de mellora entre as distintas unidades

– Reunións de seguimento da actividade

4. Identificación, deseño, xestión e mellora de procesos.

Obxectivo

Indicador

10. Identificación de riscos e áreas de mellora dos procesos de xestión e desenvolvemento de colectas para a súa mellora continua.

– Revisión e análise das accións correctivas ou non conformidades

5. Resultados clave da Sección.

Obxectivo

Indicador

11. Seguimento da efectividade das colectas

–Informe semanal/mensual de seguimento

12. Xestión de incidencias

– Xestión de incidencias no sistema de xestión da calidade

6. Resultados sobre os doantes, os profesionais e a sociedade.

Obxectivo

Indicador

13. Establecer os mecanismos de avaliación e seguimento que monitoricen á adhesión dos doadores

– Plan de fidelización

– Análise de queixas e reclamacións

ANEXO II

Solicitude de participación na convocatoria do posto de xefe/a
da Sección de Doazón e Xestión de Colectas

Resolución da Axencia:

Nº DOG:

Data DOG:

Datos persoais

Apelidos e nome:

NIF:

Enderezo:

Poboación:

Provincia:

Teléfonos:

Enderezo electrónico:

Data de nacemento:

Publicada a convocatoria indicada ao principio, pola que se convoca a provisión do posto de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas e reunindo os requisitos necesarios,

SOLICITA:

Sexa admitida a presente solicitude para participar na convocatoria para cobertura da praza convocada, e declara que son certos os datos que figuran na solicitude.

..., ... de ... de 2020

Sinatura ___________________________________

AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS

Xoaquín Díaz de Rábago, 2, 6, 15705 Santiago de Compostela

Modelo de relación de documentos que se achegan

Documentos e declaración que xunta a esta solicitude:

– Copia compulsada do DNI, pasaporte ou documento que acredite a identidade do/a solicitante.

– Certificación acreditativa de ter praza en propiedade como persoal estatutario en situación de servizo activo e con tres anos de experiencia na categoría que teña ou de desempeñar praza vinculada docente-asistencial cos mesmos requisitos.

– Currículo.

– Proxecto técnico.

– Orixinais ou copias compulsadas da titulación e dos xustificantes dos méritos aportados.

– Manifesta expresamente o seu compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria xuntando, no se caso, o anexo III debidamente cumprimentado ou declaración xurada de desempeñar praza vinculada docente-asistencial nesa mesma condición.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2020

Asdo.:__________________________________

AXENCIA GALEGA DE SANGUE, ÓRGANOS E TECIDOS

Xoaquín Díaz de Rábago, 2, 6, 15705 Santiago de Compostela

ANEXO III

Solicitude condicionada de percepción do complemento específico do posto
de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas

Datos persoais

Apelidos e nome:

Categoría estatuaria:

Centro sanitario:

EXPÓN:

Primeiro. Que, de acordo co establecido no Decreto 11/1995, do 20 de xaneiro (DOG núm. 17, do 25 de xaneiro) opta por desempeñar os seus servizos paro o Servizo Galego de Saúde en réxime de dedicación exclusiva.

Segundo. Que non desempeña ningunha outra actividade pública ou privada pola que perciba retribución algunha que, de acordo coa Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades, resulte incompatible coa percepción do complemento específico previsto no Real decreto lei 3/1987, do 11 de setembro.

Por todo o anterior,

SOLICITA:

Que lle sexa aceptada a opción de prestación dos seus servizos en réxime de dedicación exclusiva, coa conseguinte percepción do complemento específico que corresponda de acordo co sistema retributivo vixente.

Sen prexuízo do anterior, a validez e eficacia da presente solicitude queda condicionada á efectiva adxudicación do posto convocado de xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas ao/á asinante. De non resultar adxudicatario/a do citado posto considerarase a solicitude, como non presentada e sen validez.

Santiago de Compostela, ... de ... de 2020

Asdo.: __________________________

ANEXO IV

Avaliación do currículo profesional, proxecto técnico e dedicación exclusiva:
xefe/a da Sección de Doazón e Xestión de Colectas

1. A puntuación total máxima do currículo profesional e do proxecto técnico será de 60 puntos coa seguinte ponderación:

1.1. Baremación do currículo profesional (máximo 30 puntos).

De conformidade coa base terceira da convocatoria, os méritos do currículo profesional configúranse co carácter de méritos valorables obrigatoria e opcionalmente. O carácter, duns e doutros, especificase a continuación:

De valoración obrigatoria.

• Experiencia profesional.

• Actividade formativa, docente e investigadora.

En todos os casos indicativos da actualización dos coñecementos e aptitudes precisas para o desempeño da correspondente especialidade.

De valoración opcional.

• Xefaturas e coordinación de unidades e equipos.

• Titorías.

• Organización de formación.

• Participación en comités internos.

• Participación en proxectos institucionais.

1.2. Baremación do proxecto técnico relacionado coa xestión do servizo (máximo 30 puntos).

O proxecto será presentado e defendido ante a Comisión de Avaliación nun acto público pola orde resultante dun sorteo. No mesmo acto, o/a aspirante defenderá a adecuación do seu currículo profesional ás características do posto de traballo e o plan de obxectivos fixados no anexo I.

2. Dedicación exclusiva.

Asignarase ao compromiso de dedicación exclusiva á institución sanitaria durante o período de desempeño da xefatura unha puntuación adicional de 40 puntos.