Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Luns, 3 de agosto de 2020 Páx. 30364

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de xullo de 2020 pola que se modifica a autorización do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, de Santiago de Compostela.

Por Orde do 29 de agosto de 2016 autorízase a apertura e funcionamento temporal do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, de Santiago de Compostela, para impartir as ensinanzas de nivel Pre-School Section e o nivel Elementary Section do sistema educativo dos Estados Unidos de América. Mediante Orde do 22 de agosto de 2018 prorrógase a devandita autorización temporal ata o 31 de agosto de 2019.

A representante da titularidade do centro solicita unha nova prórroga da autorización temporal e a modificación da autorización para impartir Secondary Section (de 12 a 13 anos). Achega un certificado de renovación da elixibilidade de data do 25 de xuño de 2020, válido ata o 31 de agosto de 2021, emitido pola New England Association of Schools & Colleges/Commission on International Education (NEASC/CIE) autorizando as seccións do nivel de Pre-School Section (de 3 a 6 anos), que se corresponde co segundo ciclo da educación infantil do sistema educativo de España, para un máximo de 30 estudantes; do nivel Elementary Section (de 6 a 12 anos), que se corresponde coa etapa de educación primaria, para un máximo de 55 estudantes; e Secondary Section, (de 12 a 13 anos), que se corresponde co primeiro curso da etapa de educación secundaria obligatoria, para un máximo de 10 estudantes.

Logo da tramitación do expediente de acordo co establecido no Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre centros docentes estranxeiros en España, así como no Decreto 133/1995, do 10 de maio, de autorización de centros docentes privados para impartir ensinanzas de réxime xeral non universitarias e a Orde do 20 de setembro de 1995 que o desenvolve, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da autorización do centro

Prorrogar a autorización temporal do centro privado estranxeiro Montessori Compostela, para impartir as ensinanzas de Pre-School Section (de 3 a 6 anos de idade), e as de Elementary Section (de 6 a 12 anos), e autorizar Secondary Section (de 12 a 13 anos) do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Os datos do centro son os que se detallan a seguir:

Denominación xenérica: Centro privado estranxeiro (CPREX).

Denominación específica: Montessori Compostela.

Código do centro: 15033046.

Domicilio: rúa de Sar, 68 (Colexiata de Sar).

Código postal: 15702.

Localidade: Santiago de Compostela.

Concello: Santiago de Compostela.

Provincia: A Coruña.

Titular: Montessori Compostela, S.L.

Ensinanzas que se autorizan con carácter temporal:

Pre-School Section para un máximo de 30 estudantes; Elementary Section para un máximo de 55 estudantes; e Secondary Section para un máximo de 10 estudantes, do sistema educativo dos Estados Unidos de América.

Alumnado: español e estranxeiro.

Artigo 2. Ensinanzas de lingua e cultura

O centro deberá complementar as ensinanzas autorizadas, de niveles equivalentes aos obrigatorios do sistema educativo español con ensinanzas de lingua española e de lingua galega, que deberán impartirse co mesmo deseño e horario establecidos nos correspondentes decretos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a cultura española deberá desenvolver os contidos esenciais da correspondente área de coñecemento, recollidos na norma reguladora das ensinanzas.

Artigo 3. Requisitos do profesorado

O profesorado que imparta as ensinanzas mencionadas no artigo 2 deberá reunir os requisitos de titulación requiridos pola lexislación española para o nivel educativo, e terá os dereitos e obrigas que determina o artigo 12 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, sobre réxime de centros docentes estranxeiros en España.

A Xefatura Territorial da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional da Coruña, logo do informe do Servizo Territorial de Inspección Educativa, aprobará expresamente a relación de persoal que imparta estas materias.

Artigo 4. Validez da prórroga e da autorización temporal

A prórroga e a autorización temporal que se citan no artigo 1 terán validez ata o 31 de agosto de 2021, conforme o certificado emitido pola New England Association of Schools & Colleges. A partir desta data, a autorización dependerá dunha nova inspección dos servizos da Embaixada dos Estados Unidos de América.

Artigo 5. Inscrición no rexistro

Esta orde dará lugar á correspondente inscrición no Rexistro de Centros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Obrigas do centro

O centro queda obrigado ao cumprimento da normativa vixente e sometido á inspección educativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional de conformidade co establecido no artigo 9 do Real decreto 806/1993, do 28 de maio, así como a solicitar unha nova autorización e inscrición no caso de que se produza calquera variación nos elementos e circunstancias que dan lugar a esta autorización.

Disposición derradeira primeira. Recursos

Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición ante esta consellería, no prazo dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben, directamente, o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses desde a mesma data, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional