Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 28 de xullo de 2020 Páx. 29758

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 15 de xullo de 2020 pola que se modifica a Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (códigos de procedemento TU404A, TU404B e TU404C).

O 3 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 22 a Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

A dita resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras para subvencionar parcialmente o custo de estadías turísticas, en réxime de concorrencia non competitiva, para as persoas maiores, mozos/as menores de 30 anos e familias con fillos menores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como efectuar a súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou pandemia internacional a situación de emerxencia ocasionada polo brote epidémico do COVID-19. O Goberno, na reunión extraordinaria do Consello de Ministros do 14 de marzo de 2020, aprobou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 que foi obxecto de sucesivas prórrogas.

A través do citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, adoptáronse, entre outras medidas, determinadas restricións que afectaron a libre circulación das persoas.

Estas restricións á libre circulación de persoas acordadas polas autoridades inciden directamente no desenvolvemento do programa Elixe Galicia, que implica a mobilidade de persoas en diferentes espazos que se atopan pechados polo que a execución do programa viuse paralizada e implica dificultades na xestión, tanto como consecuencia da suspensión da actividade no sector, como polas limitacións á mobilidade de persoas, a nivel nacional e internacional, ou mesmo polas precaucións que se poidan decretar para evitar a propagación da enfermidade.

O artigo 4 da Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021, fixaba o desenvolvemento do programa por quendas que se iniciaban en marzo-abril de 2020 e finalizarían en decembro de 2021.

Esta programación viuse directamente afectada pola declaración do estado de alarma, resultando necesaria a súa modificación.

Deste xeito, para o ano 2020 o prazo de desenvolvemento do programa será desde o 15 de setembro e ata o 10 de decembro de 2020 e no convencemento da importancia de atraer a cidadanía galega a moverse e consumir na propia comunidade autónoma, incentivando así o consumo autóctono, establécese tamén un único prezo para os usuarios que se corresponde ao prezo da tempada baixa establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2020.

Para o ano 2021 tamén se establece un prezo único para os usuarios que neste caso se corresponde co establecido para a tempada media establecida na citada resolución.

Así mesmo, e dado o carácter plurianual do programa, para o ano 2021 faise necesario habilitar un mecanismo que facilite, tendo en conta as garantías necesarias, a presentación de solicitudes polos interesados e posibles beneficiarios, motivo polo que se recoñeceu a entidade que resultou adxudicataria do procedemento para a contratación dos servizos de creación, organización, xestión e comercialización do programa Elixe Galicia, destinado á mocidade, familias e maiores residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, como entidade colaboradora da Administración, ao abeiro do disposto no artigo 9 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con base na circunstancia excepcional que deriva da situación creada polo COVID-19 e tendo en conta os beneficios que para os posibles beneficiarios do programa se deriva de tal recoñecemento.

En relación cos procedementos administrativos o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo, publicado no DOG número 49-bis, do 12 de marzo, pola Resolución do 12 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se lle dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan as medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, dispón no seu punto segundo:

«As consellerías competentes adoptarán, de acordo coa lexislación aplicable, as medidas de ampliación de prazos que sexan precisas nos procedementos en tramitación, para posibilitar o seu cumprimento polos cidadáns.

Así mesmo, adoptaranse as medidas precisas para posibilitar o cumprimento dos requisitos establecidos nas correspondentes bases reguladoras aos beneficiarios de subvencións».

Adicionalmente cabe considerar que, ao non ser resolta a convocatoria, non existen dereitos creados fronte á Administración a favor dos seus potenciais beneficiarios, ao dispoñelo así expresamente o artigo 24.6 da Lei 38/2003, do 18 de novembro, xeral de subvencións, e o artigo 21.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, «as propostas de resolución provisional e definitiva non crean dereito algún a favor do beneficiario proposto fronte á administración mentres non se lle notificase a resolución de concesión».

Na presente convocatoria non se ditou resolución de concesión, nin por ende notificación ningunha, sen que se resolvese o procedemento, non existindo ningún dereito a favor das persoas solicitantes, que non chegaron a adquirir, así, o carácter de beneficiarias.

Polo exposto,

RESOLVO:

Modificar a Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (códigos de procedemento TU404A, TU404B e TU404C), como se indica:

Primeiro. Para o ano 2020 o programa executarase do xeito seguinte:

1. O programa desenvolverase entre o 15 de setembro de 2020 e o 30 de novembro de 2020 para todas as modalidades e colectivos.

2. A contía da axuda, a cargo da Axencia Turismo de Galicia, será variable atendendo a tempada de desfrute e a modalidade do programa mentres que o prezo, a cargo das persoas beneficiarias (IVE incluído), será fixo atendendo a modalidade do programa sen distinción entre tempadas de desfrute.

O prezo fixo que deben pagar os usuarios é o correspondente á tempada baixa establecido na Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021:

Usuarios

Tempada

Vacacións en zonas costeiras

Rutas de patrimonio histórico e cultural

Rutas de natureza
e montaña

Estadías en balnearios

Tempada

144 €

117 €

117 €

198 €

3. A resolución definitiva da concesión de prazas notificarase a través da súa publicación na páxina web da Axencia Turismo de Galicia e comunicarase aos solicitantes que deberán formalizar a súa reserva nas axencias de viaxes comercializadoras do programa, no prazo máximo de 15 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución na páxina web da Axencia Turismo de Galicia, pagando o 20 % da cantidade que se lles fixa como prezo no momento de efectuar a reserva.

4. Transcorrido o prazo de 15 días, as persoas solicitantes que non obtivesen praza na modalidade solicitada poderán optar a outras modalidades con prazas libres, nun prazo máximo de 10 días hábiles desde o remate do prazo anterior. O indicado neste parágrafo xestionarase directamente nas axencias de viaxes comercializadoras.

5. Se nestes prazos non se cubrisen a totalidade das prazas dispoñibles, admitiranse solicitudes por orde de presentación ata a total cobertura das prazas e sempre con dúas semanas de antelación á data de saída. O indicado neste parágrafo xestionarase directamente nas axencias de viaxes comercializadoras.

Segundo. Para o ano 2021 o programa desenvolverase do xeito seguinte:

1. O programa executarase entre o 10 de marzo e o 30 de novembro de 2021 por quendas que agrupen as persoas beneficiarias por modalidade e colectivo coa excepción do período comprendido entre o 21 de xuño e o 10 de setembro e os períodos de Semana Santa, pontes ou festivos.

2. As solicitudes presentaranse entre o 1 de outubro e o 1 de novembro de 2020 nas axencias comercializadoras do programa que teñan asinado o correspondente contrato coa empresa adxudicataria do contrato.

3. A contía da axuda, a cargo da Axencia Turismo de Galicia, será variable atendendo a tempada de desfrute e a modalidade do programa mentres que o prezo, a cargo das persoas beneficiarias (IVE incluído), será fixo atendendo a modalidade do programa sen distinción entre tempadas de desfrute.

O prezo fixo que deben pagar os usuarios é o establecido para a tempada media na Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021:

Usuarios

Tempada

Vacacións en zonas costeiras

Rutas de patrimonio histórico e cultural

Rutas de natureza
e montaña

Estancias en balnearios

Tempada

180 €

129 €

129 €

222 €

4. A adxudicación das prazas realizarase por orde de presentación das solicitudes nas axencias comercializadoras do programa, conforme os modelos recollidos no anexo II da Resolución do 21 de xaneiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de prazas para o programa de turismo interior Elixe Galicia de estadías de ocio para a mocidade, familias e maiores, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (DOG núm. 22, do 3 de febreiro), e irán acompañadas da seguinte documentación:

• Unha declaración responsable do solicitante de cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3 da convocatoria para ser considerado beneficiario da axuda e que acredite que non está incurso en algunha das prohibicións para ser beneficiario das subvencións sinaladas.

• No colectivo de maiores, o libro de familia cando se inclúan na solicitude os/as cónxuxes e os/as fillos/as con discapacidade.

• No caso do colectivo de familias, deberá achegarse o libro de familia ou documento que acredite a convivencia e o título de familia numerosa no caso de non ser expedido pola Xunta de Galicia.

• Documentación xustificativa de padecer unha discapacidade, no caso de que o órgano que realiza tal recoñecemento non dependa da Xunta de Galicia.

5. As axencias comercializadoras do programa farán constar o día e a hora da presentación da solicitude e sempre que os solicitantes cumpran todos os requisitos establecidos no artigo 3 para ser consideradas como persoas beneficiarias procederán a facer a reserva da praza logo do aboamento do 20 % do prezo.

6. A Axencia Turismo de Galicia poderá en calquera momento, de ser necesario, consultar automaticamente os datos incluídos nos documentos elaborados polas administracións públicas que se sinalan no artigo 7 da convocatoria. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e no anexo III da Resolución do 21 de xaneiro de 2020, segundo corresponda, e achegar os documentos.

7. Transcorrido o prazo de presentación de solicitudes e de non se cubrir a totalidade das prazas dispoñibles, admitiranse solicitudes por orde de presentación ata a total cobertura das prazas e sempre con dúas semanas de antelación á data de saída.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

O/a director/a da Axencia Turismo de Galicia
P.A. (Artigo 19.6 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro;
DOG núm. 193, do 9 de outubro)
Mª Elena Barca Ramos
Xerente da Axencia Turismo de Galicia