Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 27 de xullo de 2020 Páx. 29653

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2020, do Servizo Provincial de Ourense, pola que se sinala a data para o levantamento das actas previas á ocupación e das actas de ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra de modificación número 1 da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito A-52-N-525 (clave OU/15/107.01.M1).

O artigo 28 do vixente Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu ordinal 2º a competencia da Comunidade Autónoma galega no desenvolvemento lexislativo e na execución da lexislación do Estado en materia de expropiación forzosa.

Con data do 29 de decembro de 2016, a Xunta de Galicia procedeu á declaración de utilidade pública e á urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito A-52-N- 525, de clave OU/08/053.01.1, nos concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela, mediante o Decreto 197/2016, publicado no Diario Oficial de Galicia do 20 de xaneiro de 2017.

O 24 de xaneiro de 2017 publícase no Diario Oficial de Galicia unha corrección de erros de xeito que en lugar do Decreto 197/2016, debe dicir Decreto 192/2016, do 29 de decembro, polo que se declara, en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado e o estudo de impacto ambiental da actuación da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas e Taboadela (publicado por erro como Decreto 197/2016).

A tramitación do expediente expropiatorio debe axustarse ao disposto nos artigos 52 da vixente Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 e seguintes do seu Regulamento do 26 de abril de 1957.

Con data do 6 de febreiro de 2020, a Xunta de Galicia aprobou tecnicamente o proxecto de modificación número 1 da vía de conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas, treito: A-52–N-525, de clave OU/15/107.01.M1.

Segundo o establecido no artigo 22.5 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, sempre que veñan previstos no seu proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, se é o caso, se puidesen aprobar posteriormente e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

En consecuencia, este servizo, en virtude da competencia delegada mediante a Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería, publicada no DOG núm. 179, do 20 de setembro, resolveu convocar os titulares de bens e dereitos afectados que figuran na relación exposta no taboleiro de anuncios dos concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela, para que comparezan no lugar, na data e nas horas que se detallan a seguir, co fin de proceder ao levantamento das actas previas á ocupación nas cales se recollerán os datos necesarios para determinar os dereitos afectados, o valor destes e os prexuízos determinantes da rápida ocupación, sen prexuízo de se trasladaren ao lugar dos predios se o consideran necesario.

Termo municipal de San Cibrao das Viñas.

Lugar: local social de San Cibrao das Viñas.

Data: 5 e 10 de agosto de 2020, das 9.45 ás 13.00 horas.

Termo municipal de Taboadela.

Lugar: pavillón municipal.

Data: 5 de agosto de 2020, das 15.45 ás 17.30 horas.

A relación de titulares cos bens e dereitos afectados así como o plano parcelario correspondente estarán expostos nos concellos de San Cibrao das Viñas e Taboadela, e no Servizo Provincial de Ourense da Axencia Galega de Infraestruturas (rúa Sáenz Díez, nº 1), e publicarase no seguinte enlace da páxina web da consellería:

https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/avisos?content=/Portal-Web/Contidos/Aviso/aviso_0182.html

Así mesmo, realizarase a convocatoria aos interesados no levantamento das actas previas mediante notificación individual.

A este acto deberán acudir os titulares afectados persoalmente ou ben representados pola persoa debidamente autorizada para actuar no seu nome e xuntar os documentos acreditativos da súa titularidade, o documento nacional de identidade (e, se é o caso, outra documentación que se requira, xustificante do pagamento do IBI...), así como o certificado de conta con códigos IBAN e BIC, co fin de proceder aos sucesivos pagamentos que sexan procedentes mediante transferencia bancaria, e poderán facerse acompañar, pola súa conta, se o consideran oportuno, dos seus peritos e notarios.

Así mesmo, e no cumprimento do establecido no artigo 49 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, este servizo, unha vez elaboradas as actas previas á ocupación e habilitado o crédito oportuno, procederá ao pagamento, mediante transferencia bancaria, do importe dos depósitos previos e das indemnizacións por rápida ocupación. No suposto de non ter presentado o certificado de titularidade da conta bancaria, con códigos IBAN e BIC, e a copia do DNI, consignarase o importe na Caixa Xeral de Depósitos conforme o disposto no artigo 51 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

En cumprimento do artigo 55 do Regulamento de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957, neste mesmo acto convócase ao de formalización das actas de ocupación, o cal terá lugar, logo de producirse o aboamento dos depósitos previos e das indemnizacións por rápida ocupación, no lugar e na data que se indican:

Termo municipal de San Cibrao das Viñas.

Lugar: local social de San Cibrao das Viñas.

Data: 27 e 28 de agosto de 2020, das 9.45 ás 13.00 horas.

Termo municipal de Taboadela.

Lugar: pavillón municipal.

Data: 27 de agosto de 2020, das 15.45 ás 17.30 horas.

No mesmo acto ofertaránselles aos propietarios as valoracións establecidas pola Administración para cada un dos predios en concepto de mutuo acordo.

O presente acordo faise público para xeral coñecemento e advírtense os titulares de que na acta figurarán os donos da cousa ou titulares do dereito expropiado, non se admitirá a representación senón por medio de poder debidamente autorizado (notarial, xudicial ou do consulado), xa sexa xeral ou particular para este caso, e deben achegar a documentación necesaria para acreditar a sucesión, en caso de figurar o terreo a nome de herdeiros, e identificarse co documento nacional de identidade.

Co fin de que os actos de levantamento e formalización de actas derivadas dos procedementos expropiatorios se realicen de acordo coas medidas preventivas do risco de contaxio ante a situación provocada polo coronavirus COVID-19, serán aplicables as medidas de prevención recollidas no anexo da Resolución do 12 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se da publicidade ao Acordo do Consello da Xunta do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada por COVID- 19, unha vez superada a fase III do plan para a transición cara unha nova normalidade.

En todo caso, cómpre por en coñecemento dos interesados as seguintes indicacións:

– Os interesados poderán confirmar a data e hora fixada para a realización do acto ou, no caso de concorrer motivos de inconveniencia por razóns de saúde e/ou de adopción de medidas que afecten favorablemente a prevención de contaxios, poderán propor outro horario diferente para el, logo de cita confirmada polo persoal de contacto.

– No momento da atención, tanto o persoal da Administración e da asistencia técnica como o expropiado usarán máscara de protección e respectarán en todo momento a distancia de seguridade fixada. Para tales efectos, establécese a obriga de asistir ao acto provisto de máscara de hixiene adecuada e etiqueta respiratoria. Porén, disporase de máscara por parte da Administración no caso de que os expropiados non dispoñan delas.

– En caso de detectarse posibles síntomas compatibles coa COVID-19 nalgunha persoa presente, seguiranse obrigatoriamente as indicacións realizadas polas autoridades sanitarias para o efecto.

– Deberán asistir unicamente as persoas estritamente necesarias para a realización do trámite.

– Establécese a obriga de permanecer no local de reunión o tempo estritamente necesario.

– Non se poderá acudir no caso de presentar febre (>37º) ou síntomas de problemas respiratorios.

Ourense, 17 de xullo de 2020

Marcos Buide Pollán
Xefe do Servizo Provincial de Ourense