Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 23 de xullo de 2020 Páx. 29208

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN do 7 de xullo de 2020, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, relativa ás entidades de formación recoñecidas para impartir o curso para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado que son empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados.

A evolución do mercado de traballo puxo de manifesto diversas disfuncións que afectan, entre outras, as empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados, pois constátase no mercado e nos servizos de emprego unha carencia de profesionais que dispoñan do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado, ata o punto que non resulta posible cubrir a actual demanda destes traballadores. Isto dificulta o normal desenvolvemento da actividade destas empresas, de especial relevancia entre outras, para o desenvolvemento e mantemento de obras de infraestrutura, parques eólicos, actividade portuaria e outras actividades industriais.

A situación anterior motiva que se considere relevante facilitar a cualificación dos traballadores destas empresas, en particular que os traballadores poidan acceder no seo delas á formación teórico-práctica necesaria para obter o carné de operador de guindastre móbil autopropulsado de categoría A e/ou B, e adquirir unha formación teórica e práctica aproveitando e valorizando a súa participación tutelada por profesionais cualificados na actividade diaria da empresa, que será ao mesmo tempo un mecanismo esencial para o mantemento do emprego ou para a creación de novo emprego estable e de calidade.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, ten entre as súas competencias o rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial. Os requisitos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado veñen recollidos na seguinte normativa:

– Anexo VII do Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, polo que se aproba o novo texto modificado e refundido da Instrución técnica complementaria MIE-AEM-4 do Regulamento de aparellos de elevación e manutención, referente a guindastres móbiles autopropulsados.

– Orde do 16 de marzo de 2011 pola que se establecen os requisitos mínimos exixibles ás entidades de formación recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia.

En relación co cumprimento das obrigas do artigo 3 da Orde do 16 de marzo de 2011, en particular a de comunicar telematicamente o inicio de curso, establécese para as empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados, recoñecidas como entidades de formación, co fin de facilitar a formación dos traballadores en activo, é dicir, con contrato laboral en vigor no seo das devanditas empresas, o seguinte:

Primeiro. As empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados que fosen recoñecidas como entidades de formación, que impartan o curso teórico-práctico para a obtención do carné de operador de guindastre móbil autopropulsado de categoría A e/ou B no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos alumnos sexan os seus propios traballadores en activo con contrato de traballo en vigor na entidade recoñecida, presentarán telematicamente o anexo II da Orde do 16 de marzo de 2011 (procedemento IN612C), antes do comezo de cada curso, en que se indicará, polo menos, a data de inicio do curso, a data de finalización prevista e a relación de alumnos da acción formativa. Co devandito anexo II presentarase a vida laboral de cada un dos alumnos.

Cada mes o director do curso virá obrigado a remitir un certificado onde consten as horas lectivas que cada día destinaron os alumnos á formación no devandito período, diferenciando entre formación teórica e práctica. O devandito certificado presentarase telematicamente, a través do procedemento IN612C, como unha modificación da comunicación presentada antes do comezo do curso. A modificación consistente unicamente en presentar o devandito certificado non devindicará o pagamento de taxa administrativa.

Segundo. As empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados que fosen recoñecidas como entidades de formación dispoñerán dunha zona para a impartición de prácticas con guindastres móbiles coas características de espazo e seguridade adecuados, sen prexuízo de que estas poidan realizarse, en parte, mediante o emprego de simuladores, sempre que o seu uso non supoña máis dun 50 % da duración prevista no citado Real decreto 837/2003, do 27 de xuño (de acordo co indicado na Guía de interpretación da ITC AEM-4 sobre guindastres móbiles autopropulsados publicada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo).

Con todo, co fin de facilitar unha mellor e maior cualificación dos seus traballadores as empresas alugadoras de guindastres móbiles autopropulsados que fosen recoñecidas como entidades de formación, poderán impartir o módulo práctico do curso destinado á obtención do carné de operador de guindastre móbil de categoría A e/ou B, ao cal se refire o anexo VII da Instrución técnica complementaria MIE-AEM-4, aprobada polo Real decreto 837/2003, do 27 de xuño, cando os alumnos sexan os seus propios traballadores en activo e dispoñan de contrato de traballo en vigor na empresa recoñecida como entidade de formación, ademais de na forma e lugares previstos no parágrafo anterior, tamén directamente en obra, sempre que conste autorización expresa para iso do director da obra ou actividade e baixo a súa dirección e supervisión.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2020

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas