Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Mércores, 22 de xullo de 2020 Páx. 29017

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra

EDICTO (DCT 340/2019).

Eu, Gema Antolín Pérez, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, fago saber que no presente procedemento seguido por instancia de Luz Elodia Luciano Ramírez fronte a Francisco Javier Santos Graña se ditou Sentenza 368/19, do 26 de novembro de 2019, cuxo encabezamento e parte dispositiva se insiren a seguir:

«Sentencia 368/2019.

Pontevedra, 26 de novembro de 2019.

Vistos por min, Mª del Mar Felices Esteban, maxistrada xuíza do Xulgado de Primeira Instancia número 5 de Pontevedra, os precedentes autos de xuízo de divorcio, seguidos ante este xulgado co nº 340/2019, en que é parte demandante Luz Elodia Luciano Ramírez, representada pola procuradora Mercedes Pereiro Domínguez e asistida da letrada Ana Jesús Días Montáns, e como parte demandada Francisco Javier Santos Graña, declarado en rebeldía procesual.

Antecedentes de feito.

Primeiro. O día 12 de abril de 2019 presentouse ante este xulgado demanda de divorcio interposta pola procuradora Mercedes Pereiro Domínguez, en nome e representación de Luz Elodia Luciano Ramírez, contra Francisco Javier Santos Graña, en que suplicaba que se dite sentenza pola que, estimando a demanda, se declare disolto por divorcio o matrimonio formado polos referidos cónxuxes, cos demais efectos legais inherentes a esta declaración.

Segundo. Mediante decreto admitiuse a trámite a demanda e acordouse dar traslado dela, con emprazamento á parte demandada para que a contestase dentro do prazo de vinte días e seguindo os trámites establecidos para o xuízo verbal coas especialidades do artigo 753 da Lei de axuizamento civil. A demandada non o verificou, polo que foi declarada en rebeldía procesual.

Terceiro. Declarada a rebeldía do demandado, convocáronse as partes para a celebración de xuízo, de conformidade co disposto no artigo 440 da Lei de axuizamento civil, en consonancia co establecido nos artigos 753 e 770 da citada lei, e sinalouse o día 26 de novembro de 2019. Compareceu a demandante debidamente representada por procurador e asistida de letrada, solicitou o recibimento do preito a proba e practicouse a proposta que foi admitida, a documental existente, co resultado que figura nas actuacións, quedando o presente procedemento visto para sentenza.

Cuarto. No presente procedemento observáronse todos os preceptos legais de preceptiva aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. Da proba documental achegada aos autos resultou acreditado que Francisco Javier Santos Graña e Luz Elodia Luciano Ramírez contraeron matrimonio civil en Cangas o 6 de marzo de 2004; matrimonio que foi inscrito no tomo 62, páxina 360, da Sección 2ª do Rexistro Civil de Cangas, como así resulta da certificación literal deste. Da devandita unión non naceron fillos.

Segundo. No presente procedemento a parte demandante, Luz Elodia Luciano Ramírez, exerce a acción de divorcio do matrimonio formado con Francisco Javier Santos Graña invocando para iso o artigo 86 en relación co artigo 81.2º do Código civil, conforme o cal se decretará a separación por petición dun só dos cónxuxes, unha vez transcorridos tres meses dende o matrimonio.

Da proba documental achegada, certificación literal de matrimonio onde se fai constar a inscrición de matrimonio, dedúcese o cumprimento dos requisitos necesarios para poder decretar o divorcio dos cónxuxes, ao ter transcorrido o prazo legal dende a celebración do matrimonio.

Terceiro. Segundo establece o artigo 91 do Código civil nas sentenzas de nulidade, separación e divorcio, ou na execución destas, o xuíz, na falta de acordo dos cónxuxes, ou en caso de non aprobación deste, determinará, conforme o establecido nos artigos seguintes, as medidas que deban substituír as xa adoptadas con anterioridade en relación cos fillos, a vivenda familiar, as cargas do matrimonio, a liquidación do réxime económico e as cautelas e garantías respectivas, establecendo as que procedan se para algún destes conceptos non se acordase ningunha.

As medidas están recollidas nos artigos 102 e 103 do C.C. O artigo 102 comprende unha serie de efectos que se producen por ministerio da lei e, polo tanto, independentemente dos que puidesen ou non solicitar. Debe terse en conta tamén o artigo 106, que establece que os efectos e medidas previstos neste capítulo rematan, en todo caso, cando sexan substituídos polos da sentenza estimatoria ou se poña fin ao procedemento doutro modo. A revogación de consentimentos e poderes enténdese definitiva.

Cuarto. Conforme o disposto no artigo 89 do Código civil, a sentenza de divorcio que se dite deberá comunicarse de oficio ao Rexistro civil onde conste inscrito o matrimonio dos litigantes.

Quinto. O artigo 95 do C.C. sinala que a sentenza firme producirá, respecto dos bens do matrimonio, a disolución do réxime económico matrimonial.

Sexto. En canto ás custas procesuais, non procede efectuar declaración ningunha en canto a elas, tendo en conta a natureza e as circunstancias do procedemento.

Vistos os preceptos legais citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Resolución.

Estimo a demanda presentada pola procuradora Mercedes Pereiro Domínguez en nome e representación de Luz Elodia Luciano Ramírez, contra Francisco Javier Santos Graña, en rebeldía procesual, e, en consecuencia, declaro a disolución por divorcio do matrimonio contraído entre os litigantes o día 6 de marzo de 2004, inscrito no tomo 62, páxina 360, da Sección 2ª do Rexistro Civil de Cangas, con todos os efectos legais que a dita declaración comporta. Enténdense revogados definitivamente os poderes e consentimentos que os cónxuxes se outorgasen. Os cónxuxes poderán vivir separados e cesa a presunción de convivencia conxugal. Todo iso sen facer expresa imposición das custas.

Unha vez que sexa firme esta resolución, comuníquese de oficio ao Rexistro Civil onde consta inscrito o matrimonio dos cónxuxes litigantes, Rexistro Civil de Cangas de Morrazo.

Notifíquese esta resolución en forma legal ás partes, ás que se advirte que contra ela cabe recurso de apelación para ante a Audiencia Provincial de Pontevedra, que deberá prepararse dentro dos cinco días seguintes ao da súa notificación ante este xulgado e que se tramitará polas regras establecidas na Lei de axuizamento civil.

Así, por esta miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, pronúncioo, mándoo e asínoo».

E ao estar o dito demandado, Francisco Javier Santos Graña, en paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Pontevedra, 26 de xuño de 2020

A letrada da Administración de xustiza