Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Mércores, 15 de xullo de 2020 Páx. 28230

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de xuño de 2020, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, polo que se publica a resolución do expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Quieiros, Os Calvos e Bumio a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel de Barcala, concello da Estrada.

En cumprimento do disposto no artigo 28 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto no artigo 45.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, faise público que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra, na sesión do día 22 de xuño de 2020, adoptou a seguinte resolución:

Examinado o expediente de clasificación como veciñais en man común dos montes denominados Quieiros, Os Calvos e Bumio, solicitado a favor dos veciños da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de San Miguel de Barcala, concello da Estrada (Pontevedra), resultan os seguintes feitos:

Primeiro. O 22.11.2017, o presidente da CMVMC de San Miguel de Barcala, concello da Estrada, solicita a clasificación como monte veciñal en man común (en diante, MVMC) de tres parcelas catastrais a favor dos veciños da parroquia de San Miguel de Barcala que son parcelas sobrantes da concentración parcelaria: 36017G502001870000RE en Quieiros, 36017A065003380000KS nos Calvos e 36017A065002710000KD en Bumio. Xunto coa solicitude non achega documentación que acredite o uso e aproveitamento por parte dos veciños de San Miguel de Barcala das ditas parcelas.

O 28.11.2017 o Xurado de MVMC de Pontevedra solicita ao Servizo de Infraestruturas Agrarias información de se as parcelas 36017G502001870000RE, 36017A065003380000KS e 36017A065002710000KD seguen figurando como terras sobrantes e cal é o seu destino e os seus titulares actuais. O 15.12.2017 informa:

Como titular da leira de substitución número 187 (referencia catastral 36017G502001870000RE) figura a Comunidade Autónoma de Galicia-Banco de Terras-Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

Con respecto as leiras con referencia catastral núm. 36017A065003380000KS e 36017A065002710000KD, non son predios resultantes dun procedemento de concentración parcelaria.

Segundo. O 26.3.2018, o xefe da Sección de Topografía informa da posibilidade de identificación das parcelas, da non afección a montes de utilidade pública, nin patrimoniais, nin Rede Natura 2000. Que os predios solicitados están sen clasificar. Así mesmo, xunta montaxe sobre ortofoto e catastro do predio. Superficies catastrais:

36017G502001870000RE en Quieiros: 1.242 m².

36017A065003380000KS en Os Calvos:7.000 m².

36017A065002710000KD en Bumio: 1.231 m².

Terceiro. O 3.6.2018, o Xurado de Montes acorda non incoar a parcela 36017G502001870000RE (Quieiros) e incoar expediente de clasificación das parcelas 36017A065003380000KS (Os Calvos) e 36017A065002710000KD (Bumio) e nomear instrutora a Amalia Elsa Pazos Pintos. Este acordo notifícase o 17.7.2018 ao Concello da Estrada e ao promotor da clasificación.

O 23.11.2018 o presidente da CMVMC de San Miguel de Barcala solicita a renuncia á solicitude de inclusión da parcela 36017A065002710000KD (Bumio).

O monte obxecto do presente expediente, obedece á seguinte descrición:

Concello: A Estrada.

Parroquia: San Miguel de Barcala.

Nome do monte: 36017A065003380000KS (Os Calvos).

Superficie: 0,7 ha.

Norte

Titular

Ref. catastral

Río Ulla/Augas de Galicia

------------------------

Esteban, José e María Fraga Laceiras

36017A06500336

Sur

Titular

Ref. catastral

Rosa Meda Iglesias

36017G50200182

Celina Meda Dios

36017G50200183

José Laceiras Meda

36017G50200184

María Tanoira Otero

36017G50200200

María Esther Tanoira Otero

36017G50200201

Leste

Leonor e Gerardo Duro Fernández

36017A06500339

Esteban, José e María Fraga Laceiras

36017A06500336

Oeste

Camiños rurais do concello da Estrada

36017A06509009

36017G50209003

Cuarto. O 23.4.2019, o persoal técnico do Distrito Forestal Deza-Tabeirós emite informe preceptivo do Servizo de Monte. Referente á parcela 36017A065003380000KS (Os Calvos):

«...Que a parcela, titularidade do concello da Estrada, ten un uso exclusivamente recreativo desde hai uns anos ata actualidade. Para tal uso a parcela está acondicionada con bancos e mesas de madeira, papeleiras e bambáns. En parte atópase acondicionada, libre de matogueira para o seu uso como praia fluvial. A vexetación presente está formada por especies frondosas propias da vexetación de ribeira como carballos, salgueiros, espiño negro, espiño branco, loureiros, freixos, abeleiras e ameneiros, acompañada de vexetación herbácea e arbustiva.

A parcela linda ao norte e nordés co río Ulla e ao oeste cun carreiro de uso recreativo que leva aos restos dun antigo muíño situado en dominio público e Rede Natura. Ao sur linda con prados de propiedade particular.

As estremas catastrais coinciden coas observados no terreo.

Non hai indicadores nin carteis sobre o uso recreativo do monte».

Quinto. O 7.7.2019, o Rexistro da Propiedade da Estrada certifica que o predio de que se insta a clasificación, coa información facilitada, non se atopa inscrito no Rexistro. Ordénase a anotación preventiva no Rexistro da Propiedade da Estrada, notifícase o trámite de audiencia, publícase edicto no concello da Estrada e no DOG, mediante o Anuncio do 4 de setembro de 2019 polo que se inicia a clasificación do monte Os Calvos a favor da CMVMC de San Miguel de Barcala (DOG número 174, do 13 de setembro).

Sexto. Dentro do período do trámite de audiencia non constan alegacións de terceiros que se opoñan á clasificación. Así mesmo, a CMVMC de San Miguel de Barcala non achega documentación histórica ou actual que acredite un uso exclusivo dos veciños.

Consideracións legais e técnicas:

Primeira. O Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ten a competencia para coñecer os expedientes de clasificación dos montes que teñan tal carácter segundo o establecido no artigo 9 da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.

Segunda. De conformidade co artigo 1 do referido texto normativo e o artigo 1 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro: «Son montes veciñais en man común e rexeranse por esta lei os que, con independencia da súa orixe, das súas posibilidades produtivas, do seu aproveitamento actual e da súa vocación agraria, pertenzan a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas, e se veñan aproveitando de xeito consuetudinario en réxime de comunidade, sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños».

Deste xeito, para que un monte sexa declarado veciñal en man común o aproveitamento debe quedar acreditado non só no pasado, senón tamén no presente e de forma continuada, así o establece o antedito artigo 1 da Lei 13/1989 e as diversas resolucións xudiciais que o interpretan, concluíndo que o decisivo para a inclusión dun monte na categoría de veciñal en man común, é que resulte acreditado o aproveitamento mancomunado dos montes polos veciños promotores de xeito continuado.

Terceira. A CMVMC de San Miguel de Barcala non achega documentación que acredite un uso veciñal patente e indiscutible da parcela 36017A065003380000KS (Os Calvos). Segundo o informe preceptivo do Servizo de Montes despréndese que é unha parcela do concello cun uso público como zona de recreo e baño e sen ningún indicador dun uso privativo dos veciños da parroquia de San Miguel de Barcala.

En consecuencia, vista a Lei 13/1989, do 10 de outubro de montes veciñais en man común, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e demais preceptos legais e regulamentarios, de xenérica e específica aplicación, o Xurado Provincial, por unanimidade dos seus membros,

ACORDA:

Non clasificar como monte veciñal en man común a parcela 36017A065003380000KS (Os Calvos) solicitada a favor da CMVMC de San Miguel de Barcala, concello da Estrada.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición con carácter potestativo ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra no prazo dun mes, ou ben interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Pontevedra no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Pontevedra, 29 de xuño de 2020

Antonio Crespo Iglesias
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Pontevedra