Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 10 de xullo de 2020 Páx. 27457

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de xullo de 2020 pola que se modifica parcialmente a Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento PR809A).

No Diario Oficial de Galicia número 100, do 28 de maio de 2019, publicouse a Orde do 14 de maio pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento PR809A). A concesión das ditas bolsas foi publicada no Diario Oficial de Galicia número 175, do 16 de setembro de 2019, mediante a Resolución do 2 de setembro.

A finalidade destas bolsas é a de apoiar a formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, co obxectivo de complementar a formación académica das persoas tituladas universitarias con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (DXRREE e coa UE) ou nas unidades de Cooperación no Exterior (UCE) dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia no que se formaliza a cooperación entre ambos os organismos cara a un axeitado desenvolvemento das bolsas.

Na base décimo primeira da dita orde establécese que as actividades de formación se desenvolverán ao longo dos anos 2019 e 2020, con data de inicio prevista o 1 de setembro de 2019 e unha duración dun ano.

Estando a convocatoria na fase final de avaliación das candidaturas, a AECID comunicou á DXRREE e coa UE que, co fin de dar continuidade á colaboración entre ambas, era necesario asinar un novo convenio específico, o cal finalmente foi asinado o 15 de outubro de 2019 e publicado no BOE número 267, do 6 de novembro de 2019. Este trámite tivo como consecuencia que a incorporación efectiva das persoas bolseiras se demorase ata o mes de novembro de 2019.

Durante a execución deste período formativo entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia de coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Así mesmo, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

A situación de estado de emerxencia sanitaria nos diferentes países comportou que nas oficinas técnicas de cooperación se optase por servizos mínimos e/ou teletraballo. Tanto as persoas bolseiras con destino nas ditas oficinas como as que teñen como destino a sede da DXRREE e coa UE encóntranse nos seus domicilios desde o mes de marzo, sen que se prevexa que se poidan incorporar de forma presencial ás correspondentes oficinas nun curto espazo de tempo.

Doutro lado, a incerta evolución da pandemia dificulta enormemente unha nova convocatoria de bolsas, na medida en que se descoñece a evolución do brote de coronavirus e as dificultades que podería supor para os efectos sanitarios o desprazamento aos países de destino.

Dadas as circunstancias anteriormente citadas, a DXRREE e coa UE considera conveniente propor a substitución da convocatoria prevista para o ano 2020 por unha prórroga da convocatoria actual, o que lles permitirá ás persoas bolseiras completar a súa formación en materia de cooperación para o desenvolvemento, tendo en conta que esta formación se viu interrompida de xeito importante polos acontecementos relatados, impedíndolles acadar os obxectivos inicialmente pretendidos coa bolsa concedida.

Por todo o exposto, en prol do interese xeral, considérase necesario e conveniente ampliar a duración das bolsas previstas na Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, polo Decreto 88/2018, do 26 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, modificado polo Decreto 138/2019, do 24 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1

Ampliar, de forma extraordinaria pola situación derivada do COVID-19, ata o 31 de agosto de 2021 o prazo previsto na base décimo primeira da Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019.

Artigo 2

Habilitar para esta ampliación o importe de 98.600,00 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 95.000 € (40.000 € para o ano 2020 e 55.000 € para o ano 2021), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.480.0, e 3.600,00 € (1.200,00 € para o ano 2020 e 2.400,00 € para o ano 2021), que se imputarán á aplicación orzamentaria 05.26.331A.484.0 e que se destinarán ao pagamento ás persoas bolseiras do importe das bolsas e das cotas patronais da Seguridade Social, respectivamente.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 3.600,00 € en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza por continxencias comúns e profesionais.

Artigo 3

Coa entrada en vigor da presente orde, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE comunicaralles ás actuais persoas beneficiarias das bolsas a nova duración, co obxecto de que manifesten por escrito a súa conformidade no prazo de dez (10) días, contados desde a recepción da notificación.

No caso de que a persoa beneficiaria manifeste a súa non disposición para a realización total ou parcial da estadía, deberá comunicarllo no mesmo prazo á dirección xeral, que emitirá resolución expresa en que autorice ou denegue as pretensións solicitadas.

A denegación, de ser o caso, dará lugar a unha nova concesión, e empregarase a prelación da listaxe de reserva, segundo o disposto nas bases novena e décima da Orde do 14 de maio de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se convocan para o ano 2019. As persoas adxudicatarias incorporaranse segundo o establecido na dita orde e terán as mesmas obrigas que as persoas candidatas inicialmente seleccionadas.

A renuncia á bolsa dará lugar á perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non gozada.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2020

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza