Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Xoves, 9 de xullo de 2020 Páx. 27273

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 6 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a contratación de técnicos e técnicas especialistas en organismos intermedios para o asesoramento a empresas en situacións conxunturais provocadas polo escenario económico do COVID-19, financiadas polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (código de procedemento TR332C).

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, este departamento asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde, pois, a esta consellería a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego.

Por outra banda, a Axenda 20 para o emprego asume como reto 1 o emprego de calidade como elemento clave da competitividade en Galicia. Para tal fin, a Consellería impulsará incentivos á contratación de acordo coas demandas das empresas e do tecido empresarial.

A situación de suspensión ou retardación de actividades económicas e empresariais derivadas da declaración do estado de alarma pola pandemia provocada polo COVID-19 está xerando novas e inesperadas necesidades nas pequenas e medianas empresas, non só de apoio económico directo, senón tamén de asesoramento inmediato e especializado en diversas materias.

A necesidade deste asesoramento deriva no só da situación de excepcionalidade sanitaria e económica presente, senón que tamén é previsible que esta se prolongue durante os próximos doce meses, e prevese como especialmente necesario no período de impulso e recuperación da actividade produtiva.

Por iso, en colaboración co tecido asociativo empresarial da nosa comunidade autónoma, a Xunta de Galicia quere impulsar a contratación de persoas técnicas superiores e profesionais especialistas, que sexan persoas desempregadas no momento da súa contratación, por parte de organismos intermedios, para que proporcionen asesoramento ás pequenas e medianas empresas en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do COVID-19.

A través dos organismos intermedios (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores) as pemes e micropemes galegas terán acceso ao asesoramento necesario, por parte destas persoas técnicas superiores e profesionais especialistas en materias de xestión empresarial, que poida xurdirlles ao fío do escenario socioeconómico provocado polo COVID-19, en concreto: asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa, transformación dixital da empresa e asesoramento tecnolóxico, prevención de riscos laborais, apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo, e apoio nos procesos de contratación de persoal (procesos de selección).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

O artigo 2 do Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, engade o artigo 25 bis «Medidas excepcionais para a utilización dos fondos EIE en resposta ao brote de COVID-19» no Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro de 2013, e establece que, como excepción ao disposto no artigo 60, número 1, e no artigo 120, número 3, parágrafos primeiro e cuarto, por petición dun Estado membro poderá aplicarse unha porcentaxe de cofinanciamento do 100 % aos gastos declarados nas solicitudes de pagamento durante o exercicio contable que comeza o 1 de xullo de 2020 e finaliza o 20 de xuño de 2021 para un ou máis eixes prioritarios nun programa financiado polo FSE.

De acordo con esta normativa, as axudas establecidas nesta orde de convocatoria están financiadas polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 100 %, no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e en particular:

• Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade e calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

• Prioridade de investimento 8.1: facilitar o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral.

• Obxectivo específico 8.1.5: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego. Liña de actuación 111: Programa de incentivos á contratación por conta allea de carácter temporal para diferentes colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.

Segundo se establece no PO FSE Galicia 2014-2020, o cambio esperado mediante este obxectivo específico é lograr que persoas desempregadas pasen á situación de empregadas, por medio de adquisición de experiencia laboral. Para lograr este obxectivo, prográmanse actuacións que integran, entre outros, programas e incentivos á contratación por conta allea de diferentes colectivos con maiores dificultades de acceso.

Mediante a presente orde de axudas incentívase, en primeiro termo, a contratación de menores de 30 anos, maiores de 45 anos, persoas desempregadas de longa duración e mulleres, todos eles colectivos sinalados como colectivos con maiores dificultades de acceso ao emprego. Máis aínda, o programa permitirá aos seus participantes a adquisición de coñecementos e competencias específicos no asesoramento en xestión empresarial, grazas á súa inserción nas estruturas de organismos intermedios que dan servizo a unha gran variedade de empresas, o que contribuirá á súa empregabilidade.

Deste xeito, este programa contribuirá á mellora dos indicadores de produtividade e resultados asociados a esta liña de actuación no PO FSE Galicia 2014-2020.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018: «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) 1303/2013».

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo da autorización da Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, dos informes da Asesoría Xurídica da Área de Emprego, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, una vez autorizada polo Consello da Xunta de Galicia a modificación da porcentaxe e dos importes máximos dos pagamentos anticipados e a exención da obriga de constituír garantías, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións a organismos intermedios (asociacións empresariais sectoriais ou multisectoriais, clústeres empresariais e consellos reguladores) para a contratación por conta allea de persoas técnicas superiores e profesionais especialistas que no momento da súa contratación sexan persoas desempregadas, durante un período de 8 meses, para facilitar ás pemes e micropemes un asesoramento específico en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do COVID-19 (código de procedemento TR332C).

Artigo 2. Marco normativo

As solicitudes, a tramitación e a concesión das subvencións axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos para o ano 2020; na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; e no disposto nesta orde.

Así mesmo, por tratarse de subvencións financiadas polo PO FSE Galicia 2014-2020, serán de aplicación: o Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 347, do 20 de decembro de 2013); o Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1296/2013, (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013, (UE) 1304/2013, (UE) 1309/2013, (UE) 1316/2013, (UE) 223/2014 y (UE) 283/2014 e a Decisión 541/2014/UE, e polo que se derroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012; a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020; o Regulamento (UE) 2020/460, do 30 de marzo, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013 e (UE) 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19, e o Regulamento (UE) 2020/558, do 23 de abril, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1301/2013 e (UE) 1303/2013, no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Orzamentos

1. O financiamento deste programa efectuarase con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos créditos consignados na aplicación 09.40.322C.480.0 (código de proxecto 2020 00089) da Lei 6/2019, do 23 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020, polo importe global de 8.000.000 euros.

2. As subvencións previstas nestas bases estarán financiadas nun 100 % polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 dentro de:

• Obxectivo temático 8: promover a sustentabilidade da calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

• Prioridade de investimento 8.1: facilitar o acceso ao emprego por parte das persoas demandantes de emprego e das persoas inactivas, incluídos os desempregados e desempregadas de longa duración e as persoas afastadas do mercado laboral, así como as iniciativas de emprego locais e o fomento da mobilidade laboral.

• Obxectivo específico 8.1.5: mellorar a empregabilidade das persoas desempregadas ou inactivas, especialmente daquelas con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, por medio da adquisición de experiencia profesional, incluídas as iniciativas locais de emprego. Liña de actuación 111: Programa de incentivos á contratación por conta allea de carácter temporal para diferentes colectivos con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral.

Artigo 5. Definicións

Para os efectos desta orde, entenderase por:

• Organismos intermedios empresariais: asociacións empresariais, os consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica, clústeres empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia), que representen un colectivo de empresas galegas.

• Clúster: organización de natureza asociativa sen ánimo de lucro, composta de empresas especializadas arredor dunha cadea de valor, que cooperan estreitamente co fin de promover a súa competitividade, cunha especial atención á innovación e a internacionalización das empresas que forman parte desa cadea de valor.

• Asociación empresarial sectorial: asociación empresarial cuxo fin é o apoio á competitividade dos autónomos, microempresas, pemes e grandes empresas dun sector de actividade económico específico, así como de representación e defensa do empresariado ante as institucións, organismos públicos e axentes sociais.

• Asociación empresarial intersectorial: asociación empresarial integrada por unha diversidade de empresas ou de asociacións empresariais de diferentes ramos de actividade económica, e que presta servizos de fomento e apoio á competitividade dos autónomos, microempresas, pemes e grandes empresas, así como de representación e defensa do empresariado ante as institucións, organismos públicos e axentes sociais.

• Persoa desempregada: aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da súa contratación vinculada ao programa e que, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional, na data de alta no momento da súa contratación.

• Custo salarial total anual: suma da retribución bruta anual do traballador e dos custos salariais de empresa, entendendo como tales os custos empresariais de cotización á Seguridade Social e as percepcións non salariais que cubran necesidades ou situacións de inactividade que non se poidan imputar ao traballador.

• Concello rural: considérase concello rural aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada a nivel de parroquia (ZDP) segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_ paxina. jsp? paxina=003003001&idioma= gl). Para estes efectos, considéranse concellos rurais todos os concellos galegos excepto os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarios de estas axudas os organismos intermedios, entendendo por tales:

– Asociacións empresariais sectoriais ou intersectoriais, e de carácter tecnolóxico.

– Consellos reguladores de denominacións de orixe protexidas, de indicacións xeográficas protexidas e de agricultura ecolóxica.

– Agrupacións industriais empresariais (con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro e domiciliados en Galicia) que representen un colectivo de empresas galegas.

– Clústeres empresariais.

– Asociacións de persoas autónomas.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 7. Competencia

A competencia para resolver as solicitudes corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 8. Actividades subvencionables

1. Segundo a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020, e ao abeiro desta convocatoria, subvencionaranse as contratacións de persoal por conta allea para o desenvolvemento de tarefas de asesoramento por parte dos organismos intermedios ás pemes e micropemes nas seguintes materias:

– Asesoramento en captación de financiamento e xestión financeira da empresa.

– Relanzamento comercial.

– Transformación dixital da empresa e asesoramento tecnolóxico.

– Prevención de riscos laborais.

– Plans de continxencia na produción e na cadea loxística.

– Apoio na implementación de proxectos e ferramentas de teletraballo.

– Apoio nos procesos de contratación de persoal (procesos de selección).

– Outras materias de natureza análoga ás anteriores.

2. Serán subvencionables as contratacións que se formalicen con posterioridade á notificación da resolución de concesión da subvención e con data límite do 30 de setembro de 2020.

Artigo 9. Contía das axudas

1. Para a xustificación dos importes das axudas previstas neste artigo, establécese un método de custos simplificados consistente nun baremo estándar de custo unitario, conforme o disposto nos artigos 67.1.b) e 67.5.a) i) do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018.

2. A contía das axudas en concepto de incentivo por persoa contratada establecerase en función da súa titulación e grupo de cotización, segundo a seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Contía da axuda

Título superior universitario (licenciatura universitaria, arquitectura, enxeñería ou grao)

1 ou 2

13.500 €

Título medio universitario (graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou grao)

1 ou 2

11.500 €

Título de formación profesional de grao superior ou equivalente

3, 4 ou 5

10.000 €

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 90 % do custo salarial de 8 meses correspondentes ao contrato que se subvenciona.

4. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, pero sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Para os efectos destas subvencións, non se considerarán custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos ou complementos extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

6. Estas axudas serán incompatibles con outras que, en concepto de incentivos á contratación, poidan outorgar as administracións públicas. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, sempre que o conxunto de ambas as axudas non supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Artigo 10. Solicitudes e prazos

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causas de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Se do exame do expediente se comproba que a documentación non reúne os requisitos necesarios, é insuficiente ou non se achega na súa totalidade, faráselle un único requirimento á entidade solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se considerará que desiste da súa petición, logo da correspondente resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Artigo 11. Documentación necesaria para tramitar o procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar xunto coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado ou acta onde se determine a dita representación.

– Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente e modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non rexistradas no Rexistro Mercantil.

– Perfil ou perfís da(s) persoa(s) que se van contratar (grupo de cotización, tipo de contrato e titulación), así como das condicións da súa contratación, en función dos criterios establecidos no artigo 18, e segundo o modelo establecido no anexo (II).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente.

Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– NIF da entidade solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– Certificado da entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración tributaria.

– Certificado da entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

– Certificado da entidade solicitante de estar ao día das súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Informe da vida laboral da persoa traballadora contratada.

– Certificado de inscrición no Servizo Público de Emprego da persoa traballadora contratada.

– Contrato laboral da persoa traballadora.

– DNI ou NIE da persoa traballadora.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I), ou de comprobación de datos (anexo III) e achegar os ditos documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. Ao estar esta subvención financiada polo PO FSE Galicia 2014-2020, autorízase a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos para consultar a información da Administración pública competente relativa ao cumprimento do mantemento da contratación que se subvenciona.

Artigo 13. Emenda das solicitudes

A sede electrónica remitirá as solicitudes recibidas á unidade administrativa encargada da instrución do expediente para que comprobe se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirán a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada.

Artigo 15. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por parte daquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

3. Por outra banda, de conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

4. Ademais, as subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, da contía e da finalidade, no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no Rexistro de Subvencións, de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Artigo 16. Instrución do procedemento e tramitación

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Emprego, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

2. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante un correo electrónico dirixido á conta de correo que conste na solicitude para efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

4. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitadas cando transcorran dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia efectuarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Procedemento de concesión e composición da Comisión de Selección

1. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde será en réxime de concorrencia competitiva, nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. A Comisión de Selección estará composta:

– Pola persoa titular da Subdirección Xeral de Emprego, que a presidirá.

– Por dúas persoas designadas pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, unha das cales actuará como secretaria, con voz pero sen voto.

Se no momento en que a Comisión de Selección teña que examinar as solicitudes algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a ela o presidente ou presidenta, ou persoa en quen delegue, unha vogal e a persoa que actúe como secretario/a.

3. Cada entidade poderá solicitar a axuda para ata un máximo de 3 contratos, tendo en conta que as axudas para a primeira contratación se concederán por orde de puntuación.

As restantes contratacións solicitadas poderán concederse, por orde de puntuación, sempre que exista crédito orzamentario e unha vez esgotada a lista de contratacións solicitadas segundo o recollido no parágrafo anterior.

4. Quedarán, en todo caso, como suplentes, aquelas solicitudes para as cales non se dispoña de crédito suficiente, sempre a cando cumpran os requisitos exixidos nesta convocatoria.

5. De se produciren empates, estes resolveranse de acordo coa maior puntuación obtida no criterio establecido en primeiro lugar, e así sucesivamente. No caso de persistir o empate, terase en conta o número de expediente, que se outorgará segundo a data de presentación da solicitude.

6. A Comisión de Selección emitirá un informe final onde figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, con especificación da avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Criterios de valoración

A puntuación de cada contratación proposta que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria realizarase sobre un total máximo de 55 puntos, sobre os seguintes criterios:

1. Tipo de contrato (máximo 4 puntos):

– Contratos indefinidos: 4 puntos.

– Contratos de duración determinada: 1 punto.

2. Titulación da persoa que se vai contratar (máximo 6 puntos):

– Formación profesional superior: 2 puntos.

– Grao universitario (diplomatura ou licenciatura): 4 puntos.

– Posgrao universitario/doutor/a: 6 puntos.

3. Número de meses de inscrición da persoa que se vai contratar como demandante de emprego desempregada no momento da solicitude nos últimos 18 meses (máximo 12 puntos):

– Ata 1 mes: 1 punto.

– Ata 3 meses: 2 puntos.

– Ata 6 meses: 4 puntos.

– Ata 9 meses: 6 puntos.

– Ata 12 ou máis meses: 12 puntos.

4. Perfil sociodemográfico da persoa que se vai empregar (no momento da solicitude. Máximo 15 puntos):

– Se é muller: 5 puntos adicionais.

– Se é menor de 30 anos: 5 puntos adicionais.

– Se é maior de 45 anos: 10 puntos adicionais.

5. Natureza intersectorial do organismo intermedio (8 puntos):

– Se é un organismo intermedio de carácter intersectorial ou representativo dunha cadea de valor: 8 puntos.

6. Ámbito territorial do organismo intermedio (máximo 10 puntos):

– Se é un organismo intermedio de ámbito comarcal, recoñecido como tal nos seus estatutos: 5 puntos.

– Se a súa sede social está situada nun concello rural: 5 puntos.

Artigo 19. Resolución e recursos

1. O órgano instrutor elevará o informe da Comisión de Selección xunto coa proposta de resolución á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, que resolverá a concesión ou denegación da axuda, mediante resolución motivada e individualizada, por delegación da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. O prazo máximo de resolución e notificación será de tres meses, contados a partir do día seguinte ao remate do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non existe resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Na notificación da resolución da subvención comunicaráselle ao beneficiario o financiamento con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de financiación de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o prazo de execución.

4. A resolución mediante a cal se conceda a subvención determinará, como mínimo, o número de contratos subvencionados, a porcentaxe definitiva de financiamento destes e a contía final da subvención, as condicións das ditas contratacións que deberá cumprir e manter o organismo contratante e os demais requisitos exixibles para a súa percepción e seguimento.

5. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 20. Requisitos e criterios para a selección e contratación das persoas traballadoras

1. As persoas que se contraten no marco da presente axuda deberán ser persoas desempregadas inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes desempregados, e estaren dispoñibles para o emprego. Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección como no da formalización do contrato de traballo.

Será a entidade beneficiaria da subvención a responsable de comprobar que no momento do inicio da relación laboral a persoa seleccionada estea inscrita na oficina de emprego como demandante desempregada, e dispoñible para o emprego.

2. O persoal contratado deberá cumprir, no momento de formalizar o contrato, os seguintes requisitos:

– Estar en posesión dunha das seguintes titulacións:

◦ Título universitario medio ou superior (titulación de grao): licenciatura, enxeñaría, arquitectura, graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica.

◦ Título de formación profesional de grao superior ou equivalente.

◦ No caso de estar en posesión dun título obtido nun país estranxeiro, a dita titulación deberá ser equiparable en capacitación a algunha das anteriores.

– Figurar inscrito como demandante de emprego e desempregado no momento da súa contratación.

3. Os contratos de traballo por conta allea que se formalicen terán as seguintes características:

a) Serán contratacións iniciais indefinidas a tempo completo, ou temporais a tempo completo; neste caso terán unha duración de 8 meses.

b) A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada deberá respectar, como mínimo e en calquera caso, o convenio colectivo que sexa de aplicación.

c) Os beneficiarios deberán respectar o grupo de cotización correspondente á titulación da persoa contratada. Para os efectos do disposto nesta convocatoria, considéranse grupos de cotización correspondentes á titulación do persoal contratado os que se correspondan coa seguinte táboa:

Titulación

Grupo/s de cotización á Seguridade Social

Título superior universitario (licenciatura universitaria, arquitectura, enxeñaría ou grao)

1 ou 2

Título medio universitario (graduado/a, diplomatura, enxeñaría técnica, arquitectura técnica ou grao)

1 ou 2

Título de formación profesional de grao superior ou equivalente

3, 4 ou 5

Artigo 21. Contratación das persoas traballadoras

1. Os contratos subvencionados ao abeiro desta orde de axudas deberán ser formalizados no prazo máximo dun mes desde a notificación de resolución da concesión da subvención. A contratación deberáselle comunicar ao Servizo Público de Emprego (SEPE). A formalización deberá ser comunicada á Secretaría Xeral de Emprego no prazo máximo de 10 días desde a súa formalización.

Excepcionalmente, cando concorran causas debidamente xustificadas, a Secretaría Xeral de Emprego poderá autorizar a prórroga do prazo de contratación, logo da solicitude para o efecto da entidade beneficiaria e tendo en conta que, en todo caso, os contratos de traballo deberán subscribirse coa data límite do 30 de setembro de 2020.

2. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas nun código de conta de cotización que corresponda de acordo coa táboa incluída no artigo 20.

3. Os contratos de traballo subscritos deberán comunicarse á oficina de emprego correspondente, necesariamente a través da aplicación Contrat@, agás no caso de entidades de menos de cinco traballadores, que poderán facelo a través desta aplicación ou ben por escrito.

4. O beneficiario estará obrigado a comunicarlle á Secretaría Xeral de Emprego a formalización do contrato no prazo máximo de 10 días contados desde a antedita formalización. O contrato deberá respectar escrupulosamente as condicións do perfil para o cal se concedeu a subvención, segundo os criterios establecidos no artigo 18 desta orde. Xunto coa comunicación, o beneficiario deberá achegar a seguinte documentación:

– Anexo III de comprobación de datos da persoa traballadora contratada debidamente cuberto e asinado.

– Documentación acreditativa do cumprimento por parte da entidade da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento por parte do PO FSE Galicia 2014-2020 da subvención dos seus contratos segundo o modelo do anexo IV.

5. As contratacións que incumpran calquera destes requisitos non poderán ser incentivadas e, se é o caso, darán lugar á perda do dereito ao cobramento das axudas de conformidade co disposto no artigo 27 desta orde.

Artigo 22. Substitución de persoas traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días naturais seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais que se prevexa que sexan de duración superior a 30 días naturais, a substitución só será posible logo de comunicación á Secretaría Xeral de Emprego.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos na orde de convocatoria para as contratacións iniciais subvencionadas e deberá ser notificada á Secretaría Xeral de Emprego, con indicación da causa da baixa, nun prazo máximo de 10 días hábiles desde a correspondente contratación. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Copia do parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Copia do parte de alta na Seguridade Social e copia do contrato de traballo.

c) Copia do certificado de selección da persoa substituta, no modelo publicado na web institucional da Xunta de Galicia, agás que se trate dunha candidata que quedase en lista de espera na primeira selección e continúe en desemprego no momento de formalizar a contratación.

d) Copia do certificado do documento de información da subvención en que conste o xustificante de recepción da persoa traballadora.

4. Tanto no caso de extinción como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberase levar a cabo logo da solicitude á correspondente oficina de emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, salvo que se trate de persoas candidatas remitidas por este na oferta inicial e cumpran a condición de demandante de emprego inscrita e desempregada no momento da súa contratación.

5. De non producirse a substitución ou cando, aínda producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo fose inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten.

Artigo 23. Pagamento anticipado

1. Poderase realizar o pagamento anticipado, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, nos termos previstos neste artigo.

O importe do pagamento anticipado será dun 100 % da subvención concedida. Para realizar este pagamento anticipado, as entidades beneficiarias deberán achegar a seguinte documentación:

– A aceptación da resolución da concesión da subvención.

– Unha declaración complementaria do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas e/ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes, anexo V.

Quedan eximidas da obriga de constituír garantías, conforme o disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

2. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 24. Xustificación

A xustificación da subvención concedida realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, na data límite establecida na resolución de concesión e, en todo caso, no prazo máximo de 2 meses desde a finalización do(s) contrato(s) subvencionado(s):

a) Unha memoria da selección realizada, asinada pola persoa responsable da entidade beneficiaria, en que conste: o procedemento de selección efectuado, a relación nominal das persoas candidatas desempregadas, así como das finalmente seleccionadas e contratadas. Ademais, para o caso de presentación dunha oferta de emprego, especificarase o seu número identificador.

b) Copias das nóminas aboadas aos traballadores e traballadoras que se contraten e dos boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de traballadores, ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios correspondentes ao seu pagamento (transferencias bancarias, imprescindible no caso das nóminas) e mais o resumo anual de retencións sobre os rendementos do traballo (modelo 190 IRPF) e xustificantes do seu pagamento (modelo 111), unha vez que se dispoña destes.

c) Unha memoria final sobre as actividades realizadas e a práctica profesional desenvolvida polas persoas traballadoras contratadas.

d) Copia do extracto bancario xustificativo do ingreso do importe do anticipo da subvención concedida.

e) Acreditación do cumprimento das medidas de comunicación e información indicadas no artigo 25.g).

f) Información dos indicadores de produtividade sobre os participantes a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, a través da aplicación Participa 1420 ou segundo o modelo que estará dispoñible na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os certificados, declaracións, documentos e carteis informativos sinalados neste parágrafo deberán realizarse segundo os respectivos modelos que se publican na web institucional da Xunta de Galicia na ligazón http://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego.

Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias e seguimento das actividades subvencionadas

1. As entidades beneficiarias, ademais das establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, deberán cumprir as seguintes obrigas:

a) Aceptación da subvención no prazo de 10 días, de conformidade co disposto no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Transcorrido o citado prazo sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

b) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

c) En relación coas persoas que se van contratar:

– Seleccionar e contratar as persoas que vaian a desenvolver as citadas tarefas de asesoramento a pemes e micropemes en materias relacionadas con necesidades xurdidas ao fío do escenario socioeconómico do COVID-19.

– Integralas nos seus cadros de persoal durante o período de duración do contrato incentivado ao abeiro desta subvención.

– Asegurar unha contorna laboral de acordo coa normativa en materia de prevención de riscos laborais, contratación e outras aplicables.

– Colaborar coa Secretaría Xeral de Emprego nas actividades que, de ser o caso, organice, dirixidas ao persoal contratado mediante este incentivo

– Aboarlles ás persoas contratadas os salarios que legal ou convencionalmente lles correspondan e sexan acordes coa súa cualificación profesional e titulación.

d) Satisfacer con carácter mensual e mediante transferencia bancaria as obrigas económicas que deriven do funcionamento dos contratos subvencionados, especialmente as de carácter salarial.

e) Facilitar a información necesaria relativa ao desenvolvemento da actividade que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante refírense á data inmediatamente anterior ao inicio da vinculación do participante coas actuacións subvencionadas, mentres que os indicadores de resultado inmediato deberán referirse ao período comprendido entre o día posterior á finalización da súa vinculación coa operación e as catro semanas seguintes, no período de xustificación da correspondente subvención. Así mesmo, a Administración poderá requirir novos datos no prazo de seis meses desde que finalice a vinculación do participante coa actividade financiada, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no antedito regulamento. Para estes efectos, seralles facilitado ás entidades beneficiarias o acceso á aplicación Participa1420.

f) Aceptar, observar e someterse ás medidas de control e seguimento establecidas no número 2 do presente artigo.

g) Cumprir coas medidas de comunicación e información establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, do 17 de decembro, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo, e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo de A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispor dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

h) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria, nun prazo de 10 días desde que se produzan, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as persoas contratadas, co obxecto de que poidan valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

i) Comunicarlle á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

2. Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución das actividades subvencionadas por medio da presente orde, a entidade beneficiaria deberá aceptar, observar e someterse ao cumprimento das seguintes obrigas de control e seguimento:

a) Manter unha pista de auditoría suficiente, manter de forma separada na contabilidade o ingreso da axuda percibida e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comezo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

b) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

c) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, con base nunha mostraxe estatística e/ou segundo criterios baseados no risco, realice o persoal técnico da Secretaria Xeral de Emprego, así como someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión ou seguimento do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, que incorporarán as correspondentes visitas sobre o terreo, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Artigo 26. Seguimento

Co fin de efectuar un seguimento adecuado da execución das actividades subvencionadas pola presente orde, a entidade beneficiaria deberá aceptar, observar e someterse ao cumprimento das seguintes obrigas de control e seguimento especificadas no artigo anterior.

Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

Artigo 27. Perda do dereito ao cobramento e reintegro

1. Por tratarse de subvencións financiadas polo PO FSE Galicia 2014-2020:

Para o caso de subvencións incompatibles con outras axudas:

Reintegro do 10 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro do 100 % do importe da subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que puidesen corresponder polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

Para o caso de subvencións compatibles:

Reintegro do 5 % polo incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora, sen prexuízo de sanciones que poidan corresponder polo incumprimento da obriga de lle comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

2. Cando a entidade beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 22 desta orde, por cada contratación subvencionada e non substituída conforme o establecido no antedito artigo procederá o reintegro da axuda concedida pola traballadora de que se trate.

Neste suposto hai que diferenciar entre o reintegro total, cando non se leve a cabo a substitución da persoa traballadora que causou baixa, e o reintegro parcial, que procederá nos seguintes casos:

a.1) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo no prazo anteriormente indicado.

O cálculo da contía que se vai reintegrar parcialmente farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre oito meses a subvención concedida.

ii. Calcúlase o número de meses durante os cales o posto estivo vacante, e computarase para estes efectos o prazo que se concede para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

iii. E multiplícase o importe obtido na primeira operación (i) polo número de meses durante os cales o posto de traballo estivese vacante.

a.2) Se se efectuou a substitución, pero esta non se fixo cunha nova persoa traballadora pertencente a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polo cal se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causou baixa,

Procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación e o cálculo da contía aque se deberá reintegrar farase do seguinte xeito:

i. Divídese entre oito meses o importe concedido pola traballadora de que se trate.

ii. Calcúlase a subvención que correspondería en función do colectivo da traballadora substituta e divídese tamén entre oito meses.

iii. Á contía obtida na operación primeira (i) réstaselle a contía obtida na operación segunda (ii).

iiii. O resultado multiplícase polo número de meses que resten ata cumprir os oito, tendo en conta que o mes en que se leve a cabo a substitución será computado entre os meses en que a subvención sería inferior, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

Disposición adicional primeira

Apróbase a delegación de atribucións da persoa responsable da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para autorizar e redistribuír os correspondentes créditos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias de conformidade co réxime disposto na disposición adicional primeira do Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Disposición adicional segunda. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Economía, Emprego e Industria coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os/as cidadáns/ás poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Tamén se dará comunicación á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade realizar a xestión, seguimento, información, control, coordinación e estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola autoridade de xestión dos programas operativos, segundo o disposto no artigo 125, número 2; artigo 140, números 3 a 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, e as súas disposicións de desenvolvemento.

Co fin de dar a publicidade exixida do procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/protección-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira

Autorízase a persoa responsable da Secretaría Xeral de Emprego para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file