Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27195

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 28 de maio de 2020 pola que se deixa sen efecto a Resolución do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Cultura no Camiño e se convocan para o ano 2020.

O día 28 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia, número 40, a Resolución do 26 de febreiro de 2020, pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Cultura no Camiño e se convocan para o ano 2020 (CT301A).

A aparición, evolución e expansión do COVID-19, xunto coa paralización da actividade económica e confinamento dos cidadáns en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declarou o estado de alarma, que establecía na súa disposición adicional terceira a suspensión de termos e a interrupción de prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público, provocou unha parálise total da actividade económica, ante este novo escenario social.

Con posterioridade, publicouse no BOE do 18 de marzo o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos

O día 24 de abril de 2020, o Consello da Xunta Acorda a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, xustificando o programa Cultura no Camiño realizado polas entidades locais polas cales discorren os diferentes camiños de Santiago.

Coa intención de paliar esta crise e reactivar o sector cultural e turístico, o día 30 de abril de 2020 aprobouse no Consello da Xunta de Galicia o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do COVID-1. Entre as medidas que recolle este plan está o reforzamento do papel do Xacobeo 2021 como ferramenta de estímulo de actividade económica e do consumo e impulso das industrias culturais e turísticas. Cómpre, polo tanto, establecer unas novas bases reguladoras adaptadas ao novo escenario e cun obxecto máis amplo, destinadas a cofinanciar programacións culturais realizadas por entidades locais co motivo do Xacobeo 21, para contribuír á promoción das artes escénicas e musicais, e proceder á súa convocatoria para o ano 2020, e cómpre deixar sen efecto as publicadas o 28 de febreiro.

Así pois, de acordo co exposto e co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

1. Deixar sen efecto a Resolución do 26 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases das subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa Cultura no Camiño e se convocan para o ano 2020 (CT301A).

2. Respecto ás solicitudes presentadas ao abeiro da citada convocatoria que se deixa sen efecto, arquivaranse sen máis trámites por quedar sen obxecto a súa pretensión, en cumprimento do disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Disposición adicional única

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interporñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor, contado a partir do día seguinte ao da súa publicicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a parti do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira única

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais