Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 8 de xullo de 2020 Páx. 27092

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, da proposta de actuacións para desenvolver entre a Administración e as organizacións sindicais relativas ao persoal laboral da gardaría fluvial da entidade pública empresarial Augas de Galicia.

Visto o texto da proposta de actuacións para desenvolver entre a Administración e as organizacións sindicais, relativas ao persoal laboral da gardaría fluvial da entidade pública empresarial Augas de Galicia, e de conformidade co disposto no artigo 90, números 2 e 3, do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 713/2010, do 28 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios e acordos colectivos de traballo, a Secretaría Xeral de Emprego

RESOLVE:

Primeiro. Ordenar o seu rexistro e depósito no Rexistro de Convenios e Acordos Colectivos de Traballo da Comunidade Autónoma de Galicia (Rexcon), creado mediante a Orde do 29 de outubro de 2010 (DOG nº 222, do 18 de novembro).

Segundo. Dispor a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2020

Covadonga Toca Carús
Secretaria xeral de Emprego

Proposta de actuacións para desenvolver entre a Administración e as organizacións sindicais, relativas ao persoal laboral da gardaría fluvial da entidade publica empresarial Augas de Galicia

A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de Augas de Galicia, crea e regula no seu título II a entidade pública empresarial Augas de Galicia, responsable en materia de augas no ámbito das competencias que corresponden á Xunta de Galicia.

O Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Estatuto da entidade pública empresarial (DOG nº 9, do 13 de xaneiro), detalla máis polo miúdo as competencias do ente público, entre as cales se atopan, segundo sinala o artigo 19 letra e): a dirección e o establecemento dos criterios xerais de despregamento e da actuación da gardaría fluvial de Augas de Galicia, cuxos efectivos gozan, no exercicio das súas funcións de inspección, vixilancia e control do dominio público, das prerrogativas inherentes á súa condición de autoridade pública.

Por outro lado, no Acordo do 18 de decembro de 2008, asinado entre Augas de Galicia e as organizacións sindicais con representación no Comité Intercentros, CC.OO., UGT, CIG e CSI-CSIF, ademais de concretarse as funcións que desempeña a gardaría fluvial, as partes asinantes asumían o compromiso de manter a actividade negociadora ata acadar a reclasificación dos postos de traballo do colectivo de persoal laboral que integra a gardaría fluvial.

No ano 2019, o DOG nº 19, do 28 de xaneiro, publicou o Acordo de concertación do emprego público de Galicia asinado entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais CC.OO. e UXT con data do 15 de xaneiro de 2019.

Dentro dos obxectivos que se marcan no dito acordo está o de avanzar na regulamentación establecida na Comunidade Autónoma en relación coa funcionarización do persoal laboral dentro do marco máis amplo que permita a normativa, coa finalidade de tender a un único réxime xurídico, o funcionarial, para o persoal dependente da Dirección Xeral da Función Pública.

Outro dos obxectivos que se extrae do acordo de concertación é o fomento da promoción interna, para o que se prevé que non se computen dentro do límite máximo de prazas derivado da taxa de reposición de efectivos as prazas que se convoquen mediante procesos de promoción interna.

Así pois, o novo marco deseñado polo acordo de concertación fai conveniente negociar un novo acordo que, sobre a base do asinado en 2008 entre Augas de Galicia e as organizacións sindicais con representación no Comité Intercentros, CC.OO., UGT e CSI-CSIF, permita dotar a entidade pública dunha estrutura de postos de traballo adecuada á realización das tarefas de vixilancia do dominio público hidráulico encomendadas.

Porén, a proposta que se formula fundaméntase en tres eixes principais:

1º. Definición de funcións da escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico.

2º. Funcionarización das categorías laborais existentes.

3º. Dotación de prazas e cobertura delas mediante procesos selectivos co obxectivo de reforzar as tarefas de vixilancia do dominio público hidráulico.

1º. Definición de funcións:

a) Vixilancia do estado de conservación dos leitos públicos e as súas zonas de protección (servidume e policía), e das actuacións que se desenvolvan en relación co outorgamento de concesións e autorizacións que se refiren ao dominio público hidráulico e as súas zonas de protección.

b) Denuncia ou informe de calquera anomalía ou infracción relativa ao dominio público hidráulico ou as súas zonas de protección.

c) Vixilancia daquelas actividades susceptibles de provocar verteduras no dominio público hidráulico ou no mar desde terra, mediante o acceso aos puntos que se presuman contaminados, a toma da correspondente mostra segundo o protocolo de tomas de mostras.

d) Vixilancia de treitos de ríos para localizar áreas que requiran limpeza de vexetación, obstrucións, localización de verteduras, etc.

e) Elaboración de partes de servizo, boletíns de denuncia, informes e demais documentos relacionados coas súas funcións.

f) Cantas outras funcións compatibles co seu nivel e coñecementos lle indique o seu superior, relativas á protección e á tutela do dominio público hidráulico e das súas zonas de protección.

2º. Funcionarización de categorías laborais:

O persoal laboral fixo das categorías 8 e 67 do grupo III do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia poderá acceder mediante a funcionarización ao corpo administrativo da Administración xeral da CA de Galicia –escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico (subgrupo C1)–.

Coa dita finalidade, os postos das categorías sinaladas transformaranse en funcionariais da devandita escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico (subgrupo C1).

A funcionarización supón o cambio do vínculo que liga o empregado público coa Administración a través do procedemento establecido, sen que iso supoña un cambio de destino.

Esta previsión será aplicable exclusivamente ao persoal laboral fixo das categorías e do grupo do ámbito de aplicación deste acordo.

3º. Dotación de prazas e cobertura delas mediante procesos selectivos:

A entidade pública empresarial Augas de Galicia fixa como obxectivo a creación dun mínimo de 16 prazas do corpo administrativo da Administración xeral da CA de Galicia, escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico (subgrupo C1).

Nunha primeira quenda ofertaranse 9 prazas, para convocar o antes posible tras a sinatura do acordo. As prazas que quedasen sen cubrir acumularanse ás 7 prazas restantes e ofertaranse no ano 2020, pondo fin a este acordo.

As prazas de nova creación uniranse ás que xa existan como consecuencia da funcionarización das categorías que se relacionan no ordinal 2º deste acordo.

A cobertura desas prazas producirase mediante unha promoción interna separada.

A cobertura desas prazas será obxecto dun proceso selectivo de funcionarización, mediante unha promoción interna separada, na cal poderá participar o persoal laboral fixo da categoría 7 do grupo IV do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, sempre que este persoal dispoña tanto da titulación para o acceso ao subgrupo C1 como os demais requisitos exixidos na convocatoria.

As partes acordan que, finalizados todos os procesos de promoción interna previstos neste acordo para a escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico (subgrupo C1), se ofertarán, de ser o caso, á quenda de acceso libre as vacantes que houber no último proceso de promoción interna a esta escala, segundo as previsións establecidas na normativa en materia de función pública.

A entidade pública empresarial Augas de Galicia comprométese, xunto coas centrais sindicais, a promover o procedemento necesario para que o persoal do grupo IV, categoría 7, que non teña a titulación exixida, poida concorrer a unha praza da escala de axentes de inspección, especialidade de vixilancia do dominio público hidráulico (subgrupo C1), mediante o proceso de promoción interna descrito neste punto, unha vez obtida a titulación académica necesaria, para o cal, a Administración promoverá o procedemento adecuado para a obtención da titulación necesaria.

Darase traslado desta addenda ao órgano competente en materia de función pública para que as prazas se inclúan nas correspondentes ofertas de emprego público na quenda de promoción interna.

A creación de prazas farase efectiva unha vez rematado cada un deses procesos selectivos.

A Administración, a través da Dirección Xeral da Función Pública, negociará coas organizacións sindicais unha proposta de bases deses procesos.

4º. Comisión de Seguimento:

Créase unha comisión mixta de seguimento que actúe como mecanismo conxunto de plena efectividade para levar a cabo o seguimento e control das actividades necesarias para a execución do presente acordo.

A Comisión de Seguimento estará integrada por catro representantes da Administración autonómica e un representante por cada organización sindical asinante deste acordo.

Cada unha das partes representadas nesta comisión de seguimento poderá estar asistida polos técnicos/as que considere oportuno, logo da comunicación da súa designación previa ao desenvolvemento da reunión.

A Comisión de Seguimento será paritaria e estará presidida pola persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou a persoa en quen delegue.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2019