Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 7 de xullo de 2020 Páx. 26964

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2020 pola que se dá publicidade e se modifica a resolución definitiva da segunda convocatoria de 2019 de axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Galicia Emprende 2019.2).

Mediante a Resolución do 2 de abril de 2019 publicouse o Acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras das axudas para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG núm. 75, do 17 de abril de 2019), e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2019.

As ditas bases establecen no seu artigo 10.5 que a resolución será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web do Igape no enderezo www.tramita.igape.es, ao cal se remitirá desde o texto publicado no DOG.

Mediante a Resolución do director xeral do Igape, do 3 de abril de 2020, resolveuse definitivamente a segunda convocatoria de 2019 de axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (Galicia Emprende 2019.2).

Posto que a dita resolución definitiva se ditou o 3 de abril de 2020, tanto a resolución conxunta do procedemento coma os anexos relativos a cada expediente incluían o seguinte parágrafo sobre a suspensión de prazos debido ao estado de alarma:

«Ben que o/s prazo/s especificado/s nesta resolución, de conformidade co establecido na disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, quedan suspendidos ata que finalice a vixencia das medidas adoptadas.

Non obstante o anterior, durante este período de suspensión, sempre e cando o interesado manifeste de xeito expreso a súa conformidade, poderá presentar documentación de xeito telemático».

O 11 de maio de 2020 publicouse no DOG a Orde do 6 de maio de 2020, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, pola que acorda a continuación de determinados procedementos relativos á concesión de subvencións indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito desta consellería durante a vixencia do estado de alarma, entre os cales está este procedemento de axudas.

Por outra banda, o 23 de maio de 2020 publicouse no BOE o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se prorroga o estado de alarma declarado polo Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que no seu artigo 9 dispón o restablecemento do cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Polo tanto, procede a modificación da resolución definitiva da segunda convocatoria de 2019, procedemento IG107.2019.2, no sentido de eliminar o parágrafo sobre a suspensión de prazos, por non ter xa sentido nin efecto dadas as normas publicadas con posterioridade a que fose ditada.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Anunciar a publicación do texto completo da resolución definitiva do 3 de abril de 2020 da convocatoria 2019.2 das axudas do Igape para novos emprendedores, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas). O texto completo da resolución non se publica no DOG na súa integridade en virtude da cautela prevista no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Habilítase un prazo de dez (10) días naturais para que os interesados accedan á Oficina virtual do Igape, no enderezo www.tramita.igape.es (epígrafe «Consulta de resolucións definitivas» http://www.igape.es/gl/oficina-virtual/resolucions-definitivas), utilizando o seu NIF e o código IDE do expediente, para descargar o anexo relativo ao seu expediente (resolución individual). Transcorrido o dito prazo desde a posta á disposición da resolución individual sen que se acceda ao seu contido entenderase rexeitada.

As axudas desta convocatoria fináncianse no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do Feder do 80 %, e compútase como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible dos beneficiarios polo 20 % restante. En particular:

Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).

Prioridade de investimento 03.01: promoción do espírito empresarial, en particular facilitando o aproveitamento económico de novas ideas e impulsando a creación de novas empresas, tamén mediante viveiros de empresas.

Obxectivo específico 03.01.02: creación de novas empresas e viveiros de empresas, en particular mellorando o acceso ao financiamento e a servizos de apoio avanzados.

Actuación 3.1.2.1: incentivos aos investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha e outros gastos iniciais para novas persoas emprendedoras ou empresas de recente creación.

Campo de intervención 067: desenvolvemento empresarial das pemes, apoio ao espírito de empresa e a incubación (incluído o apoio a empresas incipientes e empresas derivadas).

Liña de actuación 50: servizos a persoas emprendedoras e apoio financeiro para investimentos en activos tanxibles e intanxibles, aprovisionamentos para a posta en marcha para novos emprendedores ou empresas de recente creación.

O que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

A concesión desta axuda supón a aceptación do beneficiario a ser incluído na lista pública de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013. Así mesmo, o beneficiario deberá cumprir os requisitos de publicación e comunicación en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2 do dito Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Segundo. Modificar a dita resolución definitiva eliminando o parágrafo relativo a suspensión de prazos incluído na resolución conxunta e en cada un dos anexos relativos a cada expediente, que queda sen efecto e que se terá por non posto. Esta modificación producirá os seus efectos e entenderanse aplicados automaticamente sen que sexa necesaria a modificación do texto do documento da resolución conxunta nin do anexo relativo ao expediente de cada titular.

Terceiro. Os anexos relativos a cada expediente (resolucións individuais), segundo o establecido no punto Primeiro, esgotan a vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao do acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso de dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido. Non obstante, previamente poderase interpoñer un recurso de reposición, ante a persoa titular da Dirección Xeral do Igape, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao do acceso á resolución individual, ou desde que se entenda rexeitada polo transcurso dez días naturais desde a súa posta á disposición sen que se accedese ao seu contido.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica