Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25402

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit), e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG623A).

No Diario Oficial de Galicia núm. 37, do 24 de febreiro de 2020, publicouse a Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

No parágrafo segundo do punto cuarto da resolución establecíase que o prazo de execución para a realización dos servizos de consultoría obxecto de apoio remataba na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e do 30 de xullo de 2021 para as solicitudes con accións que se realicen ata esa data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

No punto 1 do artigo 4 das beneficiarias establecíase:

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que o Reino Unido sexa un dos seus cinco principais mercados intracomunitarios de exportación.

b) Que exportasen ao Reino Unido máis de 100.000 € nos tres últimos exercicios.

c) Que o Reino Unido supoña un mínimo do 10 % da súa exportación intracomunitaria total.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada por COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo), dálle nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e a convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do devandito Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, pero dos que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os cales se atopa este procedemento de Cheque Brexit, e os aspectos relativos á modificación das bases reguladoras para ampliar os prazos de execución da actividade subvencionada e, se é o caso, de xustificación e comprobación desa execución.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se reinicia o cómputo dos prazos administrativos que tiveran sido suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

A actual situación socioeconómica para as empresas internacionalizadas ou que prevían iniciar ese proceso, vese agora radicalmente afectada polo efecto COVID-19. No caso das empresas con obxectivo no mercado de Reino Unido, a incerteza aínda é maior ao unirse a esta situación a xa existente pola complexidade económica derivada da saída británica da Unión Europea. Isto provoca un cambio nas expectativas empresariais que as empresas podían ter e fai necesario que se vaian adaptando a unha nova realidade que lles obriga en moitos casos a reformular a súa situación de cara a continuar ou frear o seu proceso de internacionalización. Polo que é de vital importancia en moitos casos para a continuación dos devanditos procesos a posibilidade de reformular iniciativas sen verse obrigados pola inmediatez dos prazos.

Así mesmo, tendo en conta que a situación e o impacto do Brexit non afecta por igual as empresas nin os sectores de actividade, debemos considerar a incidencia particularmente negativa que supón para empresas non exportadoras ao Reino Unido pero pertencentes a sectores en que a súa actividade no mercado británico é a de importar produto/materia prima para logo proceder en Galicia á súa transformación e/ou comercialización. Neste caso, as empresas galegas afectadas por esta situación veríanse excluídas da posibilidade de apoio por parte das presentes bases.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 18 de maio de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) co obxecto de ampliar o prazo de execución dos proxectos para permitirlles ás empresas centrar os seus plans de actuación, así como emendar a necesidade de apoio aos sectores con relacións comerciais de importación co Reino Unido.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 4 de febreiro de 2020 pola que se da publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a redución do impacto Brexit nas empresas galegas con interese no mercado do Reino Unido (Cheque Brexit) e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva, no seguinte sentido:

O parágrafo segundo do punto cuarto da resolución queda redactado do seguinte xeito:

O prazo de execución para a realización dos servizos de consultoría obxecto de apoio iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións que se realicen ata esta data, e do 15 de novembro de 2021 para solicitudes con accións que se realicen ata esa data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro de 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

O punto 1 do artigo 4 queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 4.1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran algún dos seguintes requisitos:

a) Que o Reino Unido sexa un dos seus cinco principais mercados intracomunitarios de exportación/importación.

b) Que exportasen/importasen ao/do Reino Unido máis de 100.000 € nos tres últimos exercicios.

c) Que o Reino Unido supoña un mínimo do 10 % da súa exportación/importación intracomunitaria total.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica