Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 26 de xuño de 2020 Páx. 25427

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense

EDICTO (152/2019).

F02. Familia, garda, custodia alimentos fillo menor non matrimonial C 152/2019.

Procedemento de orixe: sobre alimentos provisionais.

Intervenientes, demandantes: Ministerio Fiscal, Johana del Carmen Fernández González.

Procuradora: Mónica Vázquez Blanco.

Avogado: Constantino Rodríguez González.

Demandado: Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez.

Edicto (152/2019)

Eu, Raquel Blanco Pérez, letrada da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, polo presente,

Anuncio:

Neste procedemento seguido por instancia de Johana del Carmen Fernández González, beneficiaria do dereito de asistencia xurídica gratuíta contra Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, ditouse a Sentenza do 11 de marzo de 2020, aclarada mediante Auto do 8 de xuño de 2020, cuxo teor literal é o seguinte:

Sentenza nº 345/2020

Xuíz que a dita: Luis Doval Pérez

Lugar: Ourense

Data: 11 de marzo de 2020

Luis Doval Pérez, maxistrado xuíz de reforzo do Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, viu estes autos sobre divorcio contencioso, promovidos por Johana del Carmen Fernández González, representada pola procuradora Mónica Vázquez Blanco e asistida polo letrado Constantino Rodríguez González, contra Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, en situación procesual de rebeldía, en que é parte o Ministerio Fiscal.

Resolvo:

Debo estimar e estimo a demanda interposta pola procuradora, Lucía Saco Rodríguez, e decreto a disolución por divorcio do matrimonio entre Johana del Carmen Fernández González e Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, con todos os efectos legais inherentes a tal declaración.

Acordo as seguintes medidas derivadas do divorcio:

1. Atribúeselle á nai, Johana del Carmen Fernández González, a garda e custodia do menor F. J. G. F., e a patria potestade é conxunta, sen establecer réxime de visitas a favor do pai non custodio.

2. Atribúeselle en exclusiva á nai a facultade para decidir sobre permisos e autorizacións relativas á escolarización do menor, así como para autorizar excursións, viaxes, etc., así como para a obtención de pasaporte, petición de axudas públicas e outros documentos ou trámites administrativos, sen necesidade de contar coa autorización do outro proxenitor.

3. Fíxase unha pensión de 75 € mensuais a cargo do pai, Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, que se ingresará dentro dos cinco primeiros días de cada mes na conta que designe para o efecto a nai, actualizable cada 1 de xaneiro conforme o IPC ou índice que o substitúa.

En canto aos gastos extraordinarios, distribuiranse en 50 %, entendendo e diferenciando entre os necesarios (aqueles gastos médicos e farmacéuticos non cubertos pola Seguridade Social e os derivados da educación dos seus fillos, como clases de apoio) e os non necesarios; nestes últimos deberá existir consenso para a súa realización e aboamento e, en caso de non existir, serán asumidos polo proxenitor que decida levalos a cabo.

Unha vez que sexa firme, inscríbase esta resolución no Rexistro Civil, na marxe da inscrición de matrimonio cuxa copia consta unida ás actuacións. Expídase para ese efecto o oportuno mandamento.

Non se efectúa expresa imposición de custas.

Notifíqueselles ás partes esta sentenza e fágaselles saber que non é firme e que contra ela cabe recurso de apelación, que deberán interpor ante este xulgado dentro dos vinte días seguintes ao da súa notificación, para a súa resolución pola Audiencia Provincial de Ourense, logo de consignación do depósito previsto na disposición adicional décimo quinta da Lei orgánica do poder xudicial (LOPX).

Así o pronuncio, mando e asino por esta miña sentenza.

Auto do tribunal en que se resolve a solicitude de aclaración dunha resolución xudicial

Maxistrado xuíz: Luis Doval Pérez

Ourense, 8 de xuño de 2020

Parte dispositiva

Acordo aclarar o erro material da Sentenza do 11 de marzo de 2020 ditada nos autos de familia, garda, custodia e alimentos de fillo non matrimonial número 152/2019, seguidos por instancia de Johana del Carmen Fernández González contra Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, suprimindo a disposición primeira da resolución pola que se decreta o divorcio das partes, así como as mencións ao divorcio e matrimonio das partes, contidas no encabezamento e fundamentos de dereito.

Todo isto mantendo integramente as medidas acordadas respecto do menor F. J. G. F.

Conforme o disposto no artigo 208.4 da Lei de axuizamento civil (LAC), indícase que contra esta resolución non cabe a interposición de ningún recurso, sen prexuízo do que se poida interpor contra a sentenza, e que o prazo se computará desde a súa notificación.

Mándao e asínao S.Sª Dou fe.

Ao encontrarse o dito demandado, Jesús Mateo Gutiérrez Gutiérrez, en paradoiro descoñecido, expídese este edicto co fin de que lle sirva de notificación en forma.

Ourense, 12 de xuño de 2020

A letrada da Administración de xustiza