Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Luns, 22 de xuño de 2020 Páx. 24867

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 11 de xuño de 2020 pola que se convoca un concurso público de méritos para cubrir unha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no Colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (Reino Unido).

A Constitución española establece que as comunidades autónomas poden asumir competencias no ensino da lingua de cada comunidade (artigo 148.17). A Comunidade Autónoma de Galicia fixo efectiva esta asunción e así, no seu Estatuto de autonomía (artigo 27.20), recoñece como competencia exclusiva a promoción e o ensino da lingua galega, competencia que exerce non só dentro do territorio galego, senón tamén con respecto aos cidadáns de Galicia que viven fóra da comunidade (artigo 21.1 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística).

Para lle dar cumprimento a esta finalidade, o 7 de outubro de 1999, asinouse un convenio de colaboración entre o Ministerio de Educación e Cultura e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia para a introdución dos estudos de lingua galega nos centros españois no estranxeiro.

Cómpre, polo tanto, promover o ensino da lingua, da literatura e da cultura galegas nos centros españois que, coma o Colexio Vicente Cañada Blanch de Londres, contan entre o seu alumnado con estudantes de orixe galega.

Na súa virtude, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ACORDA:

Artigo 1. Convocatoria

Convócase un concurso público de méritos para cubrir, en comisión de servizos, unha praza de profesor/a de lingua e literatura galegas no Colexio Vicente Cañada Blanch de Londres (Reino Unido).

A selección realizarase de conformidade cos principios de igualdade, publicidade, mérito e capacidade.

Artigo 2. Requisitos que debe reunir o persoal aspirante

2.1. Para participar neste concurso de méritos deberán reunirse os seguintes requisitos:

a) Ser persoal funcionario de carreira pertencente ao corpo de mestres que ademais conte coa licenciatura en filoloxía hispánica (subsección galego-portugués), filoloxía románica (subsección galaico-portuguesa) ou filoloxía galega, e mais os catedráticos, catedráticas, profesores e profesoras de ensino secundario de lingua e literatura galegas.

b) Ter unha antigüidade de polo menos dous anos como persoal funcionario na función pública docente.

c) Ter impartido docencia directa como persoal funcionario durante un período de polo menos dous anos, e ter impartido durante eses dous anos a materia de lingua e literatura galegas.

d) Estar en situación de servizo activo e estar prestando servizos nun centro educativo ou organismo dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

No suposto de estar nunha situación administrativa distinta da de servizo activo, poderán presentarse tamén os que reúnan os requisitos relacionados nas alíneas a), b) e c) anteriores, sempre que o último centro en que se prestou servizos sexa dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e se reúnan os requisitos para reingresar con efectividade do 1 de xullo de 2020.

2.2. Todos os requisitos enumerados anteriormente deberán posuírse e ser acreditados na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 3. Solicitudes e documentación

3.1. Para as solicitudes utilizarase o modelo de formulario que figura no anexo I.

3.2. Coa solicitude (anexo I) deberase achegar a seguinte documentación:

a) Proxecto de traballo sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes ao posto que se solicita, para o cal se terán en conta as características deste, cunha extensión máxima de 20 folios DIN A4, nun tipo de letra: Times New Roman, tamaño de letra: 12, espazo entre liñas: 1,5, redactado en galego de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego, fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG núm. 84, do 14 de xullo).

b) Documentación acreditativa dos méritos académicos e profesionais alegados en relación co baremo que se publica como anexo II a esta orde, agás aqueles que xa consten na base de datos de persoal.

c) Folla de autobaremación segundo o modelo do anexo III.

3.4. A solicitude e a documentación dirixírase ao Servizo de Profesorado de Educación Secundaria, Formación Profesional e Réxime Especial; Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e poderá presentarse:

a) No Rexistro Xeral da Xunta de Galicia.

b) Nos rexistros das xefaturas territoriais da Xunta de Galicia.

c) En calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3.5. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles computados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3.6. Requirimento para emendas.

Agás a presentación do proxecto de traballo, se a restante documentación achegada non reunise os requisitos exixidos na presente orde, a Comisión de selección requirirá a persoa interesada para que emende a falta ou xunte os documentos preceptivos no prazo de 10 días hábiles desde a súa notificación e coa indicación de que, se así non o fixer, non lle serán tidos en conta ou, de ser o caso, realizarase a declaración de desistencia.

Artigo 4. Comisión de selección

4.1. A selección dos/das aspirantes será realizada por unha comisión integrada polos seguintes membros:

Presidente:

Director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, ou persoa en que delegue.

Vogais:

Subdirectora xeral de Promoción Exterior Educativa do Ministerio de Educación e Formación Profesional, ou persoa en que delegue.

Subdirectora xeral de Política Lingüística, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou persoa en que delegue.

Subdirector xeral de Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, ou persoa en que delegue.

Secretario/a: unha funcionaria ou funcionario da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que actuará con voz e sen voto.

4.2. A Comisión de selección poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de persoas expertas, que se limitarán a prestar a súa colaboración.

4.3. A comisión poderá dispor a constitución de subcomisións técnicas para colaborar na valoración daqueles méritos que coide pertinentes. Neste sentido, para a valoración dos números 1, 2, 3.1 do baremo establecido no anexo II, a Comisión de selección poderá delegar esta función nunha subcomisión formada por persoal funcionario da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

4.4. Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente Non Universitaria poderá nomear unha persoa representante, con voz e sen voto, para asistir ás sesións da comisión.

4.5. Logo de seren baremadas as solicitudes e a documentación achegada, os resultados provisionais serán publicados nos seguintes enderezos electrónicos http://www.edu.xunta.es e http:// www.xunta.es/linguagalega, e sinalarase a relación de persoal excluído e a causa da súa exclusión provisional. Contra esta resolución provisional poderanse presentar as reclamacións que procedan, no prazo de cinco días hábiles desde a súa publicación. As reclamacións entenderanse contestadas mediante a publicación da resolución definitiva.

Todo o persoal aspirante que obteña unha puntuación mínima de 3 puntos no proxecto poderá ser convocado pola Comisión de selección á realización dunha entrevista para apreciar as circunstancias que concorren nel, entrevista que versará sobre o proxecto.

4.6. Os membros da comisión e, de ser o caso, das subcomisións absteranse de intervir se se desen as circunstancias sinaladas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Así mesmo, o persoal aspirante poderá recusar os membros do tribunal cando concorran as circunstancias previstas no parágrafo anterior, de acordo co artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

A comisión non proporá o persoal aspirante que non acade unha puntuación mínima de 3 puntos no proxecto e de 2,5 puntos na entrevista, no caso de que teña lugar.

Será seleccionada a persoa aspirante que, ademais de obter as puntuacións mínimas sinaladas, acade a maior puntuación no total dos puntos recollidos no baremo establecido no anexo II.

No caso de se produciren empates no total das puntuacións outorgadas, estes resolveranse atendendo, sucesivamente e por esta orde, á maior puntuación nos puntos 1, 3 e 2.

Unha vez realizado todo o proceso anterior, a Comisión de selección proporá á persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a adxudicación da praza, quen resolverá.

O contido da dita resolución comunicaráselle ao ministerio con competencias en materia de educación.

Artigo 5. Resolución da convocatoria

A resolución da convocatoria será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia e por ela entenderanse notificadas, para todos os efectos, as persoas concursantes afectadas.

O prazo máximo para notificar a resolución deste procedemento será de 4 meses, contados desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes entenderanse rexeitadas de non resolverse a convocatoria no prazo anteriormente sinalado.

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 6. Desenvolvemento do posto

6.1. O profesor ou a profesora seleccionado/a deberá ensinar a materia de lingua e literatura galegas en todos os niveis educativos que se impartan no Colexio Vicente Cañada Blanch, contidos que deberá interrelacionar coa realidade sociocultural de Galicia e da comunidade galega en Londres. No caso de que non se poida cubrir totalmente o seu horario lectivo coa dita materia, deberá completalo con outras afíns. Ademais, seranlle aplicables as normas xerais para profesores españois no estranxeiro, así como as específicas de funcionamento do Claustro do centro (base 5ª do convenio).

6.2. A persoa seleccionada será nomeada en comisión de servizos para o curso académico 2020/21. O nomeamento poderá ser renovado, ano por ano académico e ata un máximo de cinco, sempre que conte cos informes favorables da consellería competente en materia de Educación da Xunta de Galicia e do ministerio con competencias en materia de educación por parte da Administración central.

Artigo 7. Retribucións

O profesor ou a profesora seleccionado/a recibirá as súas retribucións como funcionario/a da consellería con competencias en materia de educación da Xunta de Galicia e percibirá tamén do ministerio con competencias en materia de educación o complemento de estranxeiría establecido na base 4ª do convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e a Administración estatal. Calquera outro concepto (viaxes, desprazamentos, residencia, etc.) será pola súa conta.

Disposición adicional única. Información básica sobre a protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicacións institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Facúltase a comisión constituída ao abeiro da base 8ª do antedito convenio para ditar as resolucións necesarias e tomar as medidas necesarias para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file

ANEXO II

Baremo para a valoración de méritos

Méritos

Puntos

Documentación xustificativa

1. Traballo desenvolvido (máximo 5 puntos). Baremación de oficio desta epígrafe agás no caso de non ter actualizado o seu expediente persoal, caso en que deberá achegar a documentación xustificativa que se indica.

1.1. Por cada ano de servizo como funcionario/a de carreira. Para estes efectos computaranse os servizos docentes recoñecidos conforme a Lei 70/1978 e non se computarán os exixidos como requisito.

Para estes efectos serán computados os servizos que se prestasen na situación de servizos especiais, expresamente declarados como tales nos puntos previstos no artigo 87 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, así como as situacións de idéntica natureza establecidas por disposicións anteriores á citada lei. Tamén se computará, para estes efectos, o tempo de excedencia por coidado de familiares declarada de acordo co artigo 89.4 da citada Lei 7/2007.

0,50 puntos

Certificación ou folla de servizos expedida pola xefatura territorial correspondente ou copia simple do título administrativo coas dilixencias das distintas posesións e cesamentos que tivese desde o seu nomeamento como funcionaria ou funcionario ou, se é o caso, dos correspondentes documentos de inscrición nos rexistros de persoal.

2. Méritos académicos: (máximo 2 puntos). Baremación de oficio desta epígrafe agás no caso de non ter actualizado o seu expediente persoal, caso en que deberá achegar a documentación xustificativa que se indica.

Valoraranse as titulacións distintas ás exixidas para poder participar na presente convocatoria.

Para os efectos da súa valoración por esta epígrafe, unicamente se terán en conta os títulos con validez oficial no Estado español.

2.1. Por cada título de doutor:

1 punto

Copia simple do título ou certificación do aboamento dos dereitos de expedición, de acordo co previsto no Real decreto 1002/2010, do 5 de agosto (BOE do 6 de agosto).

2.2. Por cada título de licenciado, enxeñeiro ou arquitecto distinto do alegado para ingreso no corpo:

0,50 puntos

2.3. Polo certificado-diploma de estudos avanzados:

0,50 puntos

2.4. Titulacións de primeiro ciclo: pola segunda diplomatura ou os 3 primeiros cursos dunha licenciatura:

0,25 puntos

2.5. Título de grao:

0,50 puntos

3. Formación e perfeccionamento: máximo 6 puntos. Baremación de oficio desta epígrafe agás no caso de non ter actualizado o seu expediente persoal, caso en que deberá achegar a documentación xustificativa que se indica.

3.1. Por cursos superados ou impartidos en materia educativa, relacionados tanto con aspectos científicos coma didácticos, organizados polas administracións educativas que se atopen en pleno exercicio das súas competencias en materia educativa, por institucións sen ánimo de lucro que fosen homologadas polas administracións citadas, así como os organizados polas universidades.

Ata
2 puntos

Certificado deles en que conste de modo expreso o número de horas de duración do curso.

No caso dos organizados polas institucións sen ánimo de lucro, deberá acreditarse de forma que faga fe o recoñecemento ou a homologación.

3.2. Por actividades de formación específica superadas, directamente relacionadas coas especialidades de lingua galega e inglesa.

Ata
3 puntos

4. Publicacións, proxectos, innovacións técnicas: máximo 3 puntos

4.1. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, de carácter xeral.

Puntuación específica asignable aos méritos baremables por esta epígrafe:

a) Libros nos seus distintos formatos (papel ou electrónico):

– Autor/a: ata 30 puntos

– Coautor/a: ata 0,20 puntos

– Tres ou máis autores: ata 0,10 puntos

Ata 1 punto

– No caso de libros, a seguinte documentación:

• Os exemplares correspondentes ou copias simples.

• Certificación da editorial onde conste o título do libro, autores/as, ISBN, depósito legal e data da primeira edición, o número de exemplares e que a difusión destes foi en librarías comerciais.

En relación cos libros editados por administracións públicas e universidades (públicas-privadas) que non se difundiron en librarías comerciais, ademais dos datos anteriores, na certificación debe constar o título do libro, autores/as, data da primeira edición, o número de exemplares, os centros de difusión (centros educativos, centros de profesores, institucións culturais, etc.).

Nos supostos en que a editorial ou asociación desaparecesen, os datos requiridos nesta certificación deberán xustificarse por calquera medio de proba admisible en dereito.

– No caso de revistas, a seguinte documentación:

• Os exemplares correspondentes ou copias simples.

• Certificación en que conste o número de exemplares, lugares de distribución e venda, ou asociación científica ou didáctica, legalmente constituída, a que pertence a revista, título da publicación, autores/as/ISSN ou ISMN, depósito legal e data de edición.

En relación coas revistas editadas por administracións públicas e universidades (públicas-privadas), que non se difundiron en establecementos comerciais, na certificación debe constar o título da revista, autores/as, data da primeira edición, o número de exemplares, os centros de difusión (centros educativos, centros de profesores, institucións culturais, etc.). No caso de publicacións que soamente se dan en formato electrónico, presentarase un informe no cal o organismo emisor certificará que a publicación aparece na correspondente base de datos bibliográfica. Neste documento indicarase a base de datos, o título da publicación, os/as autores/as, o ano e a URL. Ademais, presentarase un exemplar impreso.

4.2. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, relacionadas coa praza que se solicita.

Puntuación específica asignable aos méritos baremables por esta epígrafe:

a) Libros nos seus distintos formatos (papel ou electrónico):

– Autor: ata 0,50 puntos

– Coautor: ata 0,30 puntos

– Tres ou máis autores: ata 0,20 puntos

b) Revistas nos seus distintos formatos (papel ou electrónico):

– Autor: ata 0,40 puntos

– Coautor: ata 0,20 puntos

– Tres ou máis autores: ata 0,10 puntos

Aquelas publicacións que, obrigadas a consignar o ISBN en virtude do disposto polo Decreto 2984/1972, do 2 de novembro, modificado polo Real decreto 2063/2008, do 12 de decembro, ou, se é o caso, ISSN ou ISMN, carezan del, non serán valoradas, así como aquelas en que o autor ou autora sexa quen o edite.

Para a valoración destas publicacións deberanse presentar os documentos xustificativos indicados nestas subepígrafes, coas exixencias que así se indican.

Ata
2 puntos

5. Proxecto de traballo.

O proxecto de traballo deberá conter os obxectivos, a planificación xeral, actividades, xustificación e definición a que corresponde a praza que se solicita.

(Puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 3  puntos).

Ata
6 puntos

Orixinal, cunha extensión máxima de 20 folios DIN A4, nun tipo de letra: Times New Roman, tamaño de letra: 12, espazo entre liñas: 1,5

6. Entrevista sobre o proxecto presentado (puntuación mínima exixida por esta epígrafe: 2,5  puntos).

Ata
5 puntos

7. Pola acreditación do coñecemento da lingua inglesa, consonte a acreditación oficial do nivel de competencia segundo o MECRL (Marco común europeo de referencia para as linguas).

Para a acreditación desta competencia lingüística terase en conta o anexo á Orde do 18 de febreiro de 2011 pola que se establece o procedemento de acreditación de competencia en idiomas do profesorado para impartir nunha lingua estranxeira áreas, materias ou módulos non lingüísticos nos centros docentes públicos dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG núm. 80, do 26 de abril), modificado pola Orde do 21 de xuño de 2016 (DOG núm.128, do 7 de xullo). Só se valorará o título de maior puntuación. Puntuación específica asignable aos méritos baremables por esta epígrafe:

A2: 0,50 puntos

B1: 1 punto

B2: 2 puntos

C1: 3 puntos

C2: 4 puntos

Ata
4 puntos

Copia simple da certificación/título que se posúa.

ANEXO III

DATOS DA PERSOA SOLICITANTE

NOME E APELIDOS

DNI

NRP

CONCEPTO

PUNTUACIÓNS PARCIAIS

TOTAL

1. ANTIGÜIDADE (máximo 5 puntos)

2. MÉRITOS ACÁDEMICOS (máximo 2 puntos)

2.1. Polo título de doutoramento

2.2. Titulacións de segundo ciclo

2.3. Certificación de suficiencia investigadora ou diploma de estudos avanzados

2.4. Titulacións de primeiro ciclo

2.5. Título de grao

3. FORMACIÓN E PERFECCIONAMENTO (máximo 6 puntos)

3.1. Por cursos superados ou impartidos en materia educativa, relacionados tanto con aspectos científicos coma didácticos

3.2. Por actividades de formación específica superadas directamente relacionadas coas especialidades de lingua galega e inglesa

4. PUBLICACIÓNS, PROXECTOS, INNOVACIÓNS TÉCNICAS (máximo 3 puntos)

4.1. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, de carácter xeral

4.2. Por publicacións de carácter didáctico ou científico, proxectos e innovacións técnicas, relacionadas coa praza que se solicita

7. COÑECEMENTO DE LINGUA INGLESA (máximo 4 puntos)

SINATURA DA PERSOA SOLICITANTE OU DO SEU REPRESENTANTE

Lugar e data

,

de

de