Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Xoves, 18 de xuño de 2020 Páx. 24270

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se modifica a Resolución do 19 de febreiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG414A).

No DOG núm. 42, do 3 de marzo de 2020, publicouse a Resolución do 19 de febreiro de 2020 pola que se lle deu publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aprobou as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procedeu á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

De conformidade co punto 2 do artigo 4 un dos requisitos dos solicitantes era posuír a nacionalidade española e ter nacido en Galicia, ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia con dous anos de antigüidade na data de publicación destas bases.

No artigo 10, punto 2, letra e), establecíase como un dos criterios do baremo das solicitudes a formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (artigo 4.3), o máster en comercio exterior non puntúa por ser condición necesaria. Polo que se refire a esta formación pode exixirse por parte do Igape información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...).

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo), dálle nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións cuxas bases e convocatoria se tivesen aprobado e publicado no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, pero que non se tivese ditado a resolución de concesión, entre os que se atopa o Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se continúa, ou se reinicia, o cómputo dos prazos administrativos que fosen suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

A actual situación socioeconómica a nivel internacional está a verse afectada pola influencia do COVID-19, que obrigou a tomar medidas de restrición na entrada aos países, non só ás mercadorías, senón tamén ás persoas. Todo isto provoca unha situación de incerteza en canto ao tempo e condicións en que se van manter as ditas restricións. Desde a perspectiva dos recentemente licenciados/graduados e potencialmente beneficiarios das bolsas de internacionalización, a incerteza aínda é maior, polo que o nivel de solicitudes se ve reducido drasticamente.

Unha forma de contrarrestar esta situación é a posibilidade de incluír formacións complementarias en comercio exterior que lles permitirán ser candidatos ás ditas bolsas.

Así mesmo, neste sentido, é conveniente reducir o requisito de antigüidade no empadroamento do candidato, coa finalidade de favorecer a incorporación de emigrantes retornados a Galicia, que igualmente contribúe a ampliar o universo de posibles candidatos.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do 18 de maio de 2020, acordou a modificación das bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial.

Por todo o anterior, de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Artigo 1

Modificar a Resolución do 19 de febreiro de 2020 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do Programa de adquisición de competencias profesionais en materia de internacionalización empresarial, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva, no seguinte sentido:

O punto 2 do artigo 4, de requisitos dos solicitantes, queda redactado do seguinte xeito:

«2. Posuír a nacionalidade española e ter nacido en Galicia, ser nacido en Galicia e estar nacionalizado nun Estado membro da Unión Europea, ou estar empadroado nun municipio da Comunidade Autónoma de Galicia cun ano de antigüidade na data de presentación de solicitude de axuda».

A letra e) do punto 2 do artigo 10, de instrución do procedemento, queda redactada como segue:

«2. O comité de selección realizará unha lista provisional segundo a puntuación obtida conforme o seguinte baremo:

e) Formación específica de posgrao en comercio exterior (máximo 30 puntos nesta epígrafe). Obterá 5 puntos por curso completo de 140 a 299 horas (entre 14 e 29,9 créditos); 15 puntos por curso completo de 300 horas ou máis (30 ou máis créditos); 30 puntos por máster. No caso de titulacións universitarias non preferentes (artigo 4.3), a formación en comercio exterior non puntúa por ser condición necesaria.

Polo que se refire a esta formación, el Igape pode exixir información adicional para a súa acreditación (información da entidade que impartiu a formación, temario curso, formadores...)».

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica