Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24192

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 11 de xuño de 2020 pola que se amplía o prazo de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 19 de xullo de 2018 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Mediante a Resolución do 19 de xullo de 2018 publicouse o acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica que aprobou as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e procedeuse á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (DOG núm. 148, do 3 de agosto).

Nesta resolución establecíase que o prazo de execución dos proxectos non poderá superar o 15 de outubro de 2019 e que as pemes beneficiarias deberán presentar a solicitude de cobramento, como máximo, o 31 de outubro de 2019. Así mesmo, no parágrafo terceiro do resolvo cuarto establécese que os organismos intermedios deberán presentar a solicitude de cobramento da parte variable do premio, como máximo, o 31 de outubro de 2019.

Esta resolución foi modificada por Resolución do 28 de xuño de 2019 (DOG núm. 30, do 10 de xullo), onde se estableceron os finais de prazo de execución e de solicitude de cobramento nos días 31 de marzo de 2020 e 15 de abril de 2020, respectivamente.

O día 14 de marzo de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado e entrou en vigor o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada por COVID-19. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decretábase a suspensión de prazos administrativos. O Decreto 465/2020, do 17 de marzo (BOE núm. 73, do 18 de marzo), dálle nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira e establece que as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O día 23 de maio de 2020 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 537/2020, do 22 de maio, polo que se reinicia o cómputo dos prazos administrativos que tiveran sido suspendidos en virtude do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, con efectos desde o 1 de xuño de 2020.

Os efectos da crise COVID-19 sobre os proxectos de subvención en que se trata de adquirir tecnoloxía e poñela en funcionamento obsérvanse xa desde primeiros de 2020, dada a dificultade de adquisición e expedición de determinados bens que proveñen de Asia. Máis tarde, durante o período de alarma, estas dificultades agraváronse pola parada forzosa da maioría de sectores e polo forzado axuste temporal do seu persoal e a necesidade de adoptar procedementos de urxencia. Unha vez reiniciados os prazos administrativos con data do 1 de xuño, e tendo en conta que as empresas aínda non retomaron a súa actividade normal, élles imposible ou moi dificultoso finalizar a execución de proxectos obxecto de subvención.

Neste contexto, o Igape considera que se deben estender os prazos de execución tanto coma sexa posible dentro da normativa aplicable.

Por todo o anterior, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1

Fixar no 7 de agosto de 2020 a data límite para a execución dos proxectos establecida no parágrafo segundo do resolvo cuarto da Resolución do 19 de xullo de 2018 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos premios e axudas aos proxectos piloto Industria 4.0 (III Piloto Industria 4.0 2018) en Galicia, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2

Fixar no 21 de agosto de 2020 a data límite para presentar a solicitude de cobramento, tanto para as pemes beneficiarias como para os organismos intermedios, establecida nos parágrafos segundo e terceiro do resolvo cuarto da devandita resolución.

Artigo 3

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica