Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 17 de xuño de 2020 Páx. 24184

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 9 de xuño de 2020 pola que se aproba e se dá publicidade do modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (código de procedemento IG300D).

O título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, introducido pola Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, regula os requisitos e o procedemento para a declaración das iniciativas empresariais prioritarias e os efectos vinculados a esa declaración.

O artigo 43 establece que o procedemento de declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria se iniciará por solicitude da persoa interesada dirixida ao Instituto Galego de Promoción Económica, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos consonte o previsto no artigo anterior.

Co obxecto de dar cobertura ao dito procedemento e garantir a súa tramitación de forma fiable e áxil, cómpre aprobar e publicar o modelo de solicitude e a súa tramitación electrónica por parte das empresas interesadas.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento administrativo IG300D), para a súa tramitación por medios electrónicos, para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. Requisitos dos solicitantes

Poderán presentar a solicitude as persoas interesadas que presenten proxectos que cumpran os seguintes requisitos establecidos no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:

1. Deberán achegar á Comunidade Autónoma de Galicia un valor engadido nas áreas de innovación, vertebración territorial, competitividade, internacionalización, protección ambiental, igualdade no ámbito laboral ou conciliación.

2. Deberán cumprir, polo menos, dous dos seguintes requisitos en materia de investimento e creación de emprego:

a) Que supoñan a xeración de vinte e cinco ou máis postos de traballo directo baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa.

b) Que impliquen a realización dun investimento en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, por importe igual ou superior a un millón de euros (1.000.000 €).

c) Que sexan proxectos tractores ou que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos.

Terceiro. Forma e prazo de presentación da solicitude e documentación complementaria

1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria.

Neste formulario inclúense os compromisos da persoa interesada de implantar e manter o proxecto durante un período mínimo de 5 anos desde o inicio da actividade económica ou a ampliación da existente.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de modo obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarse que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.

2. No caso de presentala de maneira presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.

4. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto durante a vixencia da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

5. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:

1º. Informe detallado da iniciativa proxectada, que deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:

a) Acreditación do valor engadido nas áreas de innovación, vertebración territorial, competitividade, internacionalización, protección ambiental, igualdade no ámbito laboral ou conciliación que achegará a iniciativa á Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditación do cumprimento de, polo menos, dous dos seguintes parámetros:

a. Compromiso de creación de vinte e cinco ou máis postos de traballo directos baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa.

b. Descrición detallada do investimento en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, por importe igual ou superior a un millón de euros (1.000.000 €).

c. Xustificación da súa consideración como proxecto tractor ou que complementa cadeas de valor ou que pertence a un sector considerado estratéxico.

c) Temporalización do proxecto.

2º. Documentación acreditativa das medidas que se instaurarán.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

6. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.

Cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/ NIE da persoa solicitante.

b) DNI/ NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e presentar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Quinto. Notificacións

As notificacións dos actos administrativos do procedemento practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Os solicitantes deberán acceder á páxina web do Igape no enlace tramitación electrónica para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción electrónico).

Sexto. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais obtidos neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos basease no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas e reflectirase esta circunstancia no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Sétimo. Actualización de modelos normalizados

O modelo normalizado aplicable na tramitación do procedemento regulado na presente resolución poderá ser modificado co obxecto de mantelo actualizado e adaptado á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación deste modelo adaptado ou actualizado no enderezo http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, onde estará permanentemente accesible para todas as persoas interesadas.

Oitavo. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2020

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

missing image file
missing image file