Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Luns, 15 de xuño de 2020 Páx. 23760

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO da aprobación definitiva do estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións na rúa da Ponte Muíños, en Lourizán.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar o 18 de maio de 2020, adoptou, entre outros, o seguinte acordo:

«(...) Primeiro. Prestar aprobación definitiva ao estudo de detalle para o reaxuste de aliñacións previstas no plano O.16-5 do vixente PXOU para o segundo treito da rúa da Ponte Muíños, na parroquia de Santo André de Lourizán, formulado, por iniciativa particular, pola entidade mercantil Inmobiliaria Ponteno, S.L., instrumento urbanístico redactado polo arquitecto Amador Rey Camiño, datado en xuño de 2019, que tivo entrada no Rexistro Xeral do Concello o 19 de xuño de 2019, baixo o número 2019025575 e ao cal se incorpora, ao situarse o seu ámbito nas zonas de servidumes aeronáuticas correspondentes ao aeroporto de Peinador e como parte integrante deste, o informe emitido pola Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do 17 de xaneiro de 2020 (csv Z1HTZ9HDV79P7Q0K), que inclúe, no seu anexo 1, un plano –que se incorpora aos planos normativos do estudo de detalle e que será dilixenciado xunto coa restante documentación obxecto de aprobación definitiva– no cal se representan as liñas de nivel das superficies limitadoras das referidas servidumes e que determinan as alturas (respecto do nivel do mar) que non deberá superar ningunha construción, incluídos todos os seus elementos (postes, antenas, carteis, etc.).

Segundo. Dispor a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva do estudo de detalle no Diario Oficial de Galicia, con indicación expresa de que o seu contido íntegro estará á disposición do público na sede electrónica do Concello de Pontevedra www.sede.pontevedra.gal.

Unha vez publicado o anuncio no DOG, o instrumento de planeamento aprobado será inscrito no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, por petición deste concello, para o cal se remitirá un exemplar en soporte dixital, debidamente dilixenciado pola Secretaría do Pleno.

Ademais de no DOG e na sede electrónica, o acordo será obxecto de publicación, xunto co índice da documentos e planos –incluído o plano das servidumes aeronáuticas–, unha vez recibido o certificado de inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra, para lograr a súa eficacia e executividade.

Terceiro. Notificar este acordo individualmente, con ofrecemento dos recursos procedentes, á entidade promotora e a todas aquelas persoas que figuren como interesadas ou constituídas en parte no expediente, con comunicación expresa á Subdirección Xeral de Aeroportos e Navegación Aérea da Dirección Xeral de Aviación Civil do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. (...)».

O que se fai público para a súa executividade, significándose que contra o acto de aprobación definitiva do estudo de detalle, que pon fin á vía administrativa, poderá interpor directamente, quen se considere lexitimado, recurso contencioso-administrativo, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, consonte o establecido nos artigos 10.1 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Todo isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Así mesmo, infórmase de que nestas datas xa está publicado na sede electrónica do Concello de Pontevedra (ligazón exacta na actualidade: (http://www.pontevedra.gal/areas/urbanismo-e-territorio/planeamento-urbanistico/planeamento-de-desenvolvemento/) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno do Concello de Pontevedra, en cumprimento do disposto na Lei 19/2013, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

Pontevedra, 22 de maio de 2020

Miguel Anxo Fernández Lores
Alcalde