Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Venres, 12 de xuño de 2020 Páx. 23214

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 3 de xuño de 2020 pola que se publica a terceira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de abril e do 28 de novembro de 2019 asináronse, respectivamente, a primeira e a segunda addenda ao convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

O devandito convenio asinouse o 9 de agosto de 2018 e publicouse no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018.

De conformidade coa cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas

RESOLVO:

Publicar a terceira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias asinada o 28 de maio de 2020, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO

Terceira addenda ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural, que actúa por conta e en representación da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 99/2018, do 26 de setembro (DOG nº 185, do 27 de setembro de 2018), en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), Pablo Arbones Maciñeira, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

Pola Federación Galega de Municipios e Provincias, o seu presidente, Alberto Varela Paz, que actúa en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confire o artigo 46.1º.b) dos seus estatutos.

Todas as persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

Expoñen:

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios, e de xeito máis concreto a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 22 e 23 da citada lei, e que contan para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de conformidade co establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O día 9 de agosto de 2018, a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga asinaron un convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, publicado no DOG núm. 156, do 17 de agosto de 2018, co obxecto de instrumentar a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga, e a Fegamp, cos concellos que voluntariamente se adhiran, na xestión da prevención de incendios nas denominadas faixas secundarias de xestión da biomasa, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas da interface urbana garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

Como recorda a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, unha das áreas máis sensibles para a prevención dos incendios é da interface urbano-forestal, isto é, aquelas áreas que abarcan o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. Neste contexto, e a través do citado convenio, canalízase a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer tarefas de claro interese público como é a de xestionar a biomasa vexetal con alto potencial combustible, especialmente nos terreos forestais que estean preto dos núcleos de poboación, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas, así como, en caso de incumprimento destas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administracións públicas.

Co obxecto de reforzar o apoio da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia na realización das accións que corresponden aos concellos, o convenio modificouse a través dunha primeira addenda asinada o 15 de abril de 2019 e publicada no DOG núm. 90, do 13 de maio.

O 28 de novembro de 2019 asinouse unha segunda addenda (publicada no DOG núm. 6, do 10 de xaneiro de 2020) para facilitar a aplicación de determinadas cláusulas do convenio, que supuxo, entre outras modificacións, o desenvolvemento dunha nova ferramenta en mobilidade, inclusión da posibilidade de que os concellos adheridos poidan realizar execucións subsidiarias ata un máximo de 5 hectáreas con cargo ao convenio, simplificación de trámites administrativos para a aplicación dos ingresos que se perciban da venda das especies arbóreas incluídas nas execucións subsidiarias, e incorporación dunha cláusula en materia de protección de datos.

A través desta nova addenda modifícanse varias cláusulas do convenio coa finalidade de incrementar as actuacións no territorio e de atender ás necesidades derivadas da posta en marcha das iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas. Tamén se incorporan dúas novas cláusulas, unha para engadir o labor de apoio do Instituto de Estudos do Territorio no desenvolvemento dos traballos relacionados coas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa para a prevención de incendios a través da sinatura do correspondente acordo de colaboración, e a outra para incluír outras actuacións de colaboración dentro do sistema público de xestión da biomasa.

En concreto, comprende as seguintes modificacións:

1. Engádese unha nova cláusula quinta ter que establece a necesidade de subscribir un acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, por ser preciso un labor de apoio por parte do Instituto de Estudos do Territorio dependente desta última, no desenvolvemento das actuacións tendentes a dotar os concellos de plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais.

2. Amplíase o máximo de 5 a 10 hectáreas por anualidade nas cales os concellos adheridos poden realizar execucións subsidiarias con cargo ao convenio. Neste sentido, modifícase a cláusula sétima, número 2, letra c).

Esta ampliación respectará, en todo caso, a dispoñibilidade orzamentaria, e vén motivada pola necesaria adecuación ás necesidades reais de actuación trasladadas polos concellos adheridos que xa realizaron actuacións significativas en materia de notificación dos incumprimentos na xestión da biomasa e nas tarefas de inspección de parcelas.

3. Engádese unha nova letra e) no número 2 da cláusula sétima para incluír, dentro das actuacións comprendidas no convenio para os concellos adheridos, a realización material de actuacións de xestión da biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, de conformidade co establecido no artigo 12 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

Estas actuacións estarán orientadas a reducir situacións obxectivas de grave risco para as persoas ou os bens nos casos de incumprimento por parte das persoas responsables das súas obrigas de xestión de biomasa vexetal.

4. Increméntase o importe que pode destinarse a cada anualidade do orzamento previsto no convenio para a execución de iniciativas de mobilización de terras e das iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa, que pasa de 1.250.000 € a 1.500.000 €, para o cal se modifica a cláusula novena.

Este incremento responde á previsión de incremento no número de iniciativas ao flexibilizar os requisitos que deben cumprir as zonas de actuación para a execución daquelas.

5. Modifícase a cláusula novena co fin de aclarar os requisitos que deben cumprir as zonas de actuación para a execución das iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias, segundo que os titulares dos dereitos de aproveitamentos sexan coñecidos ou non.

6. Dáse unha nova redacción á cláusula novena bis, relativa ás iniciativas estratéxicas introducidas na segunda addenda ao convenio, para establecer as condicións e requisitos que deben cumprirse para a súa posta en marcha.

7. Engádese unha nova cláusula novena ter que ten como finalidade establecer unha nova actuación dentro do sistema público de xestión de biomasa e así poder reforzar a prevención de incendios e garantir unha adecuada xestión da biomasa. Para tales efectos establécese a posibilidade de adquirir equipamento necesario para actuar sobre a biomasa, infraestruturas preventivas ou apoio á intendencia en situacións de incendio forestal.

Segundo o establecido na cláusula décimo terceira, as modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Por todo isto, en base no exposto, e de conformidade co establecido nesta cláusula, as partes acordan asinar a presente addenda de acordo coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Engádese unha nova cláusula quinta ter, que queda redactada como segue:

Quinta ter. Acordo de colaboración para subscribir entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a realización dun labor de apoio por parte do Instituto de Estudos do Territorio

Co obxecto da levar a cabo o desenvolvemento das actuacións tendentes a dotar os concellos cos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais é preciso un labor de apoio articulado a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e, dado que as devanditas actuacións supoñen unha necesidade de reforzo dos seus recursos humanos para a súa execución, requírese a sinatura do correspondente acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. A colaboración ou cooperación consistirá na participación conxunta e efectiva no desenvolvemento da actividade común, mediante achegas de traballos de organización, medios persoais e materiais.

O IET levará a cabo as seguintes actuacións en relación coas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa:

1. A realización dos traballos de análise da información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de información necesaria para a xeración das faixas secundarias.

2. A xestión das referencias catastrais afectadas polas faixas secundarias de xestión de biomasa así como os datos básicos de superficies, coa finalidade de xerar os mapas dos concellos coas súas faixas secundarias de xestión de biomasa e as súas referencias catastrais para incorporar como documentación gráfica aos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais.

3. Facilitar e coordinar a información necesaria para a planificación así como a difusión da información mediante un visor xeográfico.

4. Proporcionar asesoramento para a integración da información facilitada polos concellos.

5. Facilitar as ferramentas integradas dentro do sistema de información xeográfica corporativa para o desenvolvemento dos traballos.

O importe total estimado do reforzo necesario para levar a cabo as devanditas actuacións é de 141.193,95 € e será financiado con cargo ao crédito deste convenio, segundo o disposto na cláusula quinta, facendo para tales efectos as modificacións orzamentarias que correspondan.

A desagregación estimada por anualidades é a seguinte:

2020

2021

2022

47.064,65 €

47.064,65 €

47.064,65 €

Segunda. Modifícase a letra c) do número 2 da cláusula sétima, que queda redactada como segue:

c) Realización material das actuacións de xestión de biomasa, derivadas da tramitación de procedementos de execución subsidiaria dos traballos de xestión de biomasa, unha vez notificado polos concellos adheridos o incumprimento nas obrigas de xestión da biomasa segundo o procedemento descrito na Instrución 1/2018, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas impostas pola Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia (DOG núm. 87, do 7 de maio de 2018), e se constate a persistencia no incumprimento.

Esta actuación de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto para a execución subsidiaria, se for necesario polas características da actuación, ou outro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como os traballos de xestión da biomasa sobre o terreo e a posterior elaboración do documento/liquidación de custos da execución subsidiaria, que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia desta.

As solicitudes destas actuacións poderán dirixirse á comisión de seguimento a partir do 1 de xaneiro de 2020. Esta poderá aprobar actuacións subsidiarias ata un máximo de 10 hectáreas por concello e ano, respectando en todo caso a dispoñibilidade orzamentaria.

Terceira. Engádese unha nova letra e) no número 2 da cláusula sétima, coa seguinte redacción:

e) Realización material de actuacións de xestión de biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano.

O concello proporá, dentro deses máximos, os puntos quilométricos en que se delimitará un perímetro de alto risco, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, no cal, se for o caso, se realizarán as actuacións de roza e corta de especies non permitidas, incluíndo as seguintes actuacións:

1. Xestión da biomasa nos 4-6 metros a cada lado (segundo que o concello sexa zona de alto risco ou non).

2. Retirada de piñeiros, acacias e eucaliptos neses 4-6 metros.

Unha vez declarado o perímetro de alto risco, os titulares das leiras ou dos dereitos de aproveitamento disporán de 15 días para realizaren os traballos de prevención e, de non o faceren, as actuacións levaranse a cabo no ámbito deste convenio sen que os titulares das leiras ou dos dereitos de aproveitamento teñan que asumir o seu custo, sen prexuízo do comiso da corta das especies non permitidas, de conformidade co artigo 12.4 da citada Lei 3/2007.

Cuarta. Modifícase a cláusula novena, que queda redactada como segue:

Novena. Iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa

1. Para a execución de iniciativas de mobilización de terras nas faixas secundarias de xestión da biomasa previstas nesta cláusula e das iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa previstas na cláusula seguinte, poderán destinarse ata 1.500.000 euros para cada anualidade do orzamento previsto neste convenio.

2. Para os efectos desta cláusula, entenderanse por iniciativas de mobilización de terras aquelas promovidas pola Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, por iniciativa e en colaboración cos respectivos concellos, para a realización de actuacións integradas co obxectivo de fomentar a mobilización de terras consistentes na recuperación e posta en valor das terras circundantes de núcleos de poboación, incluíndo total ou parcialmente as súas faixas secundarias de xestión de biomasa.

Estas iniciativas realizaranse en zonas en abandono ou infrautilización de alta ou especial capacidade produtiva para un ou varios cultivos ou aproveitamentos, e terá por obxecto principal a volta á produción de áreas de terra agroforestal con boa capacidade produtiva que acadaron co paso do tempo estados de abandono e/ou infrautilización.

3. O Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, logo de solicitude dos concellos interesados, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral da dita axencia, poderá identificar e declarar zonas de actuación para a execución destas iniciativas, que virán definidas por un perímetro de actuación integral que poderá conter terreos que non se integren na iniciativa por estaren xa en explotación.

As zonas que se declararen deberán cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:

a) Que o concello xustifique que dispón do acordo dos titulares coñecidos dos dereitos de aproveitamento que alcancen o mínimo do 70 por cento da superficie do perímetro do proxecto, en que deberá incluírse ao menos o 70 por cento dos terreos que, de acordo coa Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, se definan como faixas secundarias de xestión da biomasa, e que precisen da xestión da biomasa. Así mesmo, os titulares deberán asumir o compromiso de incorporación dos terreos ao Banco de Terras para a súa cesión polo período mínimo de 5 anos. O requisito da porcentaxe mínima de superficie de faixa secundaria poderá ser exceptuado pola Axencia cando, por razóns de carácter técnico, agronómico ou produtivo, así se xustifique.

Para os efectos do previsto nesta cláusula, entenderase que os titulares son descoñecidos naqueles supostos en que quede acreditado que, tentada a súa localización conforme os medios previstos legalmente, non se conseguiu a dita localización.

b) Así mesmo, será requisito previo para a presentación da solicitude que o concello se encontre adherido ao presente convenio.

4. Será aplicable para estas iniciativas na súa integridade o disposto na Lei 6/2011, do 13 de outubro, de mobilidade de terras de Galicia.

5. A aprobación destas iniciativas determinará a aplicación do sistema público de xestión de biomasa en faixas secundarias establecido neste convenio a todos os terreos das faixas secundarias, tanto aos incluídos no perímetro do proxecto como a aqueles non incluídos, durante a vixencia do convenio.

Porén, tanto no suposto de terreos non incluídos no perímetro do proxecto como nos incluídos que non fosen incorporados ao Banco de Terras, os seus titulares deberán adherirse ao indicado sistema para poder aplicarlles a tarifa bonificada establecida no número 7 da cláusula sexta deste convenio.

6. Para os efectos do establecido nesta cláusula, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural trasladará as iniciativas de mobilización de terras, unha vez aprobadas, á Dirección Xeral de Defensa do Monte, para coñecemento da comisión de seguimento deste convenio.

Quinta. Modifícase a cláusula novena bis, que queda como segue:

Novena bis. Iniciativas estratéxicas

Poderán aprobarse iniciativas estratéxicas de prevención nas faixas secundarias de xestión da biomasa con cargo ao orzamento establecido na cláusula novena.

Entenderanse por iniciativas estratéxicas aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que, aínda sen cumpriren os requisitos da cláusula novena, atendendo a elementos xeográficos, físicos ou técnicos se consideren de especial transcendencia co obxectivo prioritario de reducir o risco de incendios forestais.

Calquera concello adherido ao convenio poderá presentar como iniciativa estratéxica un núcleo de poboación sempre que se formalicen nese núcleo as solicitudes de incorporación ao Banco de Terras polas persoas responsables da xestión da biomasa coñecidas, que representen, canto menos, o 70 % da superficie da faixa secundaria de titulares coñecidos. Para estes efectos o 70 % calcularase sobre a parte de faixa secundaria que, conforme a Lei 3/2007, do 9 de abril , precise de xestión de biomasa.

Limítase esta posibilidade a unha iniciativa por concello e ano, agás nos casos de actuacións na Rede Natura 2000 ou en parques naturais, onde poderán presentarse dúas iniciativas nun mesmo concello por cada anualidade.

A actuación comprenderá a faixa secundaria e ata 1 quilómetro adicional da vía de acceso para levar a cabo actuacións de xestión de biomasa nos termos establecidos na letra e) do número 2 da cláusula sétima, nos casos en que soamente exista unha vía de acceso ao núcleo.

Porén, no suposto de terreos respecto dos cales non se solicitase a incorporación ao Banco de Terras, os seus titulares deberán adherirse ao indicado sistema público de xestión de biomasa para poder aplicarlles a tarifa establecida no número 7 da cláusula sexta deste convenio.

Estas iniciativas serán aprobadas pola comisión de seguimento do convenio por proposta da Dirección Xeral de Defensa do Monte.

Sexta. Engádese unha cláusula novena ter, que queda como segue:

Novena ter. Outras actuacións de colaboración técnica e financeira no marco do sistema público de xestión de biomasa

O artigo 21 quater da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, establece a posibilidade de incluír calquera outro tipo de actuacións de colaboracións entre os concellos e a Administración xeral da CCAA, ademais das definidas na propia lei, que teñan por obxecto atinxir a finalidade do sistema público de xestión da biomasa.

Así, cando nos concellos adheridos existan iniciativas veciñais que contribúan ao cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias obxecto do presente convenio, o sistema público de xestión de biomasa poderá facilitar aos concellos o equipamento necesario para levar a cabo actuacións sobre a biomasa, infraestruturas preventivas ou apoio á intendencia en situación de incendios forestais.

Para tal efecto, os concellos presentarán ante a comisión de seguimento a seguinte documentación:

– Memoria xustificativa das actuacións que se van realizar que inclúa a necesidade do equipamento preciso para levar a cabo as devanditas actuacións.

– Acreditación da inscrición das asociacións veciñais no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

– Instrumento de colaboración entre o concello e as asociacións veciñais.

O importe máximo anual para estas actuacións non poderá superar os 150.000 €.

O importe máximo por concello non poderá superar os 6.000 € durante a vixencia do presente convenio.

En todo o non modificado expresamente por esta addenda, seguirá sendo de aplicación o disposto no convenio.

En proba de conformidade, as partes asinan dixitalmente a presente addenda.

José González Vázquez, conselleiro do Medio Rural; Alberto Varela Paz, Federación Galega de Municipios e Provincias; Pablo Arbones Maciñeira, Empresa Pública de Servizos Agrarios, S.A.