Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22848

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de xuño de 2020 pola que se fai público o incremento do crédito das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (código de procedemento BS420A).

A Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, modificada pola Orde do 27 de marzo de 2020, establece no seu artigo 2 que as axudas que se establecen no seu articulado se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3 e destínase a elas un orzamento total de 4.322.360 euros.

A devandita orde establece, ademais, de acordo co previsto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co previsto no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se poderá ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Dado que se abriu un novo prazo de presentación de solicitudes e, vista a existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo a créditos incluídos no mesmo programa, parece oportuno incrementar o crédito da Orde do 30 de decembro de 2019, modificada pola Orde do 27 de marzo de 2020 para atender o maior número posible de solicitudes presentadas ou que se poidan presentar posto que existe crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 13.02.312B.480.13 que cumpre os requisitos establecidos no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Con este incremento preténdese dar cumprimento a un dos obxectivos do Programa de apoio á natalidade posto en marcha pola Xunta de Galicia que é facilitarlle á cidadanía o acceso a recursos de educación infantil de calidade, dado que constitúen un piar esencial para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas,

RESOLVO:

Artigo único. Incremento dos créditos

Increméntase o crédito destinado ao financiamento das axudas previstas na Orde do 30 de decembro de 2019 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para o funcionamento das escolas infantís 0-3 dependentes de entidades privadas de iniciativa social, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020. O importe total do dito incremento, que se realizará na aplicación orzamentaria 13.02.312B.481.3, é de 209.000 euros.

A publicación desta orde non supón a apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xuño de 2020

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social