Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22813

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 26 de maio de 2020 pola que se deixan sen efecto a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

O 9 de xaneiro de 2020 publicáronse no Diario Oficial de Galicia número 5 a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Posteriormente, o 14 de marzo de 2020, publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, que entrou en vigor no mesmo momento da súa publicación.

Entre as medidas previstas no Real decreto 463/2020 atópanse fortes restricións á liberdade de circulación de persoas, medidas de contención no ámbito educativo e da formación, no ámbito da actividade comercial, equipamentos culturais, establecementos e actividades recreativas, actividades de hostalaría e restauración, e outras adicionais.

Así mesmo, o citado Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta, decreta a suspensión dos prazos administrativos, así como dos prazos de prescrición e caducidade.

No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020 (DOG núm. 51, do 15 de marzo), da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do COVID-19, no seu punto sétimo, decreta a suspensión e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

Con posterioridade, publicouse no BOE do 18 de marzo o Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Entre outras modificacións, dáse nova redacción ao número 4 da disposición adicional terceira daquel real decreto. Conforme a redacción vixente, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

O 8 de abril de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 3 de abril de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 3 de abril de 2020, de continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.

Nel establécese que, con carácter previo á adopción, polo órgano competente, de resolución motivada de continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se aprobasen e publicasen as correspondentes bases reguladoras e convocatoria pero non se ditase resolución de concesión no dito momento, deberá someterse a proposta de continuación a valoración polo Consello da Xunta de Galicia co fin de garantir unha coordinación, dentro do sector público autonómico, sobre as actuacións que deban continuar, por referírense a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou por seren indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos, de acordo co número 4 da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, tendo en conta sempre a evolución da situación de crise sanitaria, os créditos orzamentarios dispoñibles e a atención preferente das necesidades vitais e indispensables derivadas da emerxencia sanitaria.

O 24 de abril de 2020 o Consello da Xunta de Galicia acordou a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, entre os que non están incluídas a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.

Ambas as ordes teñen como finalidade última difundir e promover o cooperativismo, a través do recoñecemento público do labor realizado polas cooperativas e os centros de ensino. Con este obxecto celébranse actos de entrega dos premios, ben nos centros educativos ou ben no transcurso do acto público que habitualmente ten lugar con motivo do Día do Cooperativismo Galego.

A aparición do COVID-19 require adoptar medidas preventivas para evitar a propagación da enfermidade, co que os citados actos de entrega dos premios non van poder ser realizados, o que impide ás ordes acadar a súa finalidade de visibilización do cooperativismo.

Así mesmo, no caso do certame Cooperativismo no ensino, as medidas de contención no ámbito educativo e da formación impediron a moitos centros elaborar os seus traballos, o que limita de xeito relevante a concorrencia e impide acadar a finalidade do programa.

Finalmente, non concorren nestas convocatorias as razóns que motivan a autorización para a continuidade dos procedementos da Consellería de Economía, Emprego e Industria, recollidos no Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, por non estar dirixidos á xeración de emprego, á mellora da competitividade das empresas ou á activación económica.

Por todo o anterior, oído o Consello Galego de Cooperativas, no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Deixar sen efecto a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do certame Cooperativismo no ensino, dirixido ao alumnado dos centros educativos de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020, e a Orde do 3 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras dos premios á cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2020 (DOG núm. 5, do 9 de xaneiro), como consecuencia da situación provocada polo COVID-19.

Disposición adicional única. Impugnación da orde

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día da súa publicación.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria