Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Mércores, 10 de xuño de 2020 Páx. 22817

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 3 de xuño de 2020 pola que se modifican as condicións de execución das accións previstas nas bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020 (código de procedemento TR852A).

O 16 de xaneiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia (DOG núm. 10) a Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecían as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procedía á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020 (código de procedemento TR852A). O prazo de presentación de solicitudes rematou o pasado día 17 de febreiro.

Esta orde tiña por obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2020 da concesión de subvencións, por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral de Emprego, mediante o réxime de concorrencia competitiva, co fin de levar a cabo accións de formación, sensibilización, asesoramento e fomento da prevención de riscos laborais en Galicia.

As liñas e actividades subvencionables son:

– Liña 1: formación e actividades de asesoramento e sensibilización en materia de prevención de riscos laborais de carácter intersectorial.

As axudas desta liña están destinadas á realización de accións formativas e ás actividades de asesoramento e sensibilización en relación coa normativa de prevención de riscos laborais por parte dos gabinetes técnicos de seguridade e saúde laboral das entidades que resulten beneficiarias.

– Liña 2: formación e outras actividades de fomento en materia de prevención de riscos laborais de carácter sectorial.

As axudas desta liña están destinadas a cursos de formación sectoriais e á realización de xornadas de sensibilización de carácter sectorial, así como a estudos de carácter tamén sectorial.

Durante a tramitación do procedemento de resolución das solicitudes que foron presentadas en prazo entrou en vigor o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de marzo de 2020, polo que se adoptan medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, como consecuencia da evolución da epidemia do coronavirus COVID-19 (DOG núm. 49 bis, do 12 de marzo). Pola súa vez, o Goberno de España ditou o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), e o Real decreto lei 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 (BOE núm. 73, do 18 de marzo).

Polo tanto, á vista da situación excepcional creada pola epidemia de COVID-19, e das devanditas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia e o Goberno de España, faise necesario establecer unha modificación da forma ou metodoloxía de execución das accións respectando o obxecto, as condicións e a finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos para todas aquelas solicitudes que se presentaron en prazo e que, unha vez instruídas, serán valoradas pola comisión de valoración.

Cómpre, polo tanto, posibilitar a realización das actividades formativas e xornadas obxecto da axuda a través da modalidade de contornas virtuais e presenciais, sempre que se respecten os requisitos exixidos normativamente e se garantan as actividades de seguimento e control necesarias.

Estas medidas, dadas as especiais características que reúnen as accións formativas, requiren que a súa vixencia non se circunscriba ao ámbito temporal en que estea en vigor o estado de alarma no noso país, de maneira que nesta orde non se establecen máis límites temporais neste sentido que os que correspondan a cada un dos procedementos que subvencionan as accións formativas e á normativa que os modifique.

Consecuentemente con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO ÚNICO

Disposicións específicas para a flexibilidade na modalidade de execución de accións formativas e xornadas financiadas pola Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020
(código de procedemento TR852A)

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto establecer as modificacións das condicións de execución das accións previstas na Orde do 19 de decembro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a accións de fomento da prevención de riscos laborais e se procede á súa convocatoria na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2020 (código de procedemento TR852A), que son necesarias para a flexibilidade na modalidade de impartición de accións formativas e xornadas que foron solicitadas dentro do prazo establecido na dita orde e que, estando pendentes de resolución, poderán ser obxecto de concesión das devanditas axudas.

Artigo 2. Modificacións do título II Requisitos e gastos subvencionables

1. Modificación do artigo 8 Accións non subvencionables.

Eliminase o número 1 «Os cursos e xornadas de sensibilización que non se realicen integramente de forma presencial».

2. Novo Artigo 8 bis. Execución da formación

A entidades solicitantes poderán executar a formación e as xornadas obxecto da axuda en modalidade presencial, teleformación, aula virtual (que seguirá tendo a consideración de formación presencial) ou modalidade mixta.

Considérase aula virtual a contorna de aprendizaxe en que a persoa titora-formadora e o alumnado interactúan, de forma concorrente e en tempo real, a través dun sistema de comunicación telemático de carácter síncrono que permita levar a cabo un proceso de intercambio de coñecementos co fin de posibilitar unha aprendizaxe das persoas que participan na aula.

3. Modificación do artigo 9 Requisitos de asistencia aos cursos.

Engádese un novo punto «4. Nas accións formativas impartidas na modalidade de teleformación a porcentaxe necesaria de realización periódica que debe realizar o alumnado para que se considere que cumpra os requisitos de asistencia é dun 80 % dos controis periódicos de seguimento da súa aprendizaxe, con independencia das horas de conexión».

4. Modificación do artigo 10 Gastos subvencionables e período de imputación.

O punto 1 modifícase no sentido de que «as accións formativas propostas e os gastos que deriven delas, que se detallarán no anexo II, poderán realizarse desde o 1 de xaneiro ata o 20 de novembro de 2020, sen prexuízo do disposto no artigo 27».

Inclúese un novo punto «6. Serán subvencionables os custos necesarios para a impartición en liña do curso e/ou xornada e que se atopen debidamente xustificados».

5. Modificación do artigo 11 Gastos non subvencionables.

Engádese un novo punto «3. No caso de accións formativas que se impartan na modalidade de teleformación ou que se impartan mediante aula virtual, non se considerarán financiables os gastos de transporte, manutención e aloxamento das persoas participantes e formadoras».

Artigo 3. Modificacións do título III Disposicións comúns

1. Modificación do artigo 17 Documentación para as solicitudes de cursos, xornadas e estudos das liñas 1 e 2.

Ademais do indicado para os cursos e xornadas, deberase achegar a seguinte documentación complementaria:

1) No caso de que as entidades solicitantes leven a cabo a formación obxecto de axuda en modalidade de teleformación ou aula virtual, deberán presentar como documentación complementaria:

a) Declaración responsable de que a entidade facilitará a todo o alumnado da acción formativa os suficientes medios técnicos e didácticos, con enumeración de cales son estes medios que, ademais, como mínimo, se deberán referir á habilitación e posta á disposición dun número de teléfono e dun enderezo de correo electrónico que recolla e resolva as dúbidas, incidencias ou problemas de uso e manexo. Previamente á realización da actividade formativa, o/a alumno/a achegará declaración sobre que dispón de medios técnicos suficientes para a súa realización, propios ou facilitados pola entidade, para participar adecuadamente na acción formativa. Esta declaración deberá achegala a entidade coa documentación final xustificativa do curso.

b) Unha memoria explicativa en que se refiran os motivos de realizar a formación presencial en modalidade de teleformación ou aula virtual e as accións formativas modificadas, co seu correspondente código identificativo. Ademais, na dita memoria deberá facerse mención:

a. Ás partes da especialidade ou módulos formativos afectados, e ao número de horas previstas, para a modalidade de teleformación ou mediante aula virtual.

b. Ao calendario proposto.

c. Á metodoloxía de traballo.

2) No caso de entidades que queiran levar a cabo a formación e/ou xornadas en modalidade de teleformación, deberán acreditar, ademais, que dispoñen dunha plataforma que deberá conter, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Infraestrutura tecnolóxica mínima que permita a xestión dun numero mínimo de 100 alumnos/as cunha velocidade de resposta adecuada e un funcionamento de 24 horas e 7 días á semana.

b) Capacidade de xestionar cursos de modo independente e xerar un número mínimo de cursos.

c) Software: compatibilidade co estándar SCORM e paquetes de contidos LMS.

d) O servidor da plataforma de teleformación debe cumprir con todos os requisitos establecidos sobre protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

e) Compatibilidade tecnolóxica e posibilidades de integración con calquera sistema operativo, base de datos, navegador da internet dos máis usuais ou servidor web.

f) Servizo de soporte ao alumnado.

g) Visualización que se adapte ao tipo de pantalla que se utilice, así como a distintos dispositivos.

h) Facilidade de utilización de código de terceiros; a plataforma debe permitir integrar ou incrustar elementos externos como vídeos ou presentacións no contido.

3) No caso das entidades que soliciten a utilización de aula virtual para a impartición total ou parcial da acción formativa tamén deberán presentar:

a) Acreditación técnica e documental de que a formación se estrutura e se organiza de forma que se garanta, en todo momento, que exista conectividade sincronizada entre a persoa formadora e o alumnado participante, así como bidireccionalidade nas comunicacións.

b) Acreditación técnica e documental de existencia dun rexistro de conexións xerado pola aplicación da aula virtual en que se identifiquen, para cada acción formativa desenvolvida a través deste medio, as persoas participantes na aula, así como as súas datas e tempos de conexión, así como contar cun mecanismo que posibilite a conexión durante o tempo de impartición da aula por parte dos órganos de control, para os efectos das actuacións de seguimento e control previstas nesta orde.

4) No caso de entidades solicitantes que decidan retomar na modalidade de teleformación ou aula virtual o programa das accións formativas, de información ou de sensibilización de carácter presencial iniciadas e que no seu momento foran suspendidas como consecuencia da entrada en vigor do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 12 de marzo de 2020, e da declaración do estado de alarma do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, deberán presentar:

Documentación que acredite que todas e cada unha das persoas alumnas das accións formativas foron debidamente informadas das variacións que existen ao pasar da modalidade presencial á modalidade de teleformación ou mediante aula virtual, ofrecéndolles unha opción alternativa no caso de que non dispoñan de medios para poder levar a cabo a formación en liña.

Sen a documentación que acredite que todo o alumnado da acción formativa recibiu a comunicación mencionada non se poderá autorizar a solicitude.

2. Modificación do artigo 27 Prazo de finalización e de xustificación das accións.

Modifícase no seguinte senso:

«1. Todas as accións deberán estar finalizadas con data límite do 31 de outubro de 2020, agás cursos e xornadas que terán como data límite de finalización o 20 de novembro, salvo que na resolución de concesión se estableza unha data posterior.

2. No relativo á presentación da documentación xustificativa, será ata o 30 de novembro de 2020».

3. Modificación do artigo 30 Memoria técnica das actividades das liñas 1 e 2.

Adicionalmente ao indicado no artigo 30, inclúese:

«3. Para garantir a asistencia das persoas participantes nas accións formativas levadas a cabo na modalidade de teleformación ou aula virtual exixirase o uso de medios electrónicos, sempre que quede debidamente acreditada a súa identidade e reúna os requisitos de seguridade xurídica.

Permítese a sinatura electrónica das persoas responsables de formación, persoas formadoras e alumnado mediante captura de firma dixitalizada ou calquera dos documentos que precisen da súa firma, que terá que estar asociada ao correspondente NIF ou DNI.

O sistema de captura de sinatura dixitalizada deberá garantir en todo caso a autenticidade dos datos correspondentes a ela.

Para os efectos da identificación do alumnado, cabe a posibilidade de que a propia persoa achegue unha fotografía do seu DNI a través do seu teléfono ou correo electrónico».

Artigo 4. Prazo e lugar para a presentación de documentación

O prazo para a presentación da documentación complementaria, que se detalla no punto 1 do artigo 3 da presente orde, que deberán presentar as entidades que presentaron as solicitudes recibidas, será de 10 días contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Presentarase obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia como documentación complementaria no número de expediente asignado.

Disposición transitoria

O establecido nesta orde non rexerá para aquelas accións e gastos subvencionables que poderían ser imputables desde o 1 de xaneiro de 2020 ata o 14 de marzo de 2020, aos cales se lles aplicará o establecido na Orde do 19 de decembro de 2019.

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2020

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria