Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22467

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2020 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020 (código de procedemento MR701E).

O 19 de decembro de 2019 o director xeral da Agader aprobou a resolución pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) de Galicia 2014-2020 (DOG núm. 27, do 10 de febreiro 2020; corrección de erros DOG núm. 32, do 17 de febreiro).

O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19 (BOE núm. 67, do 14 de marzo), modificado polo Real decreto 465/2020 (BOE núm. 73, do 18 de marzo), establece no número primeiro da disposición adicional terceira que «se suspenden termos e se interrompen os prazos para a tramitación dos procedementos das entidades do sector público».

Non obstante, o número cuarto da mesma disposición adicional terceira, na redacción dada polo Real decreto 465/2020, establece que «sen prexuízo do disposto nos números anteriores, desde a entrada en vigor do presente real decreto, as entidades do sector público poderán acordar motivadamente a continuación daqueles procedementos administrativos que veñan referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos».

Neste contexto, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e catro de abril de dous mil vinte adoptou, entre outros, o acordo sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico. En virtude deste acordo, considerou esenciais as actuacións en materia de infraestruturas de acceso ás explotacións agrarias e, en consecuencia, autorizou a continuación do procedemento correspondente ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021.

Con base nesta autorización, o director xeral da Agader resolveu o 6 de maio de 2020 continuar o procedemento correspondente ao Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, por resultar indispensable para a protección do interese xeral e para o funcionamento dos servizos básicos.

Durante a vixencia do estado de alarma e de emerxencia sanitaria, en atención ás medidas adoptadas, non se realizaron as visitas para comprobar que os investimentos para os cales se solicita a axuda non están iniciados. Así pois, unha vez retomada a tramitación administrativa, cómpre adoptar as medidas pertinentes para asegurar a axilidade do procedemento encamiñado á concesión das axudas. Por esta razón, a comprobación de que os investimentos para os cales se solicita a axuda non están iniciados fundamentarase na declaración que para tal efecto subscribe a entidade solicitante, e poderá verificarse, así mesmo, na fase de xustificación dos investimentos, con base na documentación que integran os respectivos expedientes de contratación.

Esta decisión ten amparo no Regulamento de execución (UE) 2020/532 da Comisión, do 16 de abril de 2020, que establece excepcións, para o ano 2020, aos regulamentos de execución (UE) nº 809/2014, (UE) nº 180/2014, (UE) núm. 181/2014, (UE) 2017/892, (UE) 2016/1150, (UE) 2018/274, (UE) 2017/39, (UE) 2015/1368 e (UE) 2016/1240, no que atinxe a determinados controis administrativos e sobre o terreo aplicables no marco da política agrícola común.

Por outra banda, cómpre adoptar as medidas pertinentes para facilitar aos concellos beneficiarios o financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, sobre todo tendo en conta que, como consecuencia da crise sanitaria provocada polo COVID-19, é posible que algúns dos concellos non conten coa liquidez suficiente para afrontar, antes do seu reembolso, o importe das obras executadas e facturadas con cargo á anualidade 2020.

Tendo en conta o anterior, o director xeral da Agader, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Agader, do 11 de xullo de 2013, feito público mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto)

RESOLVO:

Artigo único

Modifícase a Resolución do 19 de decembro de 2019 pola que se aproba o Plan marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas 2020-2021, cofinanciado co fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), ao abeiro do Programa de desenvolvemento rural de Galicia (PDR) de Galicia 2014-2020, nos seguintes termos:

Un. Modifícase o artigo 4.3.a) do anexo I, que queda redactado como segue:

«a) Non estar iniciados na data de presentación da solicitude de axuda. A comprobación de que os investimentos para os que se solicita a axuda non están iniciados na data de presentación da solicitude de axuda fundamentarase na declaración que, para estes efectos, presenta a persoa representante da entidade solicitante, e verificarase coa documentación que integre o correspondente expediente de contratación das obras subvencionadas».

Dous. Modifícase o artigo 18 do anexo I, que queda redactado como segue:

«Artigo 18. Réxime de pagamentos

1. Con cargo á anualidade 2020, tramitarase un pagamento á conta, sen que exceda a anualidade prevista neste exercicio orzamentario. Ao abeiro do artigo 65.4.c) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de pagamentos á conta, os concellos beneficiarios das axudas están exentos da constitución de garantías.

Así mesmo, os concellos beneficiarios das axudas poderán solicitar a concesión dun pagamento anticipado, con cargo á anualidade 2020 como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ao proxecto subvencionado. A solicitude de pagamento do anticipo presentarase segundo o modelo que poderá descargarse da páxina web da Agader http://agader.xunta.gal.

A tramitación e a concesión do pagamento anticipado suxeitarase á regulación do artigo 31.6 da LSG, dos artigos 63 e seguintes do Decreto 11/2009 e do artigo 45.4 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013. De acordo con esta normativa, o pagamento anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, de ser o caso, exceder a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

En todo caso, a concesión do pagamento anticipado supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía escrita da autoridade competente, que deberá acadar o 100 % do importe anticipado, nos termos previstos no artigo 63 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013. A dita garantía deberá recoller de xeito expreso o compromiso de aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao importe anticipado.

A garantía a que se refire o parágrafo anterior terá validez ata que a Agader autorice a súa cancelación, unha vez que o promotor acredite a realización e o pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

2. Na anualidade 2021 non se concederán pagamentos á conta, de xeito que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pagamento final».

Disposición adicional. Réxime de recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG; ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 2020

Miguel Ángel Pérez Dubois
Director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural