Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22516

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 15 de abril de 2020, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada outorgada a Granja Campomayor, S.L. para unha explotación avícola de posta de ovos para consumo humano con planta de clasificación e envasado de ovos e planta de ovoproduto en Ximonde, no concello de Palas de Rei (expediente 2019-IPPC-M-92).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión das autorizacións ambientais integradas.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), regulan o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un prazo de vinte (20) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, o documento titulado:

Proxecto básico de solicitude de modificación non substancial e revisión de autorización ambiental integrada 2010-IPPC-1021-254.

Granja Campomayor, S.L.

Non obstante o anterior, e de conformidade coa disposición adicional terceira e cuarta do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o inicio do prazo comezará a contar no momento en que perda vixencia o estado de alarma declarado pola dita disposición ou as súas eventuais prórrogas.

Para que calquera interesado poida consultalo e, de ser o caso, presentar dentro do citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que xulgue convenientes, o documento estará á disposición dos administrados nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela).

Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 15 de abril de 2020

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2019-IPPC-M-92.

Número da autorización ambiental integrada: 2010-IPPC-1021-254.

Categoría principal da actividade: anexo I, categoría 9.3.a) do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro.

Titular: Granja Campomayor, S.L.

NIF: B27015429

Localización da instalación: Ximonde. Estrada nacional 547, km. 27, 27217 Palas de Rei (Lugo). Referencia catastral da parcela: 27040A13000417.

Actividade principal: explotación avícola de posta de ovos para consumo humano.

Descrición: a explotación conta con dúas (2) naves con 126.000 prazas para galiñas poñedoras en cada nave, e unha (1) nave para almacenar o esterco producido. As naves de produción de ovo comparten parcela con varios almacéns, aseos e vestiarios, un centro de clasificación e envasado de ovo, unha planta de ovoproduto, cociña I+D e laboratorio.

As aves acceden ás naves de produción á idade de 18-20 semanas procedentes doutra explotación de recría de galiñas, propiedade tamén de Granja Campomayor, S.L. Nestas naves desenvolven o seu ciclo produtivo ata as 80 semanas de vida aproximadamente. O aloxamento é en gaiolas en batería con cinta transportadora para a retirada do esterco. En cada nave baleira procédese a limpeza integral e desinfección.

Os ovos producidos nas dúas naves de poñedoras existentes trasládanse diariamente ao centro de clasificación, selección, calibración e envasado por medio de cintas transportadoras.

O esterco xerado na explotación é valorizado en parcelas agrícolas. Para o almacenamento do esterco, a explotación dispón dunha nave para tal fin e proxéctase a construción dunha esterqueira cuberta con fosa de lixiviados.

Tras a posta en marcha no complexo industrial dunha estación depuradora de augas residuais, eliminouse o punto de vertedura das augas dos aseos e vestiarios que ían a un contactor biolóxico rotativo con vertedura por infiltración ao terreo, e estas augas foron reconducidas á dita depuradora. Así mesmo, realizouse un cambio de combustible (de gasóleo a GLP) para a caldeira de vapor da planta de ovoproduto.

Verteduras:

– Augas residuais procedentes do lavado das naves destinadas ao aloxamento das galiñas: estas augas son almacenadas nun depósito estanco da instalación e posteriormente son retiradas por un xestor autorizado.

– Augas residuais procedentes de aseos, vestiarios e do lavado frontal das naves destinadas ao aloxamento das galiñas: estas augas son enviadas á estación depuradora do complexo industrial.

– Augas residuais procedentes da desinfección de vehículos: cóntase cun arco de desinfección de vehículos e as aguas xeradas nel son conducidas a un depósito estanco. Desde este, as augas iniciarán o tratamento na estación depuradora do complexo industrial.

– Augas residuais de limpeza da planta de ovoproduto e da cociña I+D: estas augas son conducidas ata o mesmo depósito estanco que as do arco de desinfección de vehículos, desde o cal as augas iniciarán o tratamento na estación depuradora do complexo industrial.

– Augas residuais de limpeza e lavado de camións: son conducidas a un separador de hidrocarburos situado no patio e posteriormente son enviadas ao depósito estanco desde o cal iniciarán o tratamento na estación depuradora.

– Augas pluviais: discorren polo interior do recinto do complexo industrial e son recollidas en distintas canalizacións debido ás importantes pendentes e conducidas á cuneta da estrada nacional lindeira á explotación.