Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Venres, 5 de xuño de 2020 Páx. 22462

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sociedade Deportiva Compostela.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sociedade Deportiva Compostela, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. Antonio Quinteiro Canedo, presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación da entidade para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Sociedade Deportiva Compostela constitúese en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 2 de abril de 2019, ante o notario Francisco López Moledo, co número de protocolo 913, polo club Sociedade Deportiva Compostela que actúa representada polo seu presidente, Antonio Quinteiro Canedo.

Esta escritura emendouse por outra outorgada o 2 de decembro de 2019, na mesma localidade e ante o mesmo notario, co número 3.362 do seu protocolo.

3. A Fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: promover e fomentar a práctica do fútbol nas distintas categorías e idades e, con carácter xeral, a práctica de todos os deportes.

4. Na escritura de constitución constan os extremos relativos á personalidade do fundador, a súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, a dotación, os estatutos e a composición do padroado inicial.

5. Nos estatutos da Fundación consta a súa denominación e natureza; o seu domicilio, obxecto e finalidade; as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios; e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por polos integrantes da Xunta Directiva do club Sociedade Deportiva Compostela: Antonio Quinteiro Canedo, como presidente; Juan Carlos Rodríguez Gesto, como secretario; e Francisco Javier García Vázquez, Carlos Ferreiro Vila, Ramón Castro García, Ángel Luis Espadas Díez, Francisco Javier Ferreiro Vila e José Ignacio Lorenzo Rubín, como vogais.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as Consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese deportivo da Fundación Sociedade Deportiva Compostela atendendo o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego; e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

8. De conformidade con esta proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 19 de febreiro de 2020 (DOG núm. 47, do 10 de marzo), clasificouse como de interese deportivo a Fundación Sociedade Deportiva Compostela e adscribiuse á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, en relación co Decreto 74/2018, do 5 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e da Consellería de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, correspóndelle a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sociedade Deportiva Compostela, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Sociedade Deportiva Compostela, polo que vista a proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas do 25 de maio de 2020,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Sociedade Deportiva Compostela.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

3. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de fundacións de interese galego; e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2020

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza