Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 4 de xuño de 2020 Páx. 22316

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 2 de xuño de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebrarán o día 12 de xullo de 2020.

O Decreto 12/2020, do 10 de febreiro, de disolución do Parlamento de Galicia e de convocatoria de eleccións, no seu artigo 2, estableceu a convocatoria dos devanditos comicios para o cinco de abril dese ano.

En atención a ese feito, publícase non DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2020, a Orde do 11 de febreiro de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o día 5 de abril de 2020, onde se establecen as cantidades para o financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas.

Con posterioridade á devandita convocatoria, a evolución do coronavirus, COVID-19, determinou a necesidade de adopción de medidas de emerxencia desde varias instancias. En particular, mediante o Acordo do Consello da Xunta do 12 de marzo de 2020 adoptáronse medidas preventivas en materia de saúde pública na Comunidade Autónoma de Galicia, que foron seguidas da declaración da situación de emerxencia sanitaria no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e de activación do Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), no seu nivel IG (emerxencia de interese galego), por Acordo do Consello da Xunta do 13 de marzo de 2020.

Así mesmo, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, publicado no BOE número 67, do 14 de marzo, declarouse o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19. A dita declaración afectaba todo o territorio nacional e aínda que a súa duración inicial se fixou en 15 días naturais prevíase a posibilidade de prórroga do devandito período inicial, como así aconteceu en varias ocasións.

Estas medidas adoptadas tanto a nivel nacional como autonómico co obxectivo de loitar contra o COVID-19 comportaron serias restricións incompatibles co normal desenvolvemento dun proceso electoral e, polo tanto, do libre e normal exercicio do dereito de sufraxio. En atención a estas circunstancias, publícase no DOG do 18 de marzo de 2020 o Decreto 45/2020, do 18 de marzo, polo que se deixa sen efecto a celebración das eleccións ao Parlamento de Galicia do 5 de abril de 2020 como consecuencia da crise sanitaria derivada do COVID-19.

Con posterioridade e dada a evolución favorable da epidemia, tanto a normativa estatal como a autonómica van permitindo a progresiva flexibilización das medidas restritivas inicialmente recollidas, o que levou, oídos os grupos políticos máis representativos de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do dezaoito de maio de dous mil vinte, á publicación no DOG núm. 96, do 19 de maio de 2020, do Decreto 72/2020, do 18 de maio, de convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia.

Mediante este decreto convócanse eleccións ao Parlamento de Galicia para o doce de xullo de dous mil vinte. Na medida en que a devandita Orde do 11 de febreiro de 2020 actualiza os importes das subvencións de gastos electorais para o proceso electoral do 5 de abril de 2020 de xeito específico, cómpre agora adaptar estas para a votación que se vai celebrar o vindeiro 12 de xullo de 2020.

En virtude do exposto e de acordo co previsto na Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e na Lei 8/1985, do 13 de agosto, de eleccións ao Parlamento de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo único

As contías a que se refire o artigo 19 da Lei 9/2015, do 7 de agosto, de financiamento das formacións políticas e das fundacións e entidades vinculadas ou dependentes delas, de cara á convocatoria de eleccións ao Parlamento de Galicia para o doce de xullo de dous mil vinte serán as establecidas na Orde do 11 de febreiro de 2020 pola que se fixan as cantidades actualizadas das subvencións por gastos electorais para as eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar o día 5 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 30, do 13 de febreiro de 2020.

Disposición derradeira

A presente orde terá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2020

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda