Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Luns, 1 de xuño de 2020 Páx. 21827

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 2020 pola que se regulan as bases das axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas por este instituto co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se abre a súa convocatoria (código de procedemento VI420B).

O Instituto Galego da Vivenda e Solo é o organismo autónomo encargado da realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de alcanzar os obxectivos previstos na Lei 3/1988, do 27 de abril, da súa creación.

Dentro das funcións e dos obxectivos do Instituto Galego da Vivenda e Solo está a de garantir os dereitos dunha vivenda digna e adecuada, especialmente para os sectores da poboación con menos capacidade económica.

Para a mellora enerxética dos edificios de vivendas protexidas promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, co fin de favorecer a transición a unha economía baixa en carbono no sector residencial, é preciso fomentar, a través de axudas, as comunidades de propietarios/as destes edificios para os efectos de incentivar a súa realización.

Estas actuacións estarán cofinanciadas con fondos europeos, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, ao ter encaixe no obxectivo temático 4: favorecer o paso a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, prioridade de investimento 4.3: o apoio da eficiencia enerxética, da xestión intelixente da enerxía e do uso de enerxías renovables nas infraestruturas públicas, incluídos os edificios públicos e as vivendas; obxectivo específico 4.3.1: mellorar a eficiencia enerxética e redución de emisións de CO2 na edificación e nas infraestruturas e servizos públicos, actuación 4.3.1.6: axudas á rehabilitación de edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) co obxecto de reducir as emisións de carbono e o consumo enerxético. En relación con estas actuacións tense en conta o indicador de produtividade C031, número de fogares con mellor consumo enerxético (unidade de medida fogares), que se define como o número de fogares que melloran no tipo de clasificación enerxética, consecuencia directa da realización do proxecto, de acordo coa Directiva UE 2010/31.

Neste marco, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, de acordo co establecido na normativa correspondente e mediante esta resolución, aproba unhas novas bases reguladoras destas axudas para as comunidades de propietarios/as dos edificios do ámbito de aplicación que queiran reducir a demanda enerxética e o consumo das súas vivendas e abre a súa convocatoria para o ano 2020.

A aprobación destas novas bases, que modifican as publicadas no ano 2019 para o mesmo obxectivo, está xustificada na necesidade de recoller o novo sistema de incompatibilidade desta axuda, así como na inclusión da modalidade de pagamentos á conta, co obxecto de facilitar ás beneficiarias o pagamento das actuacións executadas.

A presente resolución estrutúrase en tres capítulos. O capítulo I regula as disposicións xerais que rexen a axuda; no capítulo II, baixo a rúbrica de bases reguladoras da convocatoria, establécense as obrigas, a documentación que debe presentar, o procedemento para a selección dos participantes, a resolución e o pagamento da axuda; e, finalmente, o capítulo III regula a convocatoria de participación para o ano 2020.

Esta convocatoria realízase, así mesmo, de conformidade co establecido no parágrafo cuarto da disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, segundo a redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, e tras o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020, sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico, e a Resolución do 13 de maio de 2020 desta presidencia pola que se acorda, por razóns de interese público, a continuación do expediente correspondente ás axudas dirixidas ás comunidades de propietarios/as de edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, co obxecto de realizar actuacións de mellora enerxética, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (código de procedemento VI420B).

En consecuencia co anterior, no exercicio das facultades que teño atribuídas polo Decreto 97/2014, do 24 de xullo, como presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán as condicións de axudas ás comunidades de propietarios/as dos edificios de vivendas protexidas promovidas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS), para executar actuacións de mellora enerxética cofinanciadas con fondos europeos, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, correspondente ao código de procedemento VI420B.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, procédese á convocatoria desta subvención para o exercicio 2020.

Segundo. Normativa aplicable

A tramitación e concesión destas subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG), e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (en diante, RLSG). Así mesmo, axustarase á Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, LPACAP), e á Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público (en diante, LRXSP).

Ademais, ao tratarse dunha resolución con aplicación de fondos da Unión Europea, será de aplicación a normativa contida no Regulamento (UE) 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo, así como o Regulamento (UE) 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego; o Regulamento (UE) 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as súas disposicións xerais relativas e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello; así como, a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables.

Terceiro. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da LSG, o IGVS publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren imporse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as comunidades beneficiarias das subvencións están obrigadas a subministrar ao IGVS, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas, con indicación da convocatoria, norma reguladora, relación de entidades beneficiarias, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e poderá substituírse esta pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do IGVS.

Quinto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

– Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro (NIE) da persoa representante.

– Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante.

– Certificado de estar ao día do pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

– Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro respectivo, habilitado para tal efecto no formulario de solicitude (anexo I), e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Sexto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. As entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. En todo caso, o IGVS poderá crear de oficio o enderezo indicado, para os efectos de asegurar o cumprimento da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sétimo. Habilitación

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisos para a xestión desta axuda.

CAPÍTULO II

Bases reguladoras da subvención

Oitavo. Ámbito de aplicación desta subvención

O ámbito de aplicación desta resolución comprende os edificios de vivendas e os conxuntos das vivendas unifamiliares protexidas promovidas polo IGVS respecto aos cales, no momento da presentación da solicitude da axuda, non transcorreran mais de vinte e cinco anos desde a data de outorgamento da súa cualificación definitiva.

Noveno. Inicio do procedemento

O procedemento de concesión iníciase de oficio, en réxime de concorrencia competitiva, mediante a publicación da correspondente convocatoria.

Décimo. Órganos competentes

1. A instrución dos procedementos corresponderalles ás xefaturas de área do IGVS da provincia onde se atope o edificio.

2. A resolución sobre a concesión das axudas solicitadas é competencia da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. Co obxecto de realizar a selección dos beneficiarios, constituirase unha Comisión de Selección, presidida pola persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS e da que tamén formarán parte, en condición de vogais, as persoas titulares das seguintes unidades:

– Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade, que realizará as funcións da secretaría.

– Dirección Técnica de Xestión do Patrimonio, Fianzas e Inspección.

– Servizo de Calidade.

– Servizo da Oficina Técnica.

– Xefaturas de área.

4. O funcionamento da Comisión de Valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na LRXSP.

Décimo primeiro. Incompatibilidade

Estas axudas serán incompatibles con calquera outra axuda que para o mesmo obxecto outorgue calquera outra entidade pública.

Décimo segundo. Beneficiarias

Poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios/as dos edificios recollidos no ámbito de aplicación, que constitúan a totalidade dun mesmo edificio ou dun conxunto de vivendas unifamiliares e que vaian realizar actuacións de mellora de eficiencia enerxética obxecto da subvención e, ademais, cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o seu edificio reúna as necesarias condicións de seguridade estrutural. De non ser o caso, a comunidade solicitante deberá acreditar a realización simultánea das obras que garantan que o edificio terá as condicións necesarias de seguridade estrutural.

b) Que non estean incursas en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da LSG.

c) Que teñan capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para cumprir cos obxectivos do proxecto polo que se solicita a axuda, en cumprimento do artigo 125.3.d) do Regulamento 1303/2013.

d) Que sexan seleccionadas conforme a prelación das puntuacións obtidas en aplicación do baremo previsto no ordinal décimo quinto desta resolución e conforme a disposición orzamentaria existente.

Décimo terceiro. Actuacións subvencionables

1. Considéranse actuacións subvencionables aquelas obras integrais de mellora de eficiencia enerxética que supoñan a redución mínima da demanda enerxética en calefacción do edificio nun 20 % e a subida dunha letra na escala de cualificación enerxética en emisións de CO2, consistentes en melloras do illamento térmico e/ou da carpintaría da envolvente, que poderán ir acompañadas de melloras nas instalacións térmicas, sempre que se axusten á normativa técnica aplicable vixente no momento da súa execución e estean baseadas nunha auditoría enerxética.

2. Esas actuacións poderán estar iniciadas no momento de solicitar esta subvención, sempre que non teñan comenzado antes do 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria e non teñan executado máis dun 60 % do custo total das obras.

3. Non serán subvencionables as actuacións que teñan custos pagados con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano da correspondente convocatoria nin as que teñan pagamentos efectuados por un importe superior ao 60 % do custo da obra con anterioridade á data da solicitude.

Décimo cuarto. Orzamento subvencionable

1. O orzamento subvencionable é o correspondente aos gastos derivados da actuación, incluído o IVE, e consistente:

– No importe total das obras.

– No importe dos honorarios facultativos relativos á redacción da memoria ou do proxecto e á dirección das obras.

– No importe do custo da auditoría ou do certificado de eficiencia enerxética do edificio existente coas melloras propostas, así como o certificado de eficiencia enerxética do edificio terminado.

– No importe do gasto relativo á información e publicidade da actuación, se for necesario.

– Nos importe das taxas da licenza da obra e das autorizacións que fosen precisas por razón das actuacións.

2. En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da Base de datos da construción de Galicia, vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes. Para as partidas non incluídas na base de datos, determinaranse os prezos por asimilación a outras partidas semellantes da base de datos e, subsidiariamente, requirirase a conformidade dos servizos técnicos do IGVS. O acceso á dita base de datos pódese facer na páxina do IGVS, a través do seguinte enlace: http://igvs.xunta.gal/web/actuamos/588

Décimo quinto. Criterios de valoración das solicitudes admitidas

1. As solicitudes admitidas puntuaranse sumando os valores obtidos nas seguintes epígrafes:

a) Porcentaxe de redución da demanda de enerxía de calefacción do edificio, ata 4 puntos.

Calcularanse de xeito proporcional entre todas as solicitudes, e obterán 4 puntos as que alcancen a porcentaxe máxima de redución respecto das demais e 0 puntos as actuacións que soamente reduzan esa demanda nun 20 %.

b) Mellora na escala de certificación enerxética global de emisións de CO2, ata 1 punto.

Obterán 1 punto as solicitudes cuxas actuacións melloren mais de dúas letras.

c) Indicador en función do número de vivendas afectadas pola actuación.

Calcularase utilizando a fórmula nº de vivendas/100, ata un máximo de 2 puntos.

2. No caso de empate, terán prioridade as actuacións que afecten máis número de vivendas; de continuar co empate, a prioridade virá por orde de entrada da solicitude no rexistro. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e vir xunto coa totalidade dos documentos exixidos nesta resolución.

Décimo sexto. Solicitude e documentación que se debe presentar

1. A solicitude de axuda (anexo I), debidamente cuberta e asinada, deberase presentar xunto coa seguinte documentación complementaria necesaria para a tramitación deste procedemento:

a) A acta da reunión ou certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade, no cal consten os acordos adoptados pola xunta de persoas propietarias en relación coa execución das actuacións solicitadas e do nomeamento da persoa autorizada pola comunidade para a tramitación da subvención, no caso de non ser a persoa que exerza a presidencia da comunidade.

b) Memoria descritiva das obras de mellora enerxética baseada nunha auditoría enerxética que conteña a descrición do estado actual do edificio, a descrición das obras propostas para a mellora enerxética, a porcentaxe de redución da demanda enerxética, o aforro de emisións de CO2, a cualificación enerxética comparativa do estado actual e coas melloras propostas e o prazo da execución estimado das obras. Para os efectos de verificación do cálculo de aforro de demanda e de emisións de CO2, deberase xuntar o certificado de eficiencia enerxética do edificio existente, xerado cos programas informáticos de cálculo recoñecidos polo ministerio con competencias en enerxía.

c) Orzamento total de todos os gastos necesarios e subvencionables para a realización da obra, de acordo co ordinal décimo cuarto.

d) Fotografías do estado do edificio.

e) Calquera outro documento que a comunidade solicitante considere necesario como complemento da documentación anterior.

2. Se a solicitude non reúne os requisitos necesarios, requirirase a solicitante para que no prazo de dez días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se dará por desistida e ditarase a resolución para o efecto.

Décimo sétimo. Forma de presentación da solicitude e da documentación complementaria

1. A solicitude deberá presentarse por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse tamén de forma electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

3. Se a solicitude e/ou a documentación complementaria se realizase de forma presencial, requirirase a comunidade interesada para que a presente de forma electrónica. Nestes casos, considerarase como data de presentación aquela en que fose atendido o requirimento, de conformidade co artigo 68.4 da LPACAP.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que os documentos que se presenten superen os tamaños máximos establecidos na sede electrónica ou teñan un formato non admitido, deberán seguirse para a súa presentación as instrucións da sede electrónica da Xunta de Galicia sinaladas no seguinte enderezo: https://sede.xunta.gal/axuda/como-podo

6. As comunidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Décimo oitavo. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes virá establecido en cada convocatoria.

Décimo noveno. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser presentados de xeito electrónico, accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Vixésimo. Preavaliación das solicitudes

1. Coa recepción de cada solicitude, a unidade de xestión patrimonial da correspondente área provincial comprobará se o edificio se atopa no ámbito de aplicación desta resolución. Para estes efectos, emitirá un informe no cal constará expresamente se concorre esa condición e, no caso de cumprimento, deberá indicar a identificación do edificio, o número de vivendas e a súa data de cualificación definitiva.

2. Posteriormente, o servizo técnico da área correspondente elaborará un informe para cada unha das solicitudes que estean no ámbito de aplicación desta resolución. No dito informe definirase a tipoloxía das actuacións e a súa consideración como subvencionables, de acordo co ordinal décimo terceiro, a súa viabilidade, o prazo estimado da execución e o orzamento subvencionable, conforme as actuacións procedentes. Así mesmo, este informe establecerá unha preavaliación das actuacións subvencionables, obtida en aplicación do baremo establecido no ordinal décimo quinto desta resolución.

3. En calquera momento, a correspondente xefatura de área do IGVS poderá requirir ás comunidades solicitantes das axudas a información ou documentación adicional que se considere de relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes.

Vixésimo primeiro. Selección das comunidades beneficiarias

1. A Comisión de Selección, á vista dos informes das unidades de xestión patrimonial e dos servizos técnicos, ordenará as solicitudes de maior a menor, en función da súa preavaliación. O secretario da comisión redactará unha acta en que se indicará o total das solicitudes presentadas, as solicitudes non admitidas coas indicacións da súa causa, así como a lista das solicitudes seleccionadas segundo as puntuacións obtidas e a dispoñibilidade de crédito orzamentario.

2. As persoas titulares de cada xefatura de área, á vista da acta da comisión, requirirán as comunidades beneficiarias seleccionadas para que no prazo máximo de dous meses, contados desde a recepción da correspondente notificación, acheguen a seguinte documentación:

a) Licenza ou, no caso de non tela, solicitude dela, xunto co proxecto de execución das obras redactado por un técnico/a competente. No caso de que pola natureza ou polas características das obras non sexa preciso proxecto nin licenza, deberán presentar a comunicación previa e a memoria técnica presentada ao concello.

b) Orzamento das obras aprobadas, emitido pola empresa construtora encargada da execución.

De acordo co artigo 29.3 da LSG, cando o importe do gasto subvencionado supere as contías establecidas na Lei de contratos do sector publico vixente para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar e presentar tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da obra ou servizo.

3. De non presentarse a documentación requirida no prazo indicado, considerarase que a comunidade solicitante desiste da súa solicitude e ditarase a correspondente resolución.

4. Os servizos técnicos do IGVS, unha vez analizada a documentación achegada, emitirán un informe que indicará se as actuacións son subvencionables, a correspondencia coa memoria xustificativa da redución da demanda, o importe subvencionable, o importe da subvención, o prazo máximo para a finalización das obras e a anualidade correspondente para a xustificación de pagamento da axuda.

Vixésimo segundo. Propostas de resolución

As persoas titulares das xefaturas de área, á vista dos acordos da Comisión de Selección, proporán as resolucións de concesión e indicarán, no caso de que sexa estimatoria, o orzamento subvencionable, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter con ela, o plan financeiro, o calendario de execución, o prazo máximo para a finalización das obras, para a xustificación e para a solicitude de pagamento.

Vixésimo terceiro. Resolucións

1. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolverá de maneira motivada sobre a concesión das subvencións.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da comunidade beneficiaria, o orzamento subvencionable, a contía da subvención, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que se deban obter con ela, o calendario de execución ou prazo máximo para a finalización das obras, así como o prazo máximo para presentar a solicitude de pagamento. No caso de resolucións de concesión con pagamentos á conta, esta establecerá o importe máximo de pagamento que se pode solicitar por anualidade. Ademais, a resolución determinará as obrigas que lle corresponden á comunidade, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

3. As actuacións consideradas non susceptibles de ser subvencionadas por falta de crédito quedarán en reserva, por se puidesen ser atendidas, ben co crédito que quedase libre, de producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente subvencionados, ben co incremento do crédito orzamentario destinado a estas axudas que se poida producir, de conformidade co establecido no artigo 31.2.a) e b) da LSG.

4. As persoas titulares das xefaturas de área notificaranlles aos interesados tanto as resolucións estimatorias de concesión como as resolucións de desistencia, renuncia e denegación.

Vixésimo cuarto. Prazo da resolución

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses, contados desde a finalización do prazo de presentación das solicitudes. Transcorrido este prazo sen que se notifique a resolución, a axuda deberase entender rexeitada.

Vixésimo quinto. Recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro da correspondente convocatoria caberá recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, que deberá interporse no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Vixésimo sexto. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia ao IGVS, de acordo co establecido no artigo 94 da LPACAP.

Vixésimo sétimo. Obrigas das comunidades beneficiarias

1. Son obrigas das comunidades beneficiarias, ademais das recollidas no artigo 11 da LSG, as seguintes:

a) Executar o proxecto que fundamenta a concesión da subvención no prazo máximo establecido na resolución de concesión e manter as actuacións dos investimentos subvencionados destinados ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante, polo menos, un período de 5 anos.

b) Xustificar ante o IGVS o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a súa concesión.

c) Someterse ás actuacións de comprobación material do investimento que efectúe o IGVS, así como calquera outra actuación de comprobación e verificacións de control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, en especial, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Axencia Estatal, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, así como os órganos de control da Comisión Europea como o Organismo Intermedio, a Autoridade de Xestión, a Autoridade de Certificación e o Tribunal de Contas Europeo, para o cal se deberá achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores, e ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

d) Asinar a acta de conformidade que acredite a comprobación material do investimento, segundo dispón o artigo 30 da LSG, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, en cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles.

e) Dispor da documentación xustificativa durante, polo menos, un período de 3 anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación ou, no caso de operacións cun gasto subvencionable igual ou superior a 1.000.000 de euros, de 2 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

f) Comunicar inmediatamente ao IGVS cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, en relación coas actuacións que solicita, así como a modificación das circunstancias que teñan fundamentado a concesión da subvención. Esa comunicación deberase efectuar no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

g) Cumprir as obrigas en materia de información e comunicación sobre o apoio procedente do Feder, de acordo co punto 2.2 do anexo XII do Regulamento nº 1303/2013 e, de acordo coas especificacións técnicas establecidas nos artigos 3 ao 5 do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014, da Comisión, do 28 de xullo de 2014.

En particular, o beneficiario deberá informar o público do apoio obtido do Feder colocando unha placa permanente nun lugar visible do edificio obxecto da actuación, unha vez rematadas as obras. Para estes efectos, o IGVS, xunto coa resolución de concesión, facilitaralle ao beneficiario as características, o material, tamaño e modelo desta placa de información.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da LSG.

i) Aceptar a súa inclusión na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2 do Regulamento, e co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

2. As comunidades beneficiarias da axuda aceptarán a súa inclusión na lista que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios Europeos do Ministerio de Facenda, co contido previsto no número 1 do anexo XII e no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

3. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór eses feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Vixésimo oitavo. Inicio das obras

1. As obras iniciaranse logo da comunicación previa ou licenza municipal, segundo o caso, e deberán suxeitarse á memoria ou ao proxecto de execución redactado, así como ás instrucións do facultativo/a director/a das obras contratado/a para o efecto, se for procedente.

2. As comunidades que teñan iniciadas as obras no momento de presentar a solicitude deberán facer constar tal circunstancia no anexo I, así como a porcentaxe da obra executada.

Vixésimo noveno. Prazo de finalización das actuacións

1. O prazo para rematar as actuacións será o que se indique na correspondente resolución de concesión. De xeito excepcional, por motivos xustificados e antes do remate do prazo de finalización, as comunidades beneficiarias poderán solicitar prórrogas por un prazo non superior á metade do inicial, de acordo co artigo 45.3 do RLSG.

2. En ningún caso o prazo de remate, xustificación e solicitude de pagamento poderá ser posterior á anualidade final prevista na convocatoria correspondente. A falta da presentación da xustificación do remate da obra e da solicitude de pagamento no prazo comportará a perda do dereito do cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na LSG.

Trixésimo. Pagamento da subvención

O pagamento da axuda poderase realizar, de acordo co artigo 31 da LSG, conforme unha das seguintes opcións:

a) Pagamento único.

Neste caso, a comunidade beneficiaria, unha vez finalizadas as obras e dentro da anualidade indicada na súa resolución de concesión, deberá presentar a solicitude de pagamento (anexo II) xunto coa seguinte documentación:

– A xustificación das obras realizadas, mediante unha certificación das obras executadas no período e o seu importe, asinada pola dirección facultativa e o contratista das obras.

– As fotografías que mostren as obras executadas e o cartel de información, de acordo coas obrigas do beneficiario contidas na alínea g) do ordinal vixésimo sétimo.

– As facturas dos gastos correspondentes ao orzamento subvencionable (tanto das obras como dos honorarios e das taxas e licenzas).

– Os xustificantes de pagamento dos gastos correspondentes ás facturas presentadas.

No caso de que o beneficiario cedese o dereito de cobramento da subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda de acordo co ordinal trixésimo primeiro, non será necesaria a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

– O certificado final de obra asignado polo/a técnico/a que dirixiu a obra.

– O certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado.

– A licenza das obras ou, no caso de comunicación previa, a declaración responsable da persoa que representa a comunidade, conforme non recibiron notificacións do concello en contra da realización desas obras.

– As autorizacións que foren necesarias, no caso de actuacións de instalacións térmicas no edificio.

b) Pagamentos á conta.

Neste caso, que supón a realización de pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das obras subvencionables, a comunidade beneficiaria, cada vez que solicite un pagamento, deberá presentar o anexo II xunto coa seguinte documentación:

– A xustificación das obras realizadas, mediante unha certificación das obras executadas no período e o seu importe, asinada pola dirección facultativa e o contratista das obras.

– As fotografías que mostren as obras executadas e o cartel de información, de acordo coas obrigas do beneficiario contidas na alínea g) do ordinal vixésimo sétimo.

– As facturas dos gastos do orzamento subvencionable correspondentes ao período certificado.

– Xustificantes de pagamento polo importe das facturas presentadas.

No caso de que o beneficiario cedese o dereito de cobramento ao contratista das obras obxecto desta axuda de acordo co ordinal trixésimo primeiro, non será necesaria a presentación dos xustificantes de pagamento do importe correspondente a estes dereitos cedidos.

– A constitución de garantía mediante seguro de caución ou aval solidario que deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta, de acordo co artigo 67.2 e 67.3 do regulamento da LSG

– A licenza das obras ou, no caso de comunicación previa, a declaración responsable da persoa que representa a comunidade, conforme non recibiron notificacións do concello en contra da realización desas obras; na primeira solicitude de pagamento.

No caso da última solicitude de pagamento, unha vez rematadas as obras, ademais da anterior:

– O certificado final de obra asignado polo/a técnico/a que dirixiu a obra.

– O certificado de eficiencia enerxética do edificio rematado.

– As autorizacións que foren necesarias, no caso de actuacións de instalacións térmicas no edificio.

2. Despois do informe favorable do servizo técnico á vista da documentación presentada, a persoa instrutora do procedemento remitirá ao órgano competente do IGVS a proposta de pagamento. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, logo da resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

3. No caso de pagamento único, ao remate das obras, logo da presentación da solicitude de pagamento, aboarase o importe da subvención correspondente ao 80 % do orzamento total subvencionable e xustificado. No caso de pagamentos á conta ou parciais, o importe aboado por cada solicitude de pagamento presentada será o correspondente ao 60 % do orzamento subvencionable executado e xustificado nese período. Ao remate das obras, co pagamento da última solicitude presentada, aboarase o importe da axuda restante ata acadar o 80 % do orzamento total subvencionable e xustificado.

Trixésimo primeiro. Cesión do dereito de cobramento da subvención

1. As comunidades de propietarios/as poderán ceder o dereito do cobramento da súa subvención ao contratista das obras obxecto desta axuda. Neste caso, deberán presentar, xunto coa solicitude de pagamento e a documentación prevista no ordinal anterior, o anexo III debidamente cuberto.

2. A cesión do dereito de cobramento non afectará as facultades do IGVS, respecto da comunidade, sobre a revogación, modificación ou revisión da resolución de concesión e, se é o caso, do reintegro da subvención.

Trixésimo segundo. Reintegro da subvención e sancións

1. A falsidade das condicións requiridas para a obtención da subvención, o incumprimento dos seus obxectivos ou a existencia de calquera outra circunstancia das previstas no artigo 33 da LSG comportará, ademais da imposición das correspondentes sancións, a obriga do reintegro por parte do beneficiario das cantidades percibidas, incrementadas co xuro legal correspondente, de acordo co procedemento establecido no capítulo I do título II da LSG. Para estes efectos, enténdese que se incumpre o obxecto da subvención cando non se obteñan os resultados tidos en conta para a selección da actuación ou cando a execución das actuacións non alcance polo menos o 75 %.

2. A pesar de que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderase apreciar un incumprimento parcial nos seguintes supostos:

a) Cando no se cumpran as condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable. O alcance deste incumprimento determinarase proporcionalmente, segundo os conceptos subvencionables deixados de executar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, e deben reintegrarse as cantidades percibidas nesta proporción.

b) Cando non se manteñan os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido. Este incumprimento suporá a perda da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período incumprido.

c) Cando non se manteña a publicidade do financiamento do proxecto segundo a normativa comunitaria, de conformidade coa alínea g) do ordinal vixésimo sétimo destas bases. Este suposto levará á perda dun 2 % da subvención concedida.

d) Cando non se comunique ao IGVS a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas. Este caso suporá o reintegro do exceso percibido máis os xuros de demora e a perda dun 5 % da subvención concedida, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

e) Cando non se comunique ao IGVS a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Este caso suporá a perda do 5 % da subvención concedida.

Trixésimo terceiro. Información básica sobre a protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia –Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-IGVS– coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e dos contidos da Carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderanse fundamentar no consentimento das persoas interesadas, esta circunstancia reflectirase no dito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia. Os datos serán comunicados á Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos da Consellería de Facenda coa finalidade de realizar a xestión, o seguimento, a información, o control, a coordinación e o estudo da execución e avaliación dos programas operativos dos fondos procedentes da Unión Europea na súa condición de organismo intermedio dos programas operativos en virtude das funcións atribuídas pola Autoridade de Xestión dos programas operativos segundo o disposto no artigo 125, número 2; artigo 140, números 3 ao 5, e anexo XIII, número 3, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e nas súas disposicións de desenvolvemento.

4. Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Trixésimo cuarto. Información ás persoas interesadas

Poderase obter a documentación e a información deste procedemento administrativo a través dos seguintes medios:

a) Electrónicos, na páxina web da xunta: https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou na páxina web oficial do IGVS: www.igvs.gal/web/igvs/portada

b) Presenciais, nas áreas provinciais correspondentes e nos servizos centrais do IGVS.

CAPÍTULO III

Convocatoria para o exercicio 2020

Trixésimo quinto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación da solicitude será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

2. Entenderase como último día do prazo para a presentación de solicitudes o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación no mes de vencemento. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Trixésimo sexto. Intensidade da subvención

Nesta convocatoria a intensidade da subvención consistirá nunha porcentaxe do 80 % do orzamento subvencionable, conformado polos correspondentes servizos técnicos do IGVS, unha vez revisada a solicitude e ata un máximo de 12.000 euros por vivenda.

Trixésimo sétimo. Aplicación orzamentaria e contía

1. O importe máximo das subvencións instrumentarase financeiramente con cargo ao proxecto 2019 00007 e á aplicación 07.83.451A 781.2 dos orzamentos do IGVS, e a contía desta convocatoria será de 3.000.000 de euros, financiados con fondos Feder, repartidos en 1.500.000 euros para executar no ano 2020, 1.000.000 de euros no ano 2021 e 500.000 no ano 2022.

2. A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderá incrementar o crédito orzamentario destinado a estas axudas por producirse algunha das causas establecidas no artigo 31.2 da LSG e no artigo 30 do RLSG.

3. A taxa de cofinanciamento Feder desta actuación será do 80 %, computando como cofinanciamento nacional o investimento privado elixible achegado polas beneficiarias e correspondente ao 20 % restante.

Trixésimo oitavo. Eficacia

Esta resolución produce efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file