Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 26 de maio de 2020 Páx. 21205

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 7 de maio de 2020 de aprobación da modificación das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo para clasificar como solo urbano o polígono industrial de Suevos, para os efectos do artigo 60.16 da Lei do solo de Galicia.

O Concello de Arteixo remite unha modificación das normas subsidiarias municipais para os efectos da súa aprobación definitiva, regulada no artigo 60.14 e seguintes da Lei 2/2016, do solo de Galicia (en diante, LSG), que corresponde co artigo 144.14 e seguintes do seu regulamento aprobado polo Decreto 143/2016 (en diante, RLSG).

Analizada a documentación aprobada polo Pleno do Concello de Arteixo en febreiro de 2020, e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Arteixo dispón na actualidade dunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente pola Comisión Provincial de Urbanismo da Coruña o 23.3.1995 (texto refundido do 4.5.1995), ao abeiro de normativa anterior á Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia. O ámbito da proposta está afectado por unha modificación das normas subsidiarias aprobada definitivamente polo concello o 30.1.2003.

2. A modificación será realizada de oficio polo Concello de Arteixo.

3. A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente emitiu o 26.11.2015 un informe favorable á aplicación da disposición transitoria primeira da Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sustentable do litoral, no lugar industrial de Suevos.

4. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 26.7.2016 un informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con observacións.

5. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da Xunta de Galicia formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación con data do 2.9.2016, publicado no DOG do 27 de setembro de 2016, no que se resolve someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria e emite o documento de alcance do estudo ambiental estratéxico. No marco do proceso de consultas previas, contestaron, ademais da DXOTU:

a) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 20.7.2016.

b) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 27.7.2016, con observacións.

6. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 9.2.2017 un informe previo á aprobación inicial ao abeiro da Lei 22/1988, de costas, con observacións.

7. O Concello solicitou o 23.1.2017 á Demarcación de Costas do Estado en Galicia o informe previsto no artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas, sen que na data do 8.5.2017 fose recibida contestación no concello, de acordo coa dilixencia do rexistro de entrada desa data que consta no expediente.

8. O arquitecto municipal emitiu un informe o 24.5.2017, favorable á aprobación inicial, con pequenas correccións que se deben introducir. A técnico de administración xeral emitiu o 24.5.2017, coa conformidade da secretaria xeral do concello, un informe xurídico favorable á aprobación inicial.

9. O concello pleno aprobou inicialmente a modificación o 31.5.2017.

10. A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar emitiu o 19.6.2017 o informe previsto no artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas, con suxestións e observacións.

11. O arquitecto municipal emite 10.8.2017 un informe sobre o documento refundido para aprobación inicial presentado polo equipo redactor.

12. A modificación foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia do 21 de agosto de 2017 e Diario Oficial de Galicia do 24 de agosto), sendo presentada unha alegación, segundo o certificado do 25.10.2017 incluído para o efecto no expediente.

13. A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar resolveu aprobar a modificación da zona de servidume de protección de costas no ámbito con data do 4.8.2017.

14. No que afecta os informes sectoriais autonómicos e audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) a DXOTU emitiu un informe sobre o resultado do trámite o 3.1.2018 e outro complementario o 19.2.2018. Así:

• Foron emitidos os seguintes informes sectoriais autonómicos:

• Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 25.9.2017, no que se indica a non necesidade de someter a modificación ao informe da Comisión Galega de Protección Civil.

• Dirección Xeral de Enerxía e Minas: informe do 14.11.2017, acompañado dunha relación dos dereitos mineiros afectados.

• Instituto de Estudos do Territorio: informe do 4.12.2017, no que non se formula ningunha obxección.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 8.11.2017, favorable.

Foi solicitado o informe de Augas de Galicia, que non foi emitido no prazo legalmente establecido, polo que se entende emitido en sentido favorable.

a) Deuse audiencia aos concellos limítrofes da Coruña, Culleredo e A Laracha, sen que respondesen en prazo.

b) No trámite de consultas da avaliación ambiental estratéxica ordinaria contestaron:

• Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático: informes do 11.12.2017 sobre sustentabilidade ambiental, con observacións e do 30.10.2017 sobre solos contaminados, coa información ao respecto.

• Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar do 14.12.2017, con observacións.

• Deputación Provincial da Coruña: informe do 2.3.2018 (fóra do prazo), favorable con observacións, sinalando que é favorable ás aliñacións proxectadas e que en certo punto a calzada ten que ter máis de 7 m de largo.

Foron consultadas a Sociedade Galega de Historia Natural e a Federación Ecoloxista Galega, sen que respondesen en prazo.

15. No que afecta os informes sectoriais non autonómicos, constan os seguintes:

• Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe favorable do 6.10.2017.

• Dirección Xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa: informe do 14.11.2017, sen obxeccións.

• Secretaría Xeral da Delegación do Goberno en Galicia: escrito do 14.11.2017, no que se indica a non existencia de bens ou dereitos do Estado, e fai advertencias sobre o acceso ferroviario ao Porto Exterior da Coruña.

• Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar: informe do 17.5.2018, favorable con condicións, ao abeiro do artigo 117.2 da Lei 22/1988, de costas.

O concello solicitou o informe da Deputación Provincial da Coruña o 23.8.2017.

16. A interventora xeral municipal emitiu o 17.11.2017 un informe de fiscalización favorable, en atención a que a modificación non vai xerar consecuencias orzamentarias e contables. Consta no expediente un informe do redactor do 3.5.2017 onde xustifica a ausencia de estratexia de actuación e estudo económico.

17. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou declaración ambiental estratéxica favorable mediante a Resolución do 1 de xuño de 2018 anunciada no DOG do 5 de xullo.

18. O arquitecto municipal emitiu un informe favorable ao documento de aprobación provisional da modificación o 23.7.2018, no que se propón a estimación da alegación presentada. A técnico de administración xeral, coa conformidade da secretaria municipal emitiu o 27.7.2018 un informe no que se propón a estimación da alegación presentada e favorable á aprobación provisional da modificación. A secretaria municipal emite un novo informe o 1.8.2018.

19. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en pleno con data do 9.8.2018 coa indicación de que antes da remisión a esta consellería para a súa aprobación definitiva deben solicitarse os informes en materia de costas.

20. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o 27.9.2018 un informe favorable á modificación ao abeiro da Lei 22/1988, de costas.

21. A Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e do Mar emitiu o 18.12.2018 un informe favorable condicionado á modificación. A Demarcación de Costas do Estado en Galicia manifesta en escrito do 31.1.2019 que a servidume de tránsito que figura na modificación se adapta ao deslindamento e que nela se representa o acceso ao mar.

22. O concello remite a documentación mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 8.2.2019, acompañado de diversa documentación dixital do expediente e dos proxectos. O proxecto aprobado provisionalmente é de data de xullo de 2018.

23. O Servizo de Urbanismo da Coruña desta consellería requiriu a emenda das deficiencias observadas na documentación achegada mediante escrito do 7.3.2019. O concello remitiu documentación mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 6.3.2019.

24. O arquitecto municipal emitiu o 5.4.2019 un informe técnico favorable a un documento para unha segunda aprobación provisional. A técnico de administración xeral, coa conformidade da secretaria municipal emitiu o 8.4.2019 un informe xurídico no que se propón a segunda aprobación provisional da modificación.

25. A modificación foi aprobada provisionalmente polo concello en pleno de data 9.4.2019, coa indicación de que, tras a aprobación provisional, se eliminarán aqueles datos cuxa inclusión non sexa posible á luz da Lei orgánica 3/2018, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e concordantes.

26. O concello remitiu nova documentación mediante escrito que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 27.6.2019, documentación que inclúe un arquivo dixital co expediente administrativo (que engade ao arquivo dixital, respecto ao presentado en marzo, as páxinas 564 a 595, e o proxecto, con dilixencia de ter sido aprobado provisionalmente o 9.4.2019, que substitúe o anterior.

27. O Servizo de Urbanismo da Coruña desta consellería requiriu a emenda das deficiencias observadas na nova documentación achegada mediante escrito do 29.7.2019. O concello achegou a documentación requirida (o arquivo que contén os planos do proxecto, sen deformar) mediante escrito que tivo entrada no Rexistro da Xunta de Galicia o 13.8.2019.

28. O proxecto, de marzo de 2019, vén subscrito polos arquitectos Ángel Luis Monteliva Díaz, Íñigo de Miranda Osset e Pablo Mella Sánchez, agás o estudo ambiental estratéxico e o resumo de integración dos aspectos ambientais na modificación puntual, que veñen subscritos polo enxeñeiro agrónomo José Carlos González Cabo e a enxeñeira técnica industrial Elena García Rodríguez.

29. O concello remitiu o 11.11.2019 un escrito no que solicita a suspensión do prazo de resolución por mor da detección dunha eiva documental no proxecto.

30. O arquitecto municipal emitiu un informe favorable a un novo documento de aprobación provisional o 18.2.2020. A técnico de administración xeral, coa conformidade da secretaria municipal, emitiu o 19.2.2020 un informe no que se propón a aprobación provisional da modificación.

31. O pleno municipal aprobou provisionalmente un proxecto corrixido en sesión de data 27.2.2020.

32. O concello, mediante escrito do 29.2.2020 que tivo entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia o 10.3.2020, solicita a aprobación definitiva do proxecto corrixido. Acompaña un disco compacto co proxecto, así como documentación administrativa.

33. Con data do 4.5.2020 a Subdirección Xeral do Territorio emite informe á modificación respecto ao seu axuste ás determinacións do Plan de ordenación do litoral.

34. Ante a situación da crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, declarouse, mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, o estado de alarma en todo o territorio nacional, por parte do Goberno de España.

A disposición adicional terceira do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, na súa redacción dada polo Real decreto 465/2020, do 17 de marzo, refírese á suspensión dos prazos administrativos, sinalando a suspensión de termos e a interrupción dos prazos para a tramitación dos procedementos de todo o sector público definido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Porén, a propia disposición prevé que as entidades do sector público acorden, motivadamente, a continuación daqueles procedementos administrativos referidos a situacións estreitamente vinculadas aos feitos xustificativos do estado de alarma, ou que sexan indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos.

En atención ao exposto, de conformidade coa Orde da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do 27 de abril de 2020, publicada no DOG núm. 84, do 4 de maio, acórdase o inicio e/ou a continuación da tramitación de determinados procedementos indispensables para a protección do interese xeral ou para o funcionamento básico dos servizos públicos no ámbito da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, durante a vixencia do estado de alarma, entre eles, o de tramitación dos instrumentos de planeamento urbanístico, tal e como consta no número 3 do anexo da citada orde.

II. Obxecto e descrición da proposta.

1. A modificación afecta uns terreos que suman un total de 9,69 hectáreas situados na proximidade do núcleo de Suevos, nos que se erixen un conxunto de edificacións que corresponden coa factoría Ártabra (hoxe Sarval Bio-Industries Noroeste, S.A.U.) e o antigo matadoiro de Mafriesa, implantados inicialmente, de acordo co punto 3.3 da memoria da modificación, nas décadas de 1960 e 1970.

2. O ámbito sitúase contiguo ao dominio público marítimo-terrestre, de xeito que en ningún punto supera os 250 m de distancia respecto del. Na planimetría do planeamento vixente consta unha servidume de protección de 100 m de largo. No expediente consta o informe do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente do 26.11.2015 favorable á aplicación ao ámbito do réxime establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2013, que posibilita a redución do largo da zona de servidume de protección a 20 m. O mesmo ministerio emitiu o informe favorable condicionado á modificación mencionado nos antecedentes deste informe.

3. O Plan de ordenación do litoral de Galicia aprobado polo Decreto 20/2011 (POL) inclúe a maior parte do ámbito na área de mellora ambiental e paisaxística, e nas zonas do borde norte unha pequena zona na área de protección costeira. Así mesmo, a ficha de paisaxe correspondente considera estas edificacións de uso industrial-empresarial situadas na fronte costeira, xunto á praia de Agua Doce e o Rego de Suevos, como ámbito de recualificación do POL. Consta informe ao respecto da subdirección competente.

4. As normas municipais vixentes, modificadas en 2003, prevén no ámbito as seguintes determinacións:

a) No seu extremo sur-centro, nunhas 3,5 hectáreas, como solo non urbanizable común (NU).

b) No resto do ámbito, como «sistema de protección de costas» (SC), incluído no ámbito do plan especial PE-3-1 definido na modificación aprobada en 2003, no que esta prevé os usos previstos na ordenanza INDU (solo industrial) das normas subsidiarias (artesanal e industrial, oficinas..., comercial..., uso complementario hostaleiro, social e sanitario...). Non consta a aprobación do plan especial. As normas subsidiarias non inclúen o ámbito no solo urbano nin nos núcleos rurais.

5. O réxime actualmente aplicable aos terreos de conformidade coa disposición transitoria primeira.2.d) da LSG é o disposto nesta para o solo rústico. Así, é de aplicación o disposto para:

a) O solo rústico de protección de costas á zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre e na área de protección costeira do Plan de ordenación do litoral (artigo 34.2.d) da LSG).

b) O solo rústico de protección das augas no dominio público hidráulico, as súas zonas de policía e na zona de fluxo preferente (artigo 34.2.c) da LSG).

c) O solo rústico de protección de infraestruturas, á zona de dominio público viario e ás zonas de afección da estrada provincial que atravesa o ámbito (artigo 34.2.e) da LSG).

Fóra de tales ámbitos, ou doutros suxeitos a especial protección, é de aplicación o disposto para o solo rústico de protección ordinaria.

6. No caso das edificacións, a aquelas que conten con licenza urbanística anterior á LSG élles de aplicación o establecido na disposición transitoria terceira da LSG, que permite o mantemento do uso e as obras de mellora e reforma, así como ampliacións, nas condicións sinaladas na dita disposición.

7. A modificación propón a reclasificación do ámbito de solo rústico a solo urbano consolidado, con base na existencia de malla urbana, servizos urbanísticos e consolidación edificatoria (ben que esta última non se xustifica) que cumprirían os requisitos establecidos nos artigos 16 e 17.1.a) da LSG. Nos terreos así clasificados prevese o trazado de aliñacións da rede viaria e cualifícase o resto como solo urbano industrial, cunha ordenanza con previsión de uso industrial, co comercial como complementario.

8. O proxecto aprobado provisionalmente o 27.2.2020 (DAP 2020) cambia unha serie de aspectos respecto do aprobado provisionalmente o 9.4.2019 (DAP 2019 ou DAP) que se resumen no punto 0 daquel e que, en síntese, son:

a) Mención á existencia de abastecemento de auga municipal na parcela de Sarval Bio-Industries, incorporando copia do contrato de subministración no anexo 4 da memoria.

b) Establecemento de límites de edificabilidade no plano O-02, de xeito que a superficie edificable total non supera en máis dun 30 % a existente, non estando así no suposto do artigo 17.b).3 da LSG (actuación de dotación).

c) Modifícase a regulación dos usos complementarios, limitando o seu alcance.

d) Engádese unha alínea sobre o cumprimento da normativa sectorial.

e) Engádese unha alínea sobre as situacións fóra de ordenación e de desconformidade coa ordenación.

f) Corríxese o grafado do último treito do Rego de Suevos nos planos ID-02, IP-02, O-02, O-03, O-04, O-05, e O-06.

g) Incorpórase o grafado da afección de estradas no plano I-05.

h) Incorpórase a superficie construída existente en cada quinteiro no plano ID-02.

i) No plano ID-04 e O-04 sobre redes de servizo elimínanse as futuras redes de abastecemento de auga e saneamento non vinculadas coa actuación.

l) Incorpórase un plano de zonificación acústica, o O-06.

9. As determinacións básicas da modificación resultante son as seguintes:

a) Clase e categoría de solo: urbano consolidado.

b) Uso global: industrial.

c) Cualificación do solo: prevese unha única norma zonal pero con dúas variantes de uso ou tipoloxía:

• Uso e tipoloxía A: comprende os catro quinteiros máis ao oeste do ámbito (Sarval Bio-Industries), nos que se prevé edificacións e instalacións fabrís destinadas maioritariamente a actividades produtivas e de xestión de residuos animais. Comprende unha superficie de solo de 47.485 m² e unha superficie edificable máxima de 18.985 m².

• Uso e tipoloxía B: comprende o quinteiro situado no leste do ámbito (antiga factoría de Mafriesa), no que se prevén edificacións tipo nave destinadas maioritariamente ás actividades relacionadas coa loxística, a pequena industria e a almacenaxe. Comprende unha superficie de solo de 33.150 m² e unha superficie edificable máxima de 21.562 m².

III. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, infórmase:

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 da LSG e punto III.1 do informe da DXOTU do 26.7.2016).

O punto III.1 do informe da DXOTU do 26.7.2016 sinala como tales «o recoñecemento dunha situación de facto cunha dupla dimensión:

a) Social e económica: o carácter potenciador da economía local das actividades existentes. A situación fóra de ordenación actual impide unha dinámica de adecuación, modernización e, se é o caso, pequenas ampliacións das instalacións.

b) Ambiental: a mellora das condicións de integración e de relación co medio físico e natural, en especial co medio litoral costeiro, o mantemento da actividade de tratamento de residuos animais, así como o mantemento do patrimonio construído e a súa revalorización».

2. Carácter da actuación. Malla urbana e servizos urbanísticos (punto III.2 do informe da DXOTU do 26.7.2016).

O punto III.2 do informe da DXOTU do 26.7.2016 facía unha única observación, sobre a existencia de rede de abastecemento de auga. Agora, o punto 2.8 do texto do proxecto aprobado provisionalmente en 2020 sinala que o abastecemento de auga da planta de tratamento de residuos animais (Ártabra) é autónomo (captación no Rego de Suevos), coa mención expresa de que, desde 2019, conta con conexión coa rede de abastecemento municipal de auga, e inclúe no anexo 4 a documentación do contrato correspondente.

A este respecto, cómpre salientar que o expediente inclúe un informe do equipo redactor no que se sinala que a modificación non require estratexia de actuación nin estudo económico, xa que, ao ser solo urbano consolidado, non é necesario ningún tipo de urbanización que implique a necesidade de tales documentos. Os planos ID 4 e O-04 do proxecto xa non conteñen o trazado de futuras redes de abastecemento de auga e de saneamento, que non estaban vinculadas ao ámbito.

3. Outras observacións do informe da DXOTU do 26.7.2016, sinaladas no punto III.2 deste:

a) Os proxectos aprobados provisionalmente incorporan un anexo 4 sobre antecedentes administrativos e urbanísticos, para cumprir co indicado no punto III.2.a) do informe da DXOTU do 26.7.2016. Tal anexo achega unha colección de documentos relativos á existencia e legalidade das instalacións existentes no ámbito da modificación. Achégase en anexo a este informe a relación dos documentos relativos a autorizacións ou licenzas.

b) O proxecto aprobado provisionalmente agora presentado fixa a superficie edificable tal e como é detallada no plano O-02, que a establece de forma separada para cada un dos cinco quinteiros que se definen, dando así cumprimento ao indicado no punto III.3.b) do informe da DXOTU do 26.7.2016.

c) A zonificación acústica asignada segue a ser, como no borrador, a de sectores do territorio con predominio de solo de uso industrial (zona b) segundo o Real decreto 1367/2007) o que se axeita aos usos permitidos nos proxectos aprobados provisionalmente, nos que se suprime como uso alternativo o de terciario-comercial que figuraba no borrador, dando así cumprimento ao indicado no punto III.3.c) do informe da DXOTU do 26.7.2016. Incorpórase, ademais, un plano de zonificación acústica.

4. Outras observacións:

a) O punto 5.3 da memoria do documento de aprobación provisional de 2020 sinala que a edificabilidade prevista, de 40.547 m², fronte á existente de 31.190 m², non supón un incremento superior ao 30 % de aproveitamento, co que non se está ante unha actuación de dotación das previstas no artigo 17.b).3 da LSG.

b) Nos planos I-05 e IP-01 introdúcese agora o grafado dos límites das zonas de afección das estradas provincial e estatal que se representan.

5. Adaptación ao Plan de ordenación do litoral.

No modelo territorial do POL, a práctica totalidade do ámbito obxecto da modificación puntual está dentro da área de mellora ambiental e paisaxística, agás pequenas incidencia da área de protección costeira, formando parte da unidade 04_01_139 (Rego de Suevos), sen que concorran outra. Na ficha correspondente a esta unidade sinálase como ámbito de recualificación as edificacións industriais do extremo norte da unidade, que son precisamente as incluídas na modificación puntual. Estes ámbitos correspóndense, tal e como se recolle no artigo 17 da normativa do POL, con áreas desconformes co seu modelo territorial. Por outra parte, na cartografía e usos e elementos para a valoración, o ámbito figura como superficie artificializada polas edificacións existentes, sen que existan outros usos que merezan especial protección.

Primeiramente cómpre sinalar que as edificacións industriais existentes no ámbito da modificación puntual foron implantadas ao abeiro de diferentes licenzas e autorizacións desde os anos 60 do pasado século, polo que, ao abeiro do artigo 95 da normativa do POL, poden seguir desenvolvendo a súa actividade con independencia da súa conformidade con el, sendo o planeamento urbanístico o que estableza os parámetros e condicións para a súa reforma, ampliación ou cambio de uso, se é o caso, coas especialidades establecidas para as áreas de recualificación.

Neste caso, aínda que a verdadeira recualificación deste ámbito costeiro debería considerar, en liña co recollido na determinación 3.2.4 das DOT, a recolocación das instalacións nun lugar máis adecuado ás súas características, a reducida escala da modificación (limitada a recoñecer o axuste ás condicións regradas do solo urbano consolidado da Lei 2/2016), impide fixar unha estratexia global para acadar a citada relocalización, para o que serían precisas, como se recolle na citada determinación das DOT, a existencia de medidas públicas para favorecela, ademais dun instrumento de ordenación dunha escala superior.

En tanto non sexa posible o anterior, enténdese apropiadas, como únicas posibles, as medidas propostas derivadas do estudo de impacto e integración paisaxística realizado, encamiñadas principalmente á incorporación de barreiras vexetais que reduzan a visión das construcións industriais, a mellora da actualmente precaria urbanización do ámbito e a adecuación da zona da praia de Auga Doce e do contorno do Rego de Suevos.

Respecto da nova clasificación outorgada aos terreos, sendo unha cuestión regrada na lexislación urbanística e non contendo o POL determinacións relativas á clasificación do solo, non se formulan obxeccións ao respecto.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Arteixo (A Coruña) para clasificar como solo urbano o Polígono Industrial de Suevos.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a MP do PXOM no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En todo caso, de conformidade co previsto na disposición adicional segunda do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19, o prazo para a presentación do recurso contencioso-administrativo atópase suspendido e reiniciarase unha vez finalice a vixencia do citado real decreto ou, se é o caso, as súas prórrogas.

Santiago de Compostela, 7 de maio de 2020

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda