Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 26 de maio de 2020 Páx. 21290

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 19 de maio de 2020 pola que se amplía a dotación orzamentaria da convocatoria de subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020, para o exercicio 2020.

O 26 de febreiro de 2020 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 6 de febreiro de 2020 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación xestionadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para o ano 2020.

No punto tres do ordinal terceiro da citada resolución sinálase que as contías establecidas nestas convocatorias poderán ser obxecto de ampliación por resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, e terá efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

No ordinal décimo sexto da devandita resolución convócanse as subvencións para o Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI406A). No seu resolvo dous indícase que as subvencións previstas nesta convocatoria se farán efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451A.760.0, por importe de 100.000 euros.

Tendo en conta que a data de hoxe existen remanentes de crédito de convocatorias anteriores, e que o crédito fixado na convocatoria é insuficiente para atender o número de solicitudes habituais neste programa, é necesaria a ampliación do crédito establecido inicialmente.

De conformidade co artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e co punto tres do ordinal terceiro da Resolución do 6 de febreiro de 2020, é competente para ditar esta resolución a persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Polo exposto,

RESOLVO:

Único. Ampliar a dotación orzamentaria para a convocatoria de subvencións do Programa de infravivenda do Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora de acceso á vivenda 2015-2020 (código de procedemento VI406A)

O incremento da dotación será de 100.000 euros, para a anualidade de 2020, polo que a contía máxima das subvencións que se poderán conceder con cargo a esta anualidade será de 200.000 euros.

Esta ampliación non implica a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo do prazo máximo para resolver.

Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo