De conformidade co establecido no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 pola que se establecen as bases do procedemento para a provisión dos postos de xefatura e coordinación das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, convocouse pola Resolución LD 8/2019, do 12 de decembro (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2020), a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de supervisor/a da Área de Hospitalización Cirúrxica.
Con base no Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, na Orde do 22 de abril de 2020, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, e no Decreto 134/2019, do 10 de outubro, polo que se regulan as áreas sanitarias e os distritos sanitarios do Sistema público de saúde de Galicia, esta xerencia
DISPÓN:
Primeiro. Resolver a convocatoria pública para a provisión do posto de supervisión da Área de Hospitalización Cirúrxica da Área Sanitaria de Vigo, convocado pola Resolución do 12 de decembro de 2019.
Segundo. Nomear para o posto que se indica a persoa citada no anexo desta resolución.
Terceiro. A aspirante nomeada deberá cesar na praza que desempeñe, dentro dos tres días hábiles seguintes a aquel en que se publique esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
A toma de posesión do posto de traballo adxudicado deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ao do cesamento, se a praza desempeñada e o posto adxudicado son da mesma área de saúde, ou no prazo de quince días, se son de distinta área. Para estes efectos, entenderase por praza desempeñada a efectivamente ocupada, con independencia de que sexa en condición de destino definitivo, adscrición ou destino provisional ou comisión de servizos.
Se así o permiten as necesidades do servizo, e por petición motivada da interesada, os prazos a que se refiren os parágrafos anteriores poderán ser prorrogados polo órgano convocante.
O prazo de toma de posesión e a súa prórroga terán a consideración de servizo activo e percibiranse os correspondentes haberes de conformidade co que estableza a orde sobre a confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.
Entenderase que solicita a excedencia voluntaria por interese particular e será declarado nesa situación polo órgano competente quen non se incorpore ao posto adxudicado no prazo establecido.
Cuarto. Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, nos termos previstos nos artigos 121 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Vigo, 12 de maio de 2020
Julio García Comesaña
Xerente da Área Sanitaria de Vigo
ANEXO
Denominación do posto: supervisión da Área de Hospitalización Cirúrxica.
Nome e apelidos: Ana Isabel Paz Flores.
DNI: *212X.