Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Venres, 22 de maio de 2020 Páx. 20986

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 19 de maio de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social do COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento VI432E).

BDNS (Identif.): 506598.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Teren a nacionalidade española ou residiren legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.

b) Seren titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.

c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as demais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento na data da presentación da solicitude.

d) Estaren en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e/ou no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Segundo. Obxecto

Concesión de axudas ao alugueiro, mediante a adxudicación directa, ás persoas arrendatarias de vivenda habitual que, como consecuencia do impacto económico e social do COVID-19, teñan problemas transitorios para atender o pagamento parcial ou total do alugueiro. Especificamente, o programa inclúe no seu obxecto a concesión de axudas para facer fronte á devolución das axudas transitorias de financiamento recollidas no artigo 9 del Real decreto lei 11/2020, polo que se adoptan medidas urxentes complementarias no ámbito social e económico para facer fronte ao COVID-19, contraídas polas persoas arrendatarias de vivenda habitual a cuxa devolución non puidesen facer fronte.

Terceiro. Bases reguladoras

Son as contidas nesta resolución.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 07.83.451B.480.6 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2020, por un importe de 7.901.884 euros.

2. A contía establecida poderá ser obxecto de ampliación mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e producirá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2020 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2020

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo