Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Luns, 18 de maio de 2020 Páx. 20436

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2020, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se continúa o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos (código de procedemento PR460A).

I. O Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, declara o estado de alarma. Nas súas disposicións adicionais terceira e cuarta decreta a suspensión de prazos administrativos e de prescrición e caducidade.

II. No mesmo sentido, a Resolución do 15 de marzo de 2020, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Centro de Coordinación Operativa (Cecop), mediante o que se adoptan medidas preventivas en lugares de traballo do sector público autonómico como consecuencia da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19, no seu punto sétimo decreta a suspensión e a interrupción dos prazos dos procedementos das entidades do sector público da Comunidade Autónoma de Galicia e, no oitavo, a interrupción dos prazos de prescrición e caducidade.

III. O Acordo do Consello de Xunta do 3 de abril sobre a continuación de procedementos de adxudicación de contratos e de concesión de subvencións que estivesen en tramitación no momento da entrada en vigor do Real decreto 463/2020, do 14 de marzo, establece aspectos relativos á continuación dos procedementos de concesión de subvencións respecto dos cales xa se tivesen aprobado e publicado as correspondentes bases reguladoras e convocatoria, pero non se tivese ditado resolución de concesión no dito momento.

IV. O 4 de marzo de 2020 publicouse no DOG a Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos (código de procedemento PR460A).

O artigo 5.2 das ditas bases establecía que o prazo de presentación de solicitudes sería dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Coa entrada en vigor do Real decreto 463/2020, o 14 de marzo de 2020 suspendeuse o prazo de presentación de solicitudes.

V. Por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020 sobre a continuación da tramitación de determinados expedientes e procedementos en materia de subvencións, no eido da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico autorizouse que o órgano competente para a aprobación das bases reguladoras de subvencións poida acordar, mediante resolución debidamente motivada, a continuación dos expedientes de subvencións, actualmente en tramitación, que se relacionan no anexo.

Entre os expedientes relacionados no citado anexo ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 24 de abril de 2020 atópase a Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos (DOG núm. 43, do 4 de marzo).

VI. De acordo coa disposición derradeira segunda da Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior está facultada para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

VII. O 13 de maio de 2020 ditouse Resolución da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior pola que se levantaba a suspensión dos prazos e a continuación da tramitación deste procedemento de concesión de subvencións.

De acordo co anterior,

RESOLVO:

Continuar o prazo de presentación de solicitudes da Orde do 20 de febreiro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, que será de 24 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2020

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral de Emerxencias e Interior